‘A derruba’ poderá visitarse desde este xoves 14 na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes
O uso artístico dos residuos conecta nunha exposición o pasado e o presente de Belas Artes
Reúne as obras de oito artistas vinculados ao centro, de diferentes xeracións
O uso do residuo na práctica artística contemporánea conecta as obras de oito artistas de diferentes xeracións, todos eles vinculados á Facultade de Belas Artes, na exposición que pechará a programación da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes neste curso 2025/2026. Baixo o título de A derruba, a mostra que se inaugurará este xoves 14, ás 20.00 horas “pretende establecer un diálogo entre diferentes perfís artísticos que representan a historia viva da Facultade de Belas Artes”,segundo sinala o seu comisario, o vicedecano da facultade e coordinador deste espazo expositivo, Ignacio Pérez-Jofre.
Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, a mostra colectiva que poderá visitarse ata o 26 de xuño na sala de exposicións do campus de Pontevedra reúne as creacións de Juan Fernando de Laiglesia, Natividad Bermejo, Román Corbato, Alejandro Fuertes, Julio Catalán, Sol Mussa, Cristina Rus e Yanina Sgro. “A mostra vincula o pasado e o presente de Belas Artes a través de propostas que incorporan o residuo na práctica artística”, sinala o texto de presentación desta mostra.
Encontro entre xeracións
Partindo dun tema "que moita presenza en Belas Artes desde hai moitos anos", Pérez-Jofre optou por focalizar a mostra “en artistas directamente vinculados á facultade”, respondendo así a unha das liñas centrais de traballo da Sala Manuel Moldes, a de mostrar a produción de creadores e creadoras formados no centro. Aínda que, recoñece, non buscaba un percorrido temporal “exhaustivo”, si optou por “implicar artistas de diferentes xeracións”, desde antigos docentes da facultade a estudantes actuais.
Así nesta mostra poderán verse pezas do que fóra o primeiro decano da facultade, o profesor emérito Juan Fernando de Lagilesia, quen ten no uso de “materiais atopados” unha constante na súa obra, como lembra Pérez-Jofre. Desta volta, presenta unha instalación conformada por esculturas realizadas “dunha forma moi rápida”, como sinala o comisario e vicedecano de Cultura e Estudantes. Nea exposición tamén estará presente o traballo da profesora do Departamento de Escultura Natividad Bermejo, así como os resultados dun proxecto do profesor da Facultade de Deseño Román Corbato, quen previamente realizou o mestrado e ou doutoramento en Belas Artes.
Este percorrido xeracional permite tamén amosar unha serie de producións directamente conectadas coas investigacións desenvolvidas ao abeiro do programa de doutoramento da facultade, como é o caso de Alejandro Fuertes, quen defendía recentemente a súa tese. Tamén o de Julio Catalán e de Sol Mussa, que propón nesta mostra un achegamento "conceptual" á idea de residuo, cunha peza na que presenta unhas latas nas que pode lerse “merda de peregrino”, aludindo á idea da “sobreexplotación do Camiño de Santiago”, apunta o comisario. A estas propostas súmanse as da estudante Cristina Rus e a de Yanina Srgo, quen en 2023 realizaba unha estadía de intecambio no centro, procedente da Universidad Nacional de las Artes arxentina, sendo desde entón “unha persoa que tivo moita vinculación con todas as actividades extraacadémicas” desenvolvidas en Belas Artes.
A derruba e a necesidade de construír algo novo
Sendo a súa última exposición como coordinador da Sala Manuel Moldes, Pérez-Jofre optou por centrar este proxecto expositivo nunha temática, o traballo con materiais atopados e de refugallo, que constitúe tamén un eixe central da súa propia produción artística. Esta idea, recoñece, permite afondar en cuestións “como a económica e a ecolóxica”, conectando a exposición coa precariedade da práctica artística, pero tamén coa redución do consumo, coa reciclaxe e “coa redución da pegada ecolóxica da nosa actividade”.
Nese senso, o título da mostra fai referencia “á orixe do material, á derruba e aos restos”, mais faino tamén cunha “connotación metafórica”, coa que Pérez-Jofre alude “á derruba dos ideais, á crise das ideas que percibíamos ata o de agora como moi estables e seguras, como democracia ou paz”, que, recoñece, "agora mesmo se están a ver moi cuestionadas”. Non obstante, a exposición busca abordar esa "desaparición das certezas" cunha “proposta positiva”, que pon de relevo “a necesidade de facer algo a partir de todas estas ruínas”, de pór de relevo que “teremos que seguir vivindo e construíndo”, salienta Pérez-Jofre.
Ao mesmo tempo, buscou tamén “non pechar” a exposición “a unha liña de contido única”, senón que puidese abrirse “a connotacións moi diversas, económicas, políticas e medioambientais, pero tamén máis existenciais”, recoñece. Con esa idea, a folla de sala que completa a exposición recolle “un texto máis literario” que plasma unha serie de ideas relacionadas coa mostra, sen propor “unha interpretación da obra dos artistas”.
