DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o lema Cultura Segura, regresan de xeito presencial a Miteu e o festival Sonora

A Universidade retoma a súa programación cultural cunha aposta renovada polas creadoras e creadores locais

A estrea será este xoves ás 18.30 horas no Vidal Bolaño da man da Aula de Teatro Universitaria de Lu

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
D. Besadío DUVI 19/04/2021

Transcorrido máis dun ano do xurdimento da pandemia da covid-19, a Universidade de Vigo retoma esta semana a súa programación cultural e faino máis comprometida que nunca coas creadoras e creadores locais e convencida de que, nestes momentos tan duros para o sector cultural, as institucións públicas deben dar un paso adiante na promoción e valorización da cultura galega. Baixo o lema Cultura Segura, o teatro e a música volven á UVigo da man de dous dos seus grandes emblemas: a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu, que acada así a a súa XXIII edición, e o Festival Sonora, rebautizado como Sonora 2.1, xa que nesta ocasión o concerto contará cunha única actuación.

“Na Universidade de Vigo sempre se fixo unha aposta por unha programación cultural novidosa e de calidade e nestes intres, nos que o sector o está a pasar tan mal, faremos o posible por reforzar o noso apoio ás creadoras e creadores locais”, explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, quen salienta tamén o feito de que todas as actividades se levarán a cabo baixo o lema Cultura Segura, respectando todas as recomendacións que vaian ditando as autoridades sanitarias, de xeito que a comunidade universitaria poida volver a gozar da cultura in situ coa tranquilidade de que son espazos seguros.

A edición máis galega da Miteu, con reserva previa

A estrea da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu, será este mesmo xoves, 22 de abril, coa representación de A emperadora, da Aula de Teatro Universitaria de Lugo, ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. “Nesta ocasión, debido ás actuais restricións á mobilidade, todas as actuacións van estar protagonizadas polas aulas de teatro das universidades galegas”, explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, ao que engade que se as circunstancias mellorasen de xeito considerable podería ampliarse a programación con algunha obra do resto do Estado ou de Portugal. “Pese á pandemia, as aulas de teatro mantiveron os seus ensaios, empregando as máscaras e adaptándose á normativa Covid, e a Miteu será o mellor escaparate para amosar o seu traballo”, recalca Caride, quen tamén adianta que dous días antes de cada posta en escena se lles fará unha PCR a todos os actores e actrices. 

Como principal novidade e ante a actual situación sanitaria, para acudir ás representacións é necesario reservar a butaca enviando un correo electrónico a extensión@uvigo.gal ou a través do teléfono 986.813.626 ata as 13.00 horas do día da función. A capacidade do Teatro Vidal Bolaño está agora limitada a 49 butacas e, en cada función farase unha listaxe das persoas asistentes que se gardará durante un mes por se fose necesario localizar a alguén. 

A obra coa que se vai estrear a Miteu, A Emperadora,  de Carmen Conde, recrea a vida nunha aldea do rural profundo de Lugo que se ve alterada pola morte dunha das súas veciñas e o seu velorio, ao que se achegan xentes de toda a comarca para darlle a despedida. “Lonxe de tratarse dunha persoa especialmente querida, veñen atraídos polos rumores de como vai vestida. O velorio será toda unha oportunidade de redescubrir á nai, a través das anécdotas que van escoitando da defunta as fillas... Unha comedida negra baseada en feitos reais que só podería ter acontecido en Galicia”, tal e como se salienta na sinopse.

O programa de actuacións continuará os mércores 28 de abril, 12 e 19 de maio. O 28 de abril farao coa Aula de Teatro Universitaria da USC, que representará a obra A casa da Forza 2, 52-88, unha peza centrada nun traballo dramatúrxico das páxinas 52 a 88 do texto de Angélica Liddell La casa de la fuerza (Ediciones La uÑa RoTa, 2011, Segovia). O 12 de maio será a quenda da Aula de teatro universitaria de Ourense. Maricastaña 2021 que, baixo a dirección de Fernando Dacosta, porá sobre o escenario Aínda que siga brillando a lúa.  A clausura da mostra será o mércores 19 de maio cos anfitrións, a Aula de Teatro Universitaria de Vigo, que representará Tic Tac, unha obra de Suso de Toro dirixida por Sonia Rúa e Casilda Alfaro.

Todas as representacións serán ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño, con entrada libre ata completar as prazas  e con reserva previa. “Por motivos de seguridade covid este ano tampouco imos facer dípticos informativos pero os carteis levan incorporado un código QR do que se pode descargar toda a información desta edición da Miteu”, engade o técnico de actividades culturais.

Sonora 2.1 será o 5 de maio con Laura LaMontagne & Pico Amperio

O regreso da música ao campus será o 5 de maio ás 18.00 horas, tamén no Vidal Bolaño, co Festival Sonora 2.1, unha tarde de música que estará protagonizada por Laura LaMontagne e Pico Amperio,  dúo que oscila entre a tradición galego-portuguesa das cantigas de amigo, ritmos electrónicos e ambientes íntimos. Neste caso o espectáculo formúlase a modo de concerto hip hop, cun DJ Set e espazo para a intérprete. Será unha actuación na que se mesturarán voz, samplers, bases, scrath e loops en directo.

Laura LaMontagne e Pico Amperio pasaron xa por festivais como Atardeceres no Gaiás ou San Froilán e achegaron música a diferentes actos, entre eles, a apertura da exposición Galicia. Un relato no mundo. Tamén interviñeron no programa musical FEEEL, da BETEVé, e nos ciclos MUBEA, na Alhambra, en Granada. Como recoñecemento ao seu percorrido, conseguiron o primeiro posto na lista demoscópica de Mondosonoro, na edición de Galicia-Castilla León 2019 e, xa no 2020, o seu proxecto foi galardonado co Premio Martín Códax da Música, na categoría de Músicas Urbanas.

Totalmente de balde, ao igual que na Miteu é necesaria reserva previa –no mesmo enderezo electrónico ou número de teléfono-.