O Consello de Goberno deu luz verde a 72 novas prazas de PDI e 12 de PTXAS
A UVigo aproba a súa OPE 2025 e confírmase como “a universidade española con máis dereito recoñecido á promoción”
O reitor adiantou que se estuda a posibilidade de construír unha residencia universitaria na ETEA
As cuestións relativas á carreira docente e investigadora protagonizaron o primeiro Consello de Goberno do curso 2025/2026, unha longa sesión que se prolongou ata o mediodía e na que os puntos fortes estiveron relacionados coa aprobación da Oferta de Emprego Público (OPE) 2025 e a convocatoria de diferentes prazas de profesorado vinculadas ás ofertas de prealizadas en anteriores exercicios, así como a aprobación das axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral ou os novos criterios de avaliación da produción da investigación e da transferencia.
“Neste intre somos a universidade española con máis dereito recoñecido á promoción e onde máis rápido se vai conseguindo a estabilización”, salientou o reitor Manuel Reigosa, quen lembrou que no seu primeiro mandato o seu equipo se comprometera a baleirar as bolsas de catedrático e a facer o que se puidera coas bolsas de titular e, “como se fixeron as cousas ben”, ao final dese primeiro mandato se baleiraron ambas. “Neste segundo mandato comprometémonos a facer o posible coas demais figuras e, polo tanto, empregar as prazas de Profesorado Permanente Laboral para que os axudantes doutores puideran estabilizarse”, explicou o reitor, quen fixo fincapé en que se trata dunha medida “absolutamente meditada” da que o equipo se sinte “moi orgulloso”.
Contratos Mª Zambrano e Margarita Salas, residencia universitaria e universidades privadas
A sesión comezou co informe do reitor no que Manuel Reigosa confirmou o que cualificou de “mala nova” no ámbito xurídico en relación cos contratos temporais feitos ao abeiro dos programas Margarita Salas e María Zambrano, lanzados polo Ministerio de Educación no ano 2021 co obxectivo de atraer talento investigador. Ao igual que está a ocorrer no casou doutras universidades, a UVigo recibiu unha resolución xudicial negativa, despois que o persoal investigador beneficiado por estes programas denunciase que as universidades pagaban a cota patronal da Seguridade Social con fondos das convocatorias dos contratos, o que repercutía de xeito directo sobre os seus salarios provocándolles importantes reducións. Ante a resolución xudicial negativa que tamén afecta á UVigo o reitor confirmou que, “dunha banda, negociarase o calendario de pagamentos e ,doutra, reclamarase, como xa se fixo de xeito oral e escrito ante o Ministerio cubrir ese oco, cumprindo ademais a resolución xudicial”. Ás preguntas do docente e investigador do Departamento de Dereito Público Virxilio Rodríguez que por que a UVigo non buscou unha solución que non fose gravosa e prexudicial para as persoas afectadas, Reigosa recoñeceu que, aínda que no momento de saír a convocatoria, que se confirmou non tería custo para as institución académicas, observaron algunha febleza e tiñan algunha dúbida, “fixemos o mesmo que outras universidades, porque era unha oportunidade única para recuperar talento, coa diferenza ademais de que aquí si acomodamos a algún deses investigadores”. O reitor, que asegurou que os dereitos das e dos traballadores son o primeiro, lamentou que “o Ministerio agora se bote un pouco fóra” e confirmou que como CRUE negociarán co executivo os cartos que terán que abonar.
En relación coas actuacións previstas na ETEA, o reitor aclarou que por parte da UVigo non se puido comezar coa remodelación dos edificios que lle foron cedidos (Faraday, Morse e Enfermería) porque no plan sectorial de actuacións está contemplado que todo se iniciará logo da execución do PS1, “o camiño principal da ETEA que vai levar todas as conexións de auga , electricidade, internet, etc. e está acordado entre Xunta, Concello e Zona Franca que mentres iso non estea executado non se pode facer nada nos edificios. Hai ademais un preacordo entre as tres institución para facer un aparcadoiro na praza”. En relación coa cesión á UVigo do edificio Siemens, onde se localizaría o Centro de Investigación Mariña (CIM), o reitor avanzou que previsiblemente se faría a través dunha permuta con Zona Franca, “para axilizar o procedemento e porque temos na ETEA unha pequena parceliña que pode ser útil para montar aí unha residencia universitaria. Polo tanto imos utilizar as boas relacións que temos con Zona Franca para quedarnos cun edificio que será de uso investigador, se finalmente se fai así, e que ademais nos constrúan unha residencia universitaria”, dixo o reitor.
