DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola unidade ConviveUVigo, desenvolverase de xeito virtual o luns 23 de xaneiro

A UVigo conmemorará o Día Europeo da Mediación cun debate sobre a Lei de Convivencia Universitaria 

Buscará tamén coñecer diferentes experiencias en materia de resolución positiva de conflitos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 17/01/2023

Analizar as implicacións que terá para as institucións académicas a aprobación da Ley 3/2022 de Convivencia Universitaria será un dos propósitos centrais da mesa redonda coa que a Universidade de Vigo conmemorará, o vindeiro luns 23 de xaneiro. o Día Europeo da Mediación. Promovido pola Unidade de Convivencia e Resolución Positiva de Conflitos (ConviveUVigo), trátase dun evento virtual, aberto ao público, que buscará tamén achegar “as experiencias doutras universidades na resolución positiva de conflitos”, como sinala a directora da Área de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos, a catedrática Francisca Fariña. 

Organizada coa colaboración da Conferencia Universitaria Internacional para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc), a Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade e a Comisión PEA Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, esta mesa reunirá con ese propósito á presidenta da Cuemyc e directora do máster en mediación da Universidad Complutense de Madrid, Leticia García Villaluenga; ao director do Centro Internacional Interuniversitario de Estudios de la Paz, la Mediación y la Convivencia de la Universidad de La Laguna e secretario da Cuemyc, Manuel Rosales, e á coordinadora xeral do Centro de Paz y Diálogo da Universidad Autónoma do Estado de México, Yessenia Salazar. A actividade desenvolverase de xeito virtual, entre as 16.30 e as 18.30 horas, no Palacio de Congresos Auditorio Principal do Campus Remoto da UVigo, con acceso libre. 

Da nova lexislación ás experiencias xa implantadas

Tras centrar en 2022 esta actividade conmemorativa “no proceso de mediación como un mecanismo xeral de resolución de conflitos”, a través do acordo entre as partes, nesta ocasión o evento porá o foco nunha lei que, como lembra Fariña, “promove a mediación como unha ferramenta para resolver positivamente” as controversias que poidan xurdir no seo das institucións académicas. “Esta lei establece que no prazo máximo dun ano desde a súa entrada en vigor as universidades teñen que aprobar as súas normas de convivencia, que incluirán medidas de prevención e resposta fronte á violencia, a discriminación ou o acoso”, engade a catedrática de Psicoloxía Básica e Psicoloxía Xurídica do Menor e membro da xunta directiva da Cuemyc. 

Alén