DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ANL publica catro guías que serán distribuídas entre os institutos de Pontevedra e Ourense

A UVigo achégase ao ensino secundario divulgando o coñecemento desenvolvido polos seus grupos de investigación 

Ao abeiro da iniciativa 'En Galego! Investigación e divulgación científica'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/01/2021

Saúde e os seus coidados no camiño miñoto ribeiro; Máis aló do prato. Analizando a dieta alimentaria na miña contorna; En galego 24/7. Da minorización ao neofalantismo e Procesos de separación son os títulos das primeiras catro guías prácticas publicadas pola Área de Normalización Lingüística da UVigo, ao abeiro da iniciativa En Galego! Investigación e divulgación científica, e coa colaboración da Unidade de Cultura Científica da UVigo. “A proposta de elaborar estas guías ten como principal obxectivo incentivar o diálogo entre a universidade e o ensino secundario. Xa que logo, as guías están especificamente pensadas e deseñadas para tratar de espallar nos centros de secundaria os coñecementos que sobre temáticas diversas están a desenvolver grupos de investigación da UVigo, cunha intención fundamentalmente divulgativa”, sinala Fernando Ramallo, director da ANL, que tamén agarda que a proposta poida contribuír á captación de alumnado.

Esta primeira entrega de guías, que se prevé acaden a vintena, achegará ao estudantado de ensino secundario algúns dos resultados das investigacións desenvolvida na UVigo por parte dos primeiros grupos que atenderon a proposta da ANL para participar nesta iniciativa, de xeito que “durante o sorprendente, 2020 logramos avanzar nas catro guías que agora se presentan, mais hai outras en marcha, que agardamos publicar no primeiro semestre de 2021”, explica Ramallo.

Guías para todos os centros de Secundaria de Pontevedra e Ourense 

Unha copia das guías editadas en papel e nas que se combina teoría e actividades didácticas para o alumnado, distribuiranse entre todos os centros de secundaria das provincias de Pontevedra e Ourense, aínda que tamén se pretende facelas chegar a Lugo e A Coruña. Así mesmo, a edición dixital das publicacións xa está dispoñible para a súa descarga. “Agora estamos á espera de recibir un par delas máis, practicamente rematadas, e agardamos con entusiasmo recibir propostas novas nas vindeiras semanas por parte do colectivo investigador da Universidade de Vigo”, avanza o director da ANL, que fixa como obxectivo a medio prazo acadar un número aproximado de 20 guías que inclúan todas as macro áreas de investigación.

Procesos de separación é froito do traballo da investigadora Ángeles Domínguez Santiago, que achega información xeral sobre as operacións de separación, afondando nalgunhas delas. A saúde e os seus coidados no camiño miñoto ribeiro é obra dun grupo de investigadores e investigadoras da UVigo, centros de estudo e IES, encabezados por Lourdes Maceiras García, e nesta publicación abórdanse cuestións relacionadas coa saúde e a enfermidade na Galicia medieval, con especial referencia aos hospitais medievais no camiño miñoto ribeiro. Pola súa banda, Máis aló do prato. Analizando a dieta alimentaria na miña contorna, que se centra en cuestións como a globalización do sistema alimentario, a agricultura ecolóxica ou campesiña fronte ao modelo agroindustrial e as dietas animais e as vexetarianas, é obra de investigadores e investigadoras de diversas institucións encabezados por Xavier Simón. Mentres, En galego 24/7. Da minorización ao neofalantismo é un guía centrada no neofalantismo e a sociolingüística crítica na Galicia contemporánea e o neofalantismo e a dinamización lingüística no sistema educativo. Neste caso a guía é obra de investigadores da Uvigo e do IES de Pastoriza.