DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A reitora, Carmen García Mateo, e o presidente da APV, Carlos Botana, mantiveron un encontro

A UVigo e a Autoridade Portuaria de Vigo consolidan a súa alianza estratéxica para impulsar a economía azul, o emprego e a investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitora
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 07/09/2026

A Universidade de Vigo e a Autoridade Portuaria de Vigo volven poñer de manifesto a estreita colaboración e a sólida alianza institucional que une ambas entidades para situar Vigo como referente en sostibilidade, innovación tecnolóxica e economía azul. O presidente da APV, Carlos Botana, recibiu á reitora, Carmen García Mateo, nun encontro que no que ambos dirixentes repasaron o amplo catálogo de iniciativas que desenvolven conxuntamente e fixaron a folla de ruta para reforzar a súa colaboración en materia de investigación, capacitación de talento e desenvolvemento socioeconómico.

Entre os principais asuntos abordados destaca a posta en marcha dun rigoroso estudo encargado ao equipo universitario dirixido polo profesor Carlos Rodríguez para analizar o impacto socioeconómico (emprego, valor engadido e dinamización comercial) que xera o Porto de Vigo e a súa área de influencia en relación coa alimentación, con especial foco no sector da pesca (fresca e conxelada), a froita e a conserva.

Do mesmo modo, abordouse a incorporación e reforzo de novos representantes da institución académica nos órganos de traballo portuarios, como é o caso dos grupos de traballo Blue Growth ou o Consello de Navegación do Porto, fortalecendo, deste xeito, o transvase de coñecemento entre a academia e a xestión portuaria.

O encontro serviu tamén para revisar o histórico saldo positivo de proxectos nos que o Porto e a Universidade camiñan da man. Nos últimos anos, ambas entidades teñen colaborado con éxito en destacadas iniciativas de investigación e capacitación pesqueira e portuaria, tales como PuertAlMar, MarENet, BlueFishing Training, SARIL, NaturPorts o ImpulsaAzul, entre outros.

Unha nova etapa de cooperación estratéxica

A esta sólida traxectoria súmanse ambiciosos retos de futuro nos que, unha vez máis, irán da man.  Así, APV e UVigo iniciarán unha nova etapa de cooperación estratéxica en innovación, investigación aplicada, formación e desenvolvemento de solucións aplicadas á auga, ecosistemas mariños, biodiversidade e economía azul, ao tempo que colaborarán a través do Campus do Mar para a difusión e innovación oceánica.

Entre as novas propostas de investigación, atópanse diversos proxectos orientados ao tratamento de vertidos mediante Solucións baseadas na Natureza (SbN), a medición do ruído submarino e a avaliación integrada de contaminantes en auga e sedimentos.

Novo convenio

Así mesmo, o encontro serviu para ratificar a sinatura dun novo convenio de colaboración que reforzará as prácticas tanto do alumnado como dos investigadores no Porto de Vigo, ademais de buscar sinerxías co obxectivo de estreitar a distancia que existe entre o ámbito empresarial e a formación universitaria, adecuando os perfís dos estudantes ás necesidades reais das empresas do sector.

Tanto Carlos Botana como Carmen García Mateo coincidiron en destacar que a suma de sinerxías entre Porto e Universidade é a vía máis eficaz para transformar o coñecemento científico en valor ambiental, económico e social para a cidade de Vigo e toda a súa contorna.