No marco do proxecto Camiños cara á inclusión universal nos centros
A UVigo busca persoas voluntarias para avaliar a accesibilidade dos edificios dos tres campus
Permitirá detectar puntos críticos e garantir desprazamentos seguros e autónomos
A Universidade de Vigo quere coñecer cal é a situación de accesibilidade das escolas, facultades e edificios administrativos dos tres campus. Para facelo, acaba de poñer en marcha un programa de voluntariado que permitirá que sexan os membros da comunidade universitaria os que realicen unha “auditoría social e participativa”. A idea é facer un mapa da accesibiliade, detectar os puntos críticos e garantir que os desprazamentos entre aulas, bibliotecas e áreas comúns sexan totalmente seguros e autónomos.
O programa, bautizado como UVigo para todas as persoas: Camiños cara á inclusión universal nos centros, ten o prazo de inscrición xa aberto. As persoas que decidan participar percorrerán os centros universitarios de cada campus desde a perspectiva de persoa usuaria, identificando e validando os percorridos máis accesibles que conectan os servizos estratéxicos e realizarán un inventario nos percorridos principais de ramplas, ascensores, portas e anchos de paso en cada centro para verificar se cumpre coas normativas de funcionalidade e autonomía. Ademais, buscarase implicar os centros e o estudantado na detección de necesidades reais, transformando a percepción do seu centro de estudos ou traballo nun espazo compartido onde a inclusión sexa responsabilidade de todas as persoas.
Que se busca?
Con esta iniciativa, impulsada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Unidade de Diversidade, búscase identificar os elementos de accesibilidade vertical e horizontal e realizar un inventario nos percorridos principais en cada centro. A partir del, deseñarase un mapa de itinerarios preferentes, identificaranse barreiras físicas e arquitectónicas e optimizarase a sinalética e a orientación espacial. Ademais, servirá para fomentar a sensibilización e a participación comunitaria.
Perfil das persoas voluntarias
Para poder participar como voluntario ou voluntaria é preciso ser membro da comunidade universitaria e, como se recolle nas bases da convocatoria, ser “persoas comprometidas, con capacidade de observación, de análise crítica e que saiban traballar en equipo”.
Non se precisa formación específica nin coñecementos previos, xa que se facilitará formación inicial sobre os criterios de accesibilidade a avaliar. Con todo, valorarase especialmente o feito de ter interese pola inclusión social, a igualdade de oportunidades, a diversidade funcional e a mellora dos espazos universitarios e o ter empatía para comprender as necesidades de diferentes perfís de usuarias (persoas con mobilidade reducida, diversidade sensorial, terceira idade, etc.).
