Segundo constatou un proxecto de innovación de Ciencias da Educación e do Deporte
O uso de vídeo con intelixencia artificial mellora a formación en socorrismo do alumnado
Esta tecnoloxía permítelles identificar os seus acertos e erros en simulacións de casos clínicos
Un proxecto de innovación docente do grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, permitiu constatar as posibilidades da “videoasistencia con intelixencia artificial” para mellorar a formación do alumnado na materia Socorrismo e a súa didáctica, do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Coordinado polo catedrático Roberto Barcala, este proxecto buscaba avaliar as melloras que podía supor para a aprendizaxe do alumnado o uso dun dispositivo de gravación por vídeo que, a través de intelixencia artificial, permitía realizar un seguimento de persoas ou accións concretas durante a realización de simulacións de “casos clínicos de afogamento”. Deste xeito, estas ferramentas posibilitaban unha posterior unha “videoanálise” na que, como apunta Barcala, as e os estudantes obtiñan información detallada dos seus acertos e erros nas diferentes fases da resolución da emerxencia.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa promovida pola facultade en 2024, unha publicación recolle agora os resultados dunha iniciativa “absolutamente pioneira” no ámbito do socorrismo, recoñece Barcala. Nela destácase que a integración da videogravación con intelixencia artificial na docencia práctica desta materia “demostrou ser unha ferramenta poderosa” para mellorar a adquisición e retención de coñecementos, así como a capacidade do alumnado para utilizalos en “situacións prácticas”, o que resulta especialmente relevante, lembran, nun ámbito como o do socorrismo, no que “a oportunidade de recordar e aplicar rapidamente os coñecementos pode ser a diferencia entre a vida e a morte”.
Mellor comprensión e percepción de acertos e erros
Tras formarse nun primeiro termo nas “habilidades específicas tanto de prevención, como de rescate e intervención” nunha emerxencia acuática, o alumnado da materia debe pór estes coñecementos en práctica na resolución de “casos clínicos de afogamento”. Nestes, a implantación desta tecnoloxía permitiu, como explica Barcala, programar a gravación “para que siga unha determinada persoa ou un determinado movemento ou patrón”, para, nunha análise posterior, obter información “detallada e personalizada” de aspectos “relevantes para a resolución da emerxencia”, como podería o figura do “líder” na intervención.
Co obxectivo avaliar esta iniciativa, un grupo de expertos e expertas en socorrismo, psicoloxía e investigación educativa deseñou un cuestionario dirixido a avaliar a percepción do alumnado sobre a súa aprendizaxe. Concretamente, no proxecto Videoasistencia con intelixencia artificial (VAR-IA) para o apoio á docencia e avaliación práctica, participaron, xunto a Barcala, as e os integrantes do grupo Remoss Marcos Sanmartín, Roberto Silva, José María Pazos, Alejandra Alonso e Felipe Fernández; os profesores da facultade Joaquín Dosil, Rubén Domínguez e Enrique García Ordoñez; os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Santiago Martínez, Rubén Navarro e Lucía Peixoto, e Silvia Aranda, da Universitat de Barcelona.
Concretamente, este cuestionario buscou avaliar a diferencia que supuña para o alumnado que a avaliación da súa intervención nun caso clínico, levado a cabo cun manequín, se realizase coa asistencia do vídeo ou sen ela. Nese senso, permitiu confirmar que esta ferramenta aumentaba a súa “comprensión xeral e habilidades de resolver os casos clínicos”, que o 67,7% dos que realizaron a videoanálise cualificaron como “excelente”, cifra que diminuía ao 8,7% entre aqueles e aquelas que non o empregaron. Do mesmo xeito, tamén se rexistraron melloras na súa apreciación de acertos e erros individuais, definida como excelente por máis do 66% das e dos participantes que empregaron o vídeo e por menos do 5% das e dos que non o usaron. Porcentaxes similares acadáronse tamén na apreciación de acertos e erros grupais e o uso desta ferramenta como “recurso pedagóxico” foi valorada tamén polo profesorado responsable, o que leva a Barcala a recoñecer que esta iniciativa “vai ter continuidade nos próximos cursos”, converténdose nun novo recurso para materia, “que ademais trataremos de mellorar”.