DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro encontro da reitora, Carmen García Mateo, e o presidente Luis López

Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra abordan vías de colaboración

Na reunión participaron a vicerreitora do campus, Marián Fernández, e a xerenta, Ana Comesaña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitora
  • Institucional
DUVI Pontevedra 09/09/2026

A reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantiveron este mércores unha reunión de traballo, na que tamén participaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández, e a xerenta da UVigo, Ana Comesaña, dirixida a analizar novas vías de cooperación entre as dúas institucións, avaliar programas en marcha e estudar plans de futuro de interese mutuo. Este primeiro encontro institucional entre responsables das dúas institucións, despois do nomeamento de García Mateo como reitora o pasado mes de xuño, celébrase no marco do inicio do curso universitario, despois de que a UVigo acollese este martes o acto institucional do Sistema Universitario de Galicia.

Neste encontro, marcado polo ton cordial e construtivo, ambos os dirixentes fixeron balance do amplo historial de colaboración entre a Deputación e a Universidade, que conta con distintos plans de colaboración abertos en distintas áreas, por un valor de preto de 400.000 euros. Proxectos entre os que sobresaen o programa Erasmus+ para financiar bolsas do alumnado que participa en programas de mobilidade internacional, a Cátedra do Deporte e a Saúde, a Cátedra de Feminismos 4.0 ou a cooperación para impulsar o Campus Crea. 

Impulso de micocredenciais

Neste sentido, García Mateo e López coincidiron nun aspecto a desenvolver no eido da formación, o relacionado coas ferramentas estratéxicas e as microcredenciais para formar perfís específicos, como os traballadores dos concellos. 

A cooperación leal e fluída seguirá a rexer a relación entre ambas as institucións, co compromiso de continuar cun contacto constante para ofertar formación e actividades de interese e alto valor, que sirvan para mellorar a formación dos estudantes da provincia, a competitividade da provincia e a integración da Universidade de Vigo na vida social da provincia.