Noutra orde de cousas, Reigosa confirmou a decisión do Consejo de Universidades de solicitarlle ás universidades galegas máis información sobre o Grao en Dereito implantado na UIE, logo de que UVigo, USC e UDC lle trasladasen o seu rexeitamento á posta en funcionamento desta titulación, que coinciden “ten máis materias de empresariais e de IA, que de Dereito. Seguimos traballando as tres universidades e os catro decanatos”, dixo o reitor da UVigo, que non descartou que as universidades do SUG leven o tema aos tribunais, ao tempo que destacou a disposición do Consejo de Universidades a estudar o tema. Así mesmo, Reigosa sinalou que se continúa a negociar coa Xunta e o RC Celta para que as titulacións de grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e en Fisioterapia que o equipo vigués pretendía impartir ao abeiro do seu proxecto Celta 360 a través dunha universidade privada de Euskadi non se implanten, dándolle acubillo a través da UVigo “a outras titulacións que non choquen coas que temos nós, ligando a marca da nosa institución coa do RC Celta”.
Doutra banda, Reigosa confirmou que se retomaron as xuntanzas da comisión de Estatutos da UVigo que está a traballar nas 78 achegas recibidas e avanzou que agarda que nun ou dous meses estea rematado o anteproxecto para debater no Claustro. O reitor da UVigo tamén confirmou o inicio das negociacións do primeiro convenio colectivo para persoal investigador e persoal de apoio á investigación, co obxectivo de “mellorar os dereitos e a carreira do persoal investigador e sobre o que son optimista en que se acade rápido un acordo”.
72 novas prazas de PDI e 12 de PTXAS na OPE do ano 2025
No referido a aprobación da Oferta de Emprego Público de 2025. A vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez, explicou que a OPE propón a creación de 72 novas prazas potenciais para persoal docente e investigador dos corpos docentes: unha dela de catedrático/a, 32 de profesor permanente laboral e outras 39 de profesorado titular, das cales 9 destinaranse á incorporación de persoal investigador doutor que obtivese o certificado R3 de conformidade co artigo 22.3 da Lei da Ciencia ou que teña superado unha avaliación equivalente á do Programa de Incentivación da Incorporación e Intensificación da Actividade Investigadora (I3). A estas 72 prazas de nova convocatoria hai que sumar outras 30 de catedrático polo procedemento de promoción interna.
No caso do Persoal Técnico de Xestión e Administración de Servizos, PTXAS, a xerenta Yolanda Lesmes, explicou que a oferta está composta por 15 prazas: 12 de acceso libre e 3 de promoción interna. A desagregación destas novas prazas concrétase en 10 prazas de acceso libre para auxiliares técnicos de servizos xerais, da subescala conserxarías -9 para a cota xeral e unha para a cota de reserva para persoas con discapacidade-; 3 de promoción interna para técnico especialista de servizos xerais -conserxaría-; e 2 prazas de acceso libre de técnico especialista de tecnoloxías da información e comunicacións -subescala informática-.
Ao marxe da OPE de 2025, a sesión serviu tamén para dar luz verde a outras moitas prazas derivadas das OPE de anos anteriores. Nesta liña a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica deu conta da creación e convocatoria de cinco prazas de titular de universidade na cota correspondente ao 15% da Oferta de Emprego Público do 2023 e delegación na COAP da convocatoria de mobilidade asociada. Estas prazas serán para as áreas de Bioloxía celular, arqueoloxía, microbioloxía, física da terra e enxeñaría química.
A maiores aprobouse a selección das unidades docentes e áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de Profesorado Permanente Laboral e a creación das prazas correspondentes. En total, sairán a concurso 48 prazas, 44 delas por antigüidade na acreditación e 4 discrecionais -froito dun acordo previo cos sindicatos no que se ‘reserva’ un 10% do total da oferta para necesidades concretas e ben xustificadas referidas, sobre todo, a necesidades docentes urxentes-.
“En total no último ano convocamos 80 prazas de Profesorado Permanente Laboral, o que para nós é unha moi boa nova, xa que supón poder darlle aos docentes axudantes doutores a posibilidade de estabilizarse sen ter que agardar anos e anos como nos pasou a moitos antes”, subliñou Sánchez.
En relación tamén ás prazas docentes, deuse o viso bo á convocatoria dunha praza de catedrático de mobilidade para Félix Manuel Freire Iribarne, que pasará da Universidade de Santiago de Compostela ao Departamento de Química Orgánica da Universidade de Vigo.
Novidades no ámbito da Investigación e a Transferencia
Xa no ámbito da Investigación e Transferencia, a vicerreitora Belén Rubio explicou as novidades da convocatoria de axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación para 2026. “Fíxose un cambio grande para adaptarse aos criterios CoARA”, subliñou Rubio, ao que engadiu que agora se poden presentar máis méritos –ata cinco méritos obtidos no periodo 2022-2025- e se engadiron novos apartados, entre eles, “un de implicacións coa sociedade no que entran funcións de representación, voluntariado, etc, así como de divulgación e outros méritos como as prácticas extracurriculares en empresas, TFG e TFM en empresas, ser deportista de elite ou a experiencia laboral”.
Tras un intenso debate coa intervención de múltiples membros de Consello de Goberno no que se cuestionaron os diferentes criterios de valoración na concesión das axudas, a convocatoria foi sometida a votación, sendo finalmente aprobada por 21 votos a favor, 1 en contra e 5 abstencións, quedando enriba da mesa o compromiso de que en vindeiras convocatorias se terían en conta todas as suxestión realizadas durante a sesión.
