DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O orzamento total das iniciativas ascende a 6,67 millóns de euros

A UVigo aposta polo desenvolvemento rural participando en catro novos proxectos Interreg Sudoe

Abranguen tecnoloxías espaciais, valorización de residuos e ‘economía prateada’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 07/11/2025

AgroSpace, Viti-Valmo, Soil&WineResidues e RuralSilverHubs son catro novos proxectos internacionais Interreg Sudoe nos que participan equipos da Universidade de Vigo. Cun orzamento total de 6,67 millóns de euros, durante tres anos as catro iniciativas traballarán no desenvolvemento rural desde diferentes perspectivas: as tecnoloxías espaciais como motor de innovación; a valorización de residuos orgánicos para unha viticultura resiliente fronte ao cambio climático; a sostibilidade do solo do viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas e a mellora da calidade de vida en áreas rurais impulsando a economía social na silver economy, a chamada ‘economía prateada’.

Os proxectos, que arrancan neste 2025 a súa actividade, están financiados pola 2ª convocatoria Sudoe 2021-2027, do Programa Interreg e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea. A contía subvencionada captada pola UVigo nos catro proxectos ascende a un total de case 517.000 euros. 

Tecnoloxías espaciais

Tres dos proxectos parten da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo. O primeiro é AgroSpace Tecnoloxías espaciais, o motor da innovación nas zonas rurais. Trátase dunha iniciativa coordinada polo Institut d'Estudis Espacials de Catalunya no que participan 36 organizacións de Francia, Portugal e España, entre as que se atopan as axencias  e centros de estudos espaciais estatais dos tres países, diferentes axencias rexionais e numerosas agrupacións de agricultores e viticultores. Dispón dun orzamento total de 2,5 millóns de euros e a participación da UVigo nel está encabezada polo catedrático Jesús Simal, do Grupo Investigacións Agrarias e Alimentarias. 

AgroSpace “impulsará a transformación do sector agrícola mediante o uso de tecnoloxías espaciais, promovendo unha xestión máis eficiente dos recursos e a implementación de prácticas agrícolas sostibles”. Nel proponse o despregue de solucións innovadoras baseadas en boas prácticas agrícolas, investigación de vangarda e accións transnacionais. Para iso utilizará ferramentas espaciais e agricultura de precisión e implantará tres demostradores que abordarán: os servizos de apoio aos agricultores en caso de emerxencias climáticas, a xestión eficiente de recursos agrícolas en grandes almacéns e a validación dunha metodoloxía para a identificación de retos agrícolas e solucións espaciais. Ademais, AgroSpace promoverá a interacción e o reforzo das capacidades dos sectores implicados, facilitando a innovación conxunta.

Dúas propostas en viticultura 

O segundo proxecto financiado é Viti-Valmo Valorización de residuos orgánicos locais para unha viticultura resiliente fronte ao cambio climático. Neste caso está coordinado pola plataforma francesa Agropolis International e conta con outros seis socios de España, Portugal e Francia, participando de Galicia ademais da UVigo o Inorde. Ten un orzamento de case 1,17 millóns de euros e o investigador que lidera a participación da Universidade de Vigo nel é Manuel Conde, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación.  

A iniciativa abordará solucións naturais e locais para mellorar os solos vitícolas mediante emendas orgánicas, co fin de aumentar a retención de auga, a fertilidade e a biodiversidade. "Estas emendas combinan biocarbón procedente das cepas de vide arrancadas, compost e bioestimulantes. A súa eficacia está demostrada, pero a súa adopción en Europa é limitada polos altos custos e a complexidade da produción de biocarbón”, indican desde Viti-Valmo. O proxecto propón desenvolver unha unidade móbil de transformación eficiente que será testada en distintas zonas do espazo Sudoe e facer diagnósticos e estratexias para valorizar os residuos orgánicos locais, adaptando estas solucións aos contextos ambientais e socioeconómicos da rexión.

Pola súa banda, Soil&WineResidues Sostibilidade do solo do viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas é un proxecto coordinado pola Misión Biológica de Galicia (CSIC) que conta con 14 socios de Portugal, Francia e España. Ten un orzamento de case 1,8 millóns de euros, e a participación da UVigo nel está encabezada por Vanesa Santas, tamén do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación.

Neste caso o proxecto busca avanzar cara a unha economía circular mediante o aproveitamento ecoeficiente ‘in situ’ dos residuos lignocelulósicos (RLC) xerados nas viñas. O obxectivo é mellorar a calidade do solo, desenvolver produtos comerciais e obter enerxía renovable. Para acadalo, estudará o estado dos solos, os seus servizos ecosistémicos e a xestión actual, así como o papel dos RLC na sostibilidade a través da ecoeficiencia e a biorrefinería. Tamén se identificarán os factores que favorecen ou dificultan este modelo e implantaranse dous pilotos con actores locais para avaliar a saúde do solo, o uso dos RLC e o impacto dos funxicidas. “Os resultados facilitarán a toma de decisións territoriais, a transferencia transnacional de coñecemento e o desenvolvemento rural, aumentando a competitividade e resiliencia do sector fronte ao cambio climático”, apuntan desde a iniciativa.

Economía social e maiores

Por último, a UVigo é parte do proxecto RuralSilverHubs Mellora da calidade de vida en áreas rurais impulsando a economía social na silver economy, liderado pola Diputació de Tarragona. Conta cun consorcio formado por 19 entidades de Francia, Portugal e España no que destaca a presencia de administracións públicas e entidades expertas en desenvolvemento territorial e no que a representación galega inclúe ademais da Universidade de Vigo á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Neste caso, a participación da Universidade de Vigo está encabezada por Maribel Doval, do grupo de investigación Historia Contemporánea 1 e da Facultade de Educación e Traballo Social, e Raquel Arévalo, do grupo de Investigación en Economía, Enerxía e Medio Ambiente Rede e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. 

RuralSilverHubs dispón dun orzamento de 1,2 millóns de euros para abordar tres retos comúns no espazo Sudoe: o envellecemento, o despoboamento rural e a limitación no acceso a determinados servizos. O proxecto busca dinamizar as zonas rurais "articulando respostas emprendedoras para mellorar a calidade de vida da poboación maior de 55 anos". Para iso, traballará na recompilación e xeración de datos específicos que axuden á toma de decisións. Ao mesmo tempo, contribuirá a crear sinerxías entre os axentes crave do territorio impulsando medidas emprendedoras que dean resposta aos retos identificados pola poboación maior de 55 anos do espazo Sudoe.