Ao longo desta semana en Bruxelas
A UVigo amosa na Higher Education Transformation Week os seus proxectos de transformación da educación superior europea
Con iniciativas sobre microcredenciais, dixitalización da mobilidade e sustentabilidade
Bruxelas acolle esta semana a Higher Education Transformation Week (HET Week), unha iniciativa da European University Foundation, que converte á capital europea no punto de encontro para proxectos Erasmus+ KA2 centrados na transformación da educación superior. “A HET Week nace como un espazo para dar visibilidade á diversidade e ao impacto dos proxectos Erasmus+ que están contribuíndo á transformación da educación superior europea, a través e obradoiros, conferencias e encontros arredor de ámbitos como a innovación docente, as competencias de futuro, a mobilidade e cooperación institucional, a inclusión, a transformación dixital e a intelixencia artificial ou a sustentabilidade e a transición verde”, explica Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación da UVigo.
A institución académica viguesa conta cunha participación na HET Week encabezada polos coordinadores dos proxectos MicroHEI (Fernando Cerdeira) e DACEM (Manuel Caeiro), ambos liderados pola UVigo, e pola investigadora do grupo GEN e Ecobas Raquel Lozano en representación de GreenEURproject, iniciativa na que a Universidade de Vigo é socia e lidera un dos seus paquetes de traballo. Ademais das sesións directamente vinculadas aos proxectos a UVigo, a representación da UVigo participará en actividades e encontros doutras iniciativas, co obxectivo de coñecer novas experiencias, compartir boas prácticas e reforzar os contactos con outras institucións europeas. “Deste xeito, a presenza da Universidade na HET Week combinará a presentación e difusión dos resultados dos seus proxectos coa oportunidade de identificar novas tendencias e liñas de traballo, establecer contactos con potenciais socios e explorar futuras oportunidades de cooperación europea”, explica Garea, acompañada na HET Week por Lorena Diana Gatea, técnica de promoción de proxectos internacionais de educación.
Microcredenciais, sostibilidade nos proxectos e dixitalización para a mobilidade
MicroHEI, microcredenciais para o desenvolvemento profesional do persoal universitario é un dos proxectos da UVigo que conta unha sesión de seu na semana. Cun orzamento global de 400.000 euros e unha duración de 36 meses, o proxecto reúne seis institucións europeas co obxectivo de avanzar no uso das microcredenciais como instrumento para o desenvolvemento profesional e o recoñecemento da formación do persoal das institucións de educación superior. O proxecto traballa no establecemento dunha base común entre as entidades participantes, prestando especial atención ao desenvolvemento das competencias dixitais, verdes e inclusivas e á súa integración no Espazo Europeo de Educación Superior.
DACEM, outro dos proxectos Erasmus+ KA220-HED coordinados pola UVigo reúne universidades e organizacións de diferentes países europeos arredor dun obxectivo común: aproveitar a transformación dixital para facilitar a mobilidade académica. O seu principal obxectivo é mellorar a mobilidade nas institucións europeas de educación superior mediante a dixitalización dos catálogos académicos, seguindo os elementos recomendados pola Guía de Usuarios ECTS, abordando, tamén, a utilización das novas tecnoloxías para mellorar os procesos de xestión da mobilidade Erasmus+ e facilitar o desenvolvemento de ofertas educativas conxuntas entre universidades europeas, evitando a introdución redundante de datos en diferentes repositorios.
Pola súa banda, a sustentabilidade estará presente a través de GreenEURproject, proxecto Erasmus+ KA220-HED coordinado pola Université de Lorraine, no que a UVigo participa como socia xunto con institucións de Lituania, Luxemburgo e Turquía, co obxectivo de reducir o impacto ambiental dos proxectos europeos mediante a incorporación de prácticas máis sostibles desde as fases de planificación ata a súa execución.
Compartir experiencias e explorar futuras colaboracións
No caso da OPI, as súas representantes participa na HET Week nunha sesión conxunta que permitirá compartir boas prácticas, coñecer novas tendencias e liñas de traballo na educación superior europea e establecer contactos con universidades e organizacións internacionais. “Para a Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo a participación neste tipo de encontros ofrece tamén a oportunidade de coñecer de primeira man as temáticas, metodoloxías e solucións nas que están a traballar outros consorcios europeos, intercambiar experiencias sobre a preparación e desenvolvemento de proxectos e ampliar a rede de contactos da Universidade”, sinala Eva Garea. A presenza na HET Week enmárcase no traballo desenvolvido pola OPI no apoio á captación, preparación, xestión e difusión de proxectos internacionais de educación, así como no reforzo da presenza da UVigo nas redes europeas de cooperación universitaria e na procura de novas oportunidades de colaboración internacional.
A representación da Universidade de Vigo asiste, así mesmo, ao longo da semana a outras sesións e encontros de proxectos europeos, aproveitando a concentración en Bruxelas de universidades, redes e entidades que traballan actualmente na transformación da educación superior.