Menos cambios se producen nos criterios de produción de investigación e transferencia, aprobados neste caso por asentimento. “As modificación son mínimas”, salientou a vicerreitora, quen explicou que en investigación eses pequenas modificacións fan referencia a que as publicacións estean recollidas no repositorio Investigo, algo que xa se pide agora para os sexenios e tamén cando se publica en acceso aberto. “O que se pretende é que non as metamos todas ao final -no intre de solicitar o sexenio- e que persoal investigador se vaia acostumando a facelo anualmente”, apuntou Rubio. En canto á transferencia a vicerreitora subliñou que as novidades buscan clarexar o que había en relación coas entradas de dicionarios, as exposicións artísticas e os importes dos contratos.
Ao marxe destas cuestións, o reitor decidiu, a petición de diferentes membros do Consello de Goberno, retirar da orde do día o punto referido á aprobación da solicitude de cambio de nome do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) polo de Instituto de Física, Computación e Aeronáutica (IFCAE), un cambio que xa fora previamente aprobado pola xunta directiva do centro e que responde á incorporación de persoal investigador do ámbito da Informática, pero que espertou certas reticencias entre o persoal investigador do centro de investigación atlanTTic, polo que se solicitou “un tempo” para poder falar de xeito máis calmado entre todo o persoal afectado.
Informe Memoria de Responsabilidade Social Universitaria (RSU) 2024
A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, foi a encargada de presentar ante o Consello de Goberno o informe sobre a Memoria de responsabilidade social correspondente ao ano 2024. Este décimo quinto volume está organizado segundo os estándares do Global Reporting Initiative (GRI) e recolle os resultados de impactos ambientais, económicos e sociais que amosan “o compromiso da UVigo coa transparencia e o rendemento de contas á sociedade” e que coincide coa nova Lei Orgánica de Funcionamento da Universidade (LOSU).
Entre outros contidos, o informe recolle información relativa ao aliñamento da UVigo coa axenda 2030 e os seus ODS, a responsabilidade na ensinanza e a súa calidade, a responsabilidade na investigación, a súa divulgación e transferencia, así como as relacións coa comunidade, a promoción da igualdade de xénero ou a sustentabilidade na xestión económica, as actuacións medioambientais ou as relativas ao compromiso social da Universidade coa sociedade a través das actividades de extensión universitaria, a promoción do voluntariado e a cooperación, a saúde e o deporte, os servizo das bibliotecas universitarias e o compromiso coa lingua e a cultura galega.
Modificación do regulamento de prácticas externas
Outro punto da orde do día foi a modificación do artigo 8.1 c) do Regulamento de prácticas externas do estudantado da Universidade de Vigo. Como explicou a vicerreitora de Estudantado, Natalia Caparrini, a redacción vixente ata agora, no caso dos mestrados, prevé a superación do 50% dos créditos totais do título, sen ter en conta os correspondentes ás prácticas curriculares nin ao Traballo Fin de Mestrado. Isto resulta “gravoso” para o estudantado dos mestrados estruturados en dous cursos académicos, “xa que se ven obrigados a superar a metade da carga global do plan de estudos para poder acceder ás prácticas extracurriculares, o que supón unha clara desvantaxe en comparación co estudantado dos mestrados dun só curso, que poden realizalas xa no segundo cuadrimestre”. Co obxecto de corrixir esta desigualdade e garantir a equidade, introdúcese unha diferenciación segundo a estrutura temporal do mestrado: para os mestrados dun curso académico manterase o requisito do 50% dos créditos totais, mentres que para os mestrados de dous cursos académicos establécese como requisito ter superado o 50% dos créditos correspondentes ao primeiro curso.
Outros puntos da orde do día
O Consello tamén deu o visto bo aos criterios de elaboración da programación docente anual (PDA) para o curso 2026/2027, presentados polo vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente. Alfonso Lago explicou que se trata dos mesmos criterios deste curso, con tan só dúas modificacións. Por unha banda, respecto dos graos, no caso de cursos de nova implantación con carga docente básica os departamentos responsables deberán asignar a docencia ás áreas de coñecemento para a actualización da carga docente das mesmas. Así mesmo, deberase indicar para cada materia a súa lingua de impartición. A segunda modificación introdúcese no caso dos mestrados, xa que as materias optativas que nos dous últimos cursos académicos non tiveran matrícula de estudantes propios novos, deberán ser substituídas por unha nova oferta. Nos cursos de nova implantación deberase indicar para cada materia a súa lingua de impartición.
Ademais, entre outros temas da orde do día, o Consello tamén aprobou o Regulamento de organización e funcionamento da Unidade de Diversidade da UVigo, que ten como obxectivo atender a diversidade sexual e de xénero así como a doutros colectivos infrarrepresentados de tipo étnico-cultural e outros e coordinar as situacións de discapacidade e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) integradas no servizo de Xestión da Extensión Universitaria.
