Reigosa e Cebreiros coinciden na necesidade da formación durante a vida laboral
UVigo e CEP asinan un convenio para promover a formación específica coas microcredenciais como primeiro obxectivo
A institución académica comprométese a ofertar máis de 1500 prazas
A Universidade de Vigo segue a difundir as súas accións cara á posta en marcha do Plan de desenvolvemento de microcredenciais universitarias, a través do que a institución académica viguesa prevé ofertar máis de 1500 prazas correspondentes a preto dunha trintena de accións formativas, destinadas á recualificación e mellora da empregabilidade de persoas traballadoras de entre 25 e 64 anos. Con este obxectivo, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asinou este luns un convenio co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, un acordo que desde unha perspectiva máis ampla permitirá o desenvolvemento de proxectos conxuntos, o intercambio de información, a promoción da igualdade, a realización de investigación aplicada e a súa transferencia á empresa ou a promoción no posto de traballo.
Ao abeiro do convenio asinado hoxe, a CEP encargarase basicamente de dar a coñecer entre empresas e asociacións o programa de microcredenciais universitarias, así como colaborar na canalización de solicitudes e proposta de deseños, así como a localización de docentes especialistas, no seu caso.
Na procura dunha maior cualificación das e dos traballadores
Manuel Reigosa destacou como unha das claves destas accións formativas de curta duración, que se desenvolverán entre abril e maio de 2026, “a obrigada corresponsabilidade dos centros educativos e as empresas no desenvolvemento destas, realizándose as actividades formativas, tanto nuns, coma noutros, o que sen dúbida está a contribuír a unha maior vinculación entre o tecido empresarial e o ámbito educativo”.
Pola súa banda, Jorge Cebreiros, sinalou que existe un serio problema de competitividade en Pontevedra e en Galicia “e unha das múltiples causas tamén está na cualificación dos traballadores con respecto ás necesidades das empresas”. O presidente da CEP reiterou a preocupación das empresas pola formación, “pero con diferente implicación, as medianas e grandes apostan cada vez máis pola formación interna propia, pero as pequenas non teñen estrutura nin medios e son as universidades e os centros de formación quen ten que cubrir esa carencia”, dixo Cebreiros, que tamén incidiu na importancia de que a formación sexa permeable, “atopando un bo equilibrio entre a coordinación que debe de existir no sistema, coa flexibilidade que tamén debe imperar”.
Presentación de solicitudes ata o 31 de outubro
As empresas, entidades e asociación, así como o PDI interesado en elaborar e impartir unha microcredencial deberá trasladar a súa intención ao Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, que se encargará da xestión. As solicitudes das microcredenciais, cuxas temáticas están abertas a todos os ámbitos do coñecemento, deberán presentarse ata o 31 de outubro, ou ata que se esgoten os fondos.