DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da Cátedra ACP-Innova, promovida coas empresas Saraiva, Activiza e Envita

Universidade e sector empresarial colaboran no fomento dun “novo modelo de coidados” nos centros de maiores 

Implica o fomento da investigación e innovación, así como a formación de profesionais 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 17/06/2021

Fomentar a investigación, a innovación e a formación no ámbito do sector sociosanitario orientado ás persoas maiores é o obxectivo central da Cátedra ACP-Innova. Hacia el nuevo modelo de cuidados, que promoven a Universidade de Vigo e as empresas Saraiva, Activiza e Envita. A través do desenvolvemento de investigacións e intervencións en centros de maiores e da formación e a innovación neste sector, esta iniciativa buscará contribuír a “mellorar o modelo que levan a cabo os diferentes centros sociosanitarios, para mellorar o estado físico e psíquico e a calidade vida desta poboación”, salientou o presidente desta cátedra, Jose María Cancela. 

Xunto a Lucía Saborido, Noelia López e Ricardo Fra, xerentes de Saraiva, Envita e Activiza, respectivamente, Cancela, director da Área de Infraestruturas do campus, presentou este xoves en rolda de prensa unha colaboración que definiu como “un punto de inflexión, xa que é a primeira cátedra que se asina na Universidade no ámbito sociosanitario”. Articulada en “tres grandes eixos”, a investigación e innovación, a formación e a asistencia, a cátedra ten entre as súas liñas de actuación a creación dun programa de captación de talento, a organización de actividades formativas, o impulso dun sistema de bolsas de prácticas para alumnado e titulados e tituladas, o desenvolvemento de proxectos e dun laboratorio de investigación e innovación e o fomento da transferencia e de iniciativas de cooperación público-privada, segundo se recolle no convenio asinado pola institución académica e as tres empresas que integran o grupo ACP-Innova.

Este acordo, salientou Cancela, permitirá impulsar “diferentes intervencións”, como un “programa de innovación” vinculado ao uso da “realidade virtual inmersiva” para promover a práctica de actividade física e a mellora da saúde de persoas maiores, que “xa está funcionando” e no que participan investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia. Do mesmo xeito, a cátedra, “aberta á participación de grupos de investigación dos tres campus” da UVigo, tamén contempla a creación dun “living lab” que implique a participación de institucións, usuarios dos centros para maiores, empresas e investigadores.

Un modelo “centrado nas persoas”

Os responsables de Saraiva, Activiza e Envita destacaron que un dos obxectivos desta colaboración é “avanzar cara un novo modelo de coidados, centrado nas persoas”. Como explicou Saborido, as tres empresas avogan por unha “personalización da atención” das persoas maiores, que teña como punto de partida “entender o que é realmente importante para eles” e orientar a partir disto as actividades que se desenvolvan nos centros, “nos que os profesionais cambiamos o rol, porque as acompañamos nos seus proxectos de vida”. Nese senso, a responsable de Saraiva e secretaria da cátedra destacou que ese é o modelo co que traballan nos seus tres centros de día e no centro multiservizos e que, xunto a unha organización baseada en “pequenas unidades de convivencia, funcionou moi ben durante a pandemia”. De aí que puxese en valor o positivo desta cátedra á hora de “difundir boas prácticas e repensar outros modelos” dentro do sector. Nese senso, Cancela sinalou que un dos labores desta colaboración será “analizar as propostas que se están levando a cabo nos diferentes centros e validalas para que sexan extensibles a outros”. 

Formación e solucións tecnolóxicas

Como explicou López, as tres empresas impulsoras deste convenio constitúen as “tres patas” dun proxecto de "emprendemento social", no que a atención nos centros se combina coa “parte de formación e capacitación dos profesionais” que desenvolve Activiza. Neste eido, Ricardo Fra destacou que a cátedra permitirá traballar na “validación da formación que estamos levando a cabo” e que, no marco deste modelo centrado nas persoas, avoga polo “empoderamento” dos equipos profesionais que traballan cun colectivo “que de aquí a uns anos vai a ser o máis numeroso da sociedade”.

Envita, por outra banda, centra o seu labor no “desenvolvemento de ferramentas e solucións dixitais que favorezan que as organizacións poidan aplicar esa atención centrada na persoa”, ámbito no que os investigadores e investigadoras da Universidade poderán contribuír tamén ao desenvolvemento de innovación vinculadas á atención sociosanitaria personalizada.