DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con actividades organizadas por investigadoras e profesoras da institución educativa

A Universidade de Vigo aposta pola virtualidade para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Charlas e obradoiros servirán para espertar vocacións científicas e tecnolóxicas nas nenas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI 05/02/2021

A pesar da pandemia e das restricións por motivos sanitarios, a Universidade de Vigo fixo unha aposta firme por tentar manter a celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora o vindeiro día 11. Así, os tradicionais obradoiros de Elas Fan CienTec, nos que centos de rapazas se achegaban aos laboratorios do campus de Vigo, pasarán a celebrarse virtualmente, ao igual que as charlas divulgativas que se viñan organizando dentro da Iniciativa 11F en centros educativos de toda Galicia e as actividades do Centro de Investigación Mariña (CIM). Por outro lado, a feira de Exxperimenta en Feminino non se poderá levar a cabo, pero as organizadoras optaron por ofrecer unha páxina web na que estarán a disposición da sociedade contidos divulgativos sobre mulleres importantes da historia da man de investigadoras do campus de Ourense.

Segregación na ciencia e na academia

Todas estas actividades, que as docentes e investigadora das UVigo organizan co gallo do 11-F, buscan dar visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, amosar ás mozas de secundaria exemplos de mulleres que desenvolven súa traxectoria profesional no eido da ciencia e a enxeñaría e espertar vocacións nestes campos, especialmente masculinizados. Como explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, “na ciencia e na academia existe unha segregación vertical e horizontal por razón de sexo, que abonda no feito de que, por exemplo, as titulacións STEAM, as que son claves nos empregos do futuro, son as máis remuneradas e posúen un alto estatus social, carecen dunha presenza feminina ampla”. Isto, engade, vai redundar a medio prazo “no incremento do empobrecemento das mulleres. Hoxe a pobreza ten rostro de muller e se non cambiamos esta tendencia, isto agravarase no futuro”.

Por todo isto, a responsable da Igualdade na UVigo remarca a necesidade de realizar este tipo de actividades e mantelas, a pesar da covid-19, aínda que sexa en formato virtual. A este respecto, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, lembra que a Universidade conta con ferramentas como Campus Remoto cos que “estamos tentando que esta situación desfavorable non produza efectos moi negativos nas actividades que se desenvolven para seguir cumprindo cos obxectivos que nos marcamos”. 

Elas Fan CienTec e Charlas divulgativas

Elas Fan CienTec é un programa de obradoiros científicos e tecnolóxicos para rapazas de secundaria que, nesta ocasión, contará con preto de 80 nenas de catro centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Val Miñor, IES Rosais II, Colexio Plurilingüe Alborada e IES A Cañiza). Da man de docentes e investigadoras da Universidade de Vigo coñecerán as liñas de investigación e os laboratorios do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a Escola de Enxeñería Industrial.

Paralelamente, ao longo de todo o mes de febreiro, un total de 32 investigadoras e un investigador da Universidade de Vigo ofrecerán a 34 centros educativos de toda Galicia 70 charlas virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febrero, que se organiza a nivel nacional con motivo desta efeméride. 

Todas estas actividades contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo na súa xestión.

11F no CIM 

Outro dos centros que se une á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia é o Centro de Investigación Mariña (CIM), que organizou actividades en liña para alumnado de secundaria, tanto rapaces como rapazas, de diferentes centros educativos de toda Galicia. O programa desenvolverase o día 12 e contará, por unha banda, coa Asociación Faraxa, que reflexionará sobre a necesidade do 11 F e, por outra, coa directora da Área de Investigación da UVigo, Ana Bernabeu, presentará os indicadores de igualdade na institución educativa e no CIM e explicará a súa experiencia persoal. Ademais, o estudantado participante poderá facer unha visita virtual ao CIM e participar en debates sobre todo o aprendido. 

V Concurso de Creación Artística

Tamén o día 11 de febreiro daranse a coñecer as e os gañadores do V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Nel convidábase ao alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense a presentar traballos visuais ou literarios sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC. Nas anteriores edicións, estes premios entregáronse durante a celebración nestas datas da feira divulgativa Exxperimenta en Feminino, pero debido á pandemia este ano tivo que anularse a súa celebración, polo que a entrega dos galardóns do concurso queda aprazada ata que a situación sanitaria o permita.

Formación para a comunidade investigadora

A maiores de todas estas actividades, desde a Unidade de Igualdade abrirase a matrícula a partir do 11 de febreiro en novos cursos gratuítos dentro do Itinerario virtual de formación en xénero, un programa que trata de dar resposta ás necesidades de formación en xénero da comunidade universitaria. Os novos cursos versarán sobre A inclusión da perspectiva e a análise de xénero na investigación e a innovación, A muller e a ciencia e a Dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC.