DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do proxecto europeo SM-TMC, cuxos socios se reúnen hoxe e mañá en Vigo 

A UVigo colabora na creación en Tunisia dun centro de referencia de apoio á formación e á investigación en enxeñaría de mantemento 

Cun orzamento de un millón de euros, a iniciativa rematará en 2023

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 22/11/2022

Tres universidades europeas (Vigo, Lyon e Dunarea de Jos Galati), catro tunesinas (Sfax, Gabes, Cartage e Jendouba), ademais de institucións e empresas belgas, portuguesas, suecas e italianas, traballan desde o ano 2021 no proxecto South Mediterranean Tunisian Maintenance Centre of Excellence (SM-TMC). Financiado cun millón de euros por EACEA (Education, Culture and Audiovisual Executive Agency), o proxecto ten o obxectivo de crear un centro de referencia que dea apoio á formación e á investigación en enxeñaría de mantemento, que é “a aplicación de tecnoloxías e metodoloxías para corrixir, prever, estudar e optimizar problemas de recursos de medios nas liñas de produción”, detalla Miguel Díaz-Cacho Medina, docente e investigador do departamento de Enxeñaría de sistemas e automática da UVigo e coordinador do proxecto na UVigo. “A enxeñaría de mantemento e as súas formacións profesionais asociadas son unha das ramas da enxeñaría que máis demanda terá nun futuro próximo a nivel laboral e o seu interese é compatible cos obxectivos económicos e ecolóxicos da UE”, explica Díaz-Cacho, para quen a creación dun centro de mantemento en Tunisia, arroupado por estudios medios e superiores, seguindo estándares europeos, “permitirá, tanto a Europa,  como á súa contorna, unha maior converxencia con eses intereses comúns”.  

Este martes e mércores, os socios de SM-TCM reúnense en Vigo, hoxe na EE Industrial e mañá no edificio Redeiras, para avaliar a evolución do proxecto, cando está a punto de acadar o seu ecuador. “O proxecto ten sete paquetes de traballo e na reunión destes días revisarase o estado de cada un deles, ademais de sentarse as bases do Centro Tecnolóxico de Mantemento, mirándose no espello dos centros tecnolóxicos que actualmente operan en Vigo, así como no seu sector industrial”, detalla o coordinador do proxecto na UVigo. A delegación tunesina que participa nas xuntanzas de hoxe e mañá en Vigo está formada polo reitor e o secretario xeral da Universidade de Sfax, Abdelwahed Mokni e Lotfi Sellami, respectivamente, e o coordinador do proxecto en Tunisia, Mohamed Belhaj, que foron recibidos esta mañá polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio.

Achega europea e viguesa ao proxecto

A posta en marcha do centro de mantemento implicará a creación de estudos superiores a nivel de grao e mestrado en enxeñaría de mantemento e tecnoloxías asociadas, de aí a participación de universidades tunesinas, mentres que as súas homólogas europeas axudarán no proceso de creación de contidos que poidan ser homologados cos estándares de Boloña. “Europa, ademais de asesoramento na creación deste tipo de centros, achega contidos e formación a formadores e financiamento para o equipamento necesario para este centro”, detalla o docente da UVigo, que coordina o proxecto SM-TCM na UVigo, e no que tamén participan outros membros dos departamentos de Automática, Electrónica e Mecánica, persoal da OPI e un investigador contratado da institución académica viguesa.

En canto á achega específica da UVigo, esta traducirase na formación específica en técnicas e metodoloxías de utilidade en enxeñaría de mantemento, ademais de formación noutras técnicas colaterais, que son de vital importancia no mantemento do futuro inmediato (monitorización de variables críticas de máquinas para o diagnóstico das mesmas), tratamento e análises de toda a información recollida polos sensores e a súa transmisión á nube e de aí a diversos centros de uso de dicha información. “Concretamente a UVigo formou e continúa formando a profesores das universidades tunesinas en materias que deberían formar parte do currículo dun ou dunha enxeñeira de mantemento, como Industria 4.0, Mecatrónica ou Tecnicas de Mantemento I e II, ademais da creación do currículo de estudios de Master en Mantemento, de resultados de investigación no marco do proxecto na aplicación da Industria 4.0 na formación do paradigma do Mantemento 4.0 e asesoramento na xestión da calidade requerida en este tipo de proxectos”, detalla Díaz- Cacho, que agradece a participación no proxecto dos investigadores Marcos Acevedo, Alejandro Pereira e René Lastra Cid e “o apoio insuperable da OPI da man de Eva Garea Oya”.

Unha nova colaboración con universidades tunesinas

South Mediterranean Tunisian Maintenance Centre of Excellence toma a remuda de proxectos anteriores nos que a UVigo colaborou con institucións académicas tunesinas. “Nos procesos de detección de necesidades e selección de organismos candidatos a resolvelas previos á materialización concreta en proxectos, a Universidade de Vigo é un referente en participación nos mesmos. A nosa universidade ofrece bos recursos, bos profesionais, bo coñecemento do funcionamento administrativo das institucións europeas e o que ao meu modo de ver é o mais importante, a boa dispoñibilidade dos equipos que traballaron nos proxectos anteriores. En resumo, a invitación a participar neste proxecto é porque nos anteriores o fixemos ben. Así de contundente”, asegura Miguel Díaz-Cacho Medina, que tamén destaca o carácter internacional e aberto da UVigo.