DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escrito por Xosé-Henrique Costas co apoio da ANL, presentouse este mércores en Redeiras

A Universidade recolle nun libro máis dun cento de refráns e 400 palabras que definen ‘A fala de Vigo’

Fronte ao ‘centro urbano castelanizado’ o volume defende a vitalidade do idioma nas parroquias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 13/11/2024

“Vigo é moito máis que o centro urbano castelanizado, Vigo é tamén Rorís, A Falcoa, O Freixo, Moledo, Mide, Baruxáns, O Carballal, Redomeira ou Marcosende, o Vigo de sempre onde o galego é aínda a lingua habitual”. Así de categórico se amosou este mércores o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Xosé-Henrique Costas, na presentación do seu último libro A fala de Vigo.Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal, unha obra editada co apoio da Área de Normalización Lingüística e na que se defende con rotundidade que na cidade máis castelanizada de Galicia é posible escoitar o galego pola rúa, en buses e mercados, en bares e tendas mais, sobre todo, nas parroquias.

Foi nun acto celebrado no edificio Redeiras no que Costas estivo acompañado pola vicerreitora de Extensión Universitaria Susana Reboreda, quen fixo referencia á longa traxectoria do catedrático vigués como ‘investigador e activista do galego’, polo que, “en canto nos chegou esta proposta á Universidade de Vigo, non dubidamos en darlle todo o noso apoio”.

Tal e como se explicou durante a presentación, o libro naceu cando a asociación de voluntariado lingüístico Faladoiros-Vigo lle encargou ao profesor Costas unha conferencia sobre A fala de Vigo. “A raíz dos materiais e mapas elaborados para esa charla, valorouse a posibilidade de imprimir unha publicación e facela chegar a todos os centros de ensino, asociacións veciñais e culturais etc., para que a xente coñecese por esta divulgación científica como é o galego falado no Val do Fragoso”, explicou o docente, quen traballou durante algúns meses recopilando léxico diferencial vigués, así como refráns e frases feitas propias da contorna viguesa.

Centos de detalles característicos e exclusivos do falar de Vigo

O volume ábrese cun  soneto a Vigo de Darío Xohán Cabana, continúa cun limiar dun “vigués de adopción” como Xosé Luís Méndez Ferrín e arrinca coa descrición dos principais trazos fonéticos e morfolóxicos do falar de Vigo. “A de Vigo é unha fala suroccidental galega, con todas as súas características macrodiferenciais: miña irmán, a mañán, as rans, as mans, gheada, seseo etc.”, explicou Costas.

Entre outra moita información sobre a fonética, fonoloxía e prosodia propia das diferentes parroquias do Concello de Vigo, a obra recolle un cento de refráns, frases feitas e locucións típicas do galego falado en Vigo. Dende ‘dar en tolo’ ou ‘ir a Vigho por mirar Canghas’ ata ‘quen che dera piche pola costa de Peniche’, pasando por : a cabra co visio dá cos cornos no cu / quen cala fode a quen fala / quen de novo foi bailador de vello dálle un xeitiño etc., etc.

En canto ao léxico afondan nalgúns sufixos especiais (un peleiro / un pelo), Así mesmo defínense arredor de 400 palabras de uso común en Vigo que raramente aparecen en dicionarios ou aparecen con outros significados, algunhas exclusivas de Vigo e outras comúns co suroeste de Pontevedra, incorporando tamén galicismos, anglicismos, xitanismos e castelanismos adaptados ao falar vigués. “Cando un vigués di que se aluga un baixo lóbrego, non se refire a falla de luz como acontecería en calquera outro lugar galego, senón simplemente a que está totalmente baleiro, sen divisións”, exemplificou o docentes, quen fixo fincapé en que hai moitas palabras que son iguais, pero que teñen unha significación distinta.

Os exemplos de palabras ‘propiamente viguesas’ son múltiples. Chiflaso, Delourar, Fanado, Fariñoque, Ghaldrumeiro, Ghichar, Marmanxo, Marreca, Pello, Petouraso, Pisca-pisca… “En Vigo xogamos ao ‘pai-fillo-nai’ no canto de ao tres en raia, dicimos pelo no canto de mariola e prememos o pisca-pisca do coche no canto do intermitente”.

Concibida como unha obra de divulgación, a pretensión é que o volume chegue a todos “os centros de ensino, asociacións veciñais, deportivas, musicais e culturais, e a todas as persoas curiosas, que queiran saber máis de como se fala o galego de Vigo”.

Xa nas librarías a segunda obra de ficción de Xosé-Henrique Costas

Ao marxe desta presentación, esta semana chegou tamén ás librarías Entre a vontade e o destino, o segundo libro da triloxía Banu Marwán: a estirpe do galego, a primeira obra de ficción de Xosé-Henrique Costas, unha novela histórica que discorre na Galicia e na Hispania dos séculos VIII e IX.

Editada por Morgante -grupo Rinoceronte-, a narración retoma o final do primeiro libro, Ao sur da liberdade, con Marwán, fillo de Ianes ‘O Galego’ acollido na alfama de Munt Sáluti, onde emprende unha nova vida e acaba profesando o xudaísmo. Despois dun revés da vida, Marwán segue camiño ata Mérida e alí, grazas aos seus contactos e á súa habelencia, entra ao servizo da administración amiral hispana e vai subindo na escala social ata chegar a ser nomeado valí ou gobernador de Mérida, unha cidade adoito insubmisa e levantadiza contra o poder de Córdoba.

“Esta segunda entrega da triloxía dos Banu Marwán mergúllanos de cheo nunha sociedade maridí hispana moi conflitiva e asemade conciliadora, onde a xente do pobo só persegue sobrevivir fronte ás fortes presións dos poderosos e ás tensión dos diversos grupos sociais, políticos, étnicos e relixiosos”, explica o catedrático vigués, que fai fincapé en que a través das súas páxinas vanse mesturando sentimentos universais, omnipresentes en todos os tempos, que van da lealdade, ao amor, a amizade, o poder, a traizón, os intereses e comenencias, as crenzas relixiosas... “Son temas que van ganduxando este novo relato histórico dun clan galego en difícil equilibro nunha Hispania convulsa e inestable que se empeza a islamizar”, recalca o autor.