Para TFG, TFM e teses de doutoramento presentadas no curso 2025/2026
A UVigo abre a convocatoria dos Premios Egeria para recoñecer a perspectiva de xénero nos traballos académicos
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de outubro
A Universidade de Vigo ten aberto o prazo de presentación de candidaturas aos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero. Con esta iniciativa, impulsada dende Unidade de Igualdade, trátase de recoñecer, visibilizar e incentivar a inclusión da perspectiva de xénero e dos estudos feministas nos traballos de fin de estudos de grao (TFG), de máster universitario (TFM) e nas teses de doutoramento presentados no curso 2025/2026. Estes galardóns teñen como obxectivo principal premiar o rigor metodolóxico e a orixinalidade daqueles proxectos académicos que contribúan a eliminar as fendas de xénero e a achegar unha ollada crítica en calquera das ramas do coñecemento.
Categorías e contías dos galardóns
A convocatoria comprende tres categorías con diferentes galardóns. Para os traballos fin de grao concederase un premio por cada grupo de áreas de coñecemento (Ciencias Sociais e Xurídicas; Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría/Arquitectura; e Artes e Humanidades), cunha dotación de 500 euros cada un.
No caso dos traballos de fin de mestrado outorgarase un premio por cada un dos tres grupos de áreas, dotado con 600 euros. Finalmente, para as teses de doutoramento concederanse dous premios de 1000 euros para o conxunto de todas as ramas. Entre os criterios de avaliación do xurado terá en conta a calidade xeral do traballo, a relevancia do tema, a aplicabilidade dos resultados, o uso de linguaxe inclusiva, a calidade das referencias bibliográficas e a redacción en lingua galega.
Requisitos e presentación de solicitudes
Para optar aos premios, os TFG e TFM deben ter sido superados no curso académico cunha cualificación mínima de 9 puntos, mentres que no caso das teses de doutoramento requírese tela defendido entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026 coa cualificación de sobresaínte cum laude.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa solicitude de xeito telemático a través do formulario habilitado na Secretaría Virtual da UVigo. O prazo de presentación atópase xa aberto e rematará o vindeiro 8 de outubro ás 23.59 horas. As persoas solicitantes deberán empregar o formulario en liña neste seguinte enlace.
A comisión de avaliación está composta por Elena Alonso Prieto, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, como presidente e, como vogais, María Platas Alonso, profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e Francisco Javier Aguiar Fernández, profesor no Departamento de Análise e Intervención psicosocioeducativa.
