DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia

UVigo e AJE-Pontevedra organizan un concurso para promover o emprendemento da comunidade universitaria

‘Crea economía social’ premiará as mellores ideas de negocio de estudantado, PDI e PAS

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 29/07/2021

A Universidade de Vigo e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE-Pontevedra) organizan o concurso Crea economía social, unha actividade que abrirá a súa convocatoria en setembro e que nace co obxectivo de promover o emprendemento entre os membros da comunidade universitaria e as persoas empresarias da zona de Pontevedra. 

O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e o presidente de AJE-Pontevedra, Jesús Rey, destacaron no encontro que mantiveron nas últimas horas que “están interesados en crear valor social e medioambiental, aspectos moi ligados á economía social e aos valores que representan as empresas que apostan por ela”. De feito, as dúas institucións están a traballar conxuntamente para  difundir o potencial empresarial do Campus Crea, así como para fomentar que o estudantado pontevedrés reflexione sobre os principios da economía social mentres se forma, ao mesmo tempo que pensa na mellor forma de desenvolver os seus plans de negocio.

Convocatoria aberta en setembro

A xuntanza entre os representantes das dúas institucións serviu para perfilar os últimos detalles do concurso de ideas, unha actividade que abrirá a súa convocatoria despois das vacacións de verán, nos primeiros días do mes de setembro. As persoas interesadas, que deberán pertencer ao alumnado, persoal docente investigador (PDI) ou persoal de administración e servizos (PAS) da UVigo, terán que presentar proxectos orientados á creación dunha empresa baseada nos principios de economía social. 

O concurso Crea economía social enmárcase na Rede Eusumo, unha iniciativa de colaboración coa que a Xunta de Galicia, co apoio de entidades socias como a UVigo ou AJE-Pontevedra, fomenta o desenvolvemento da economía social e procura o espírito emprendedor, poñendo o foco na creación e consolidación de emprego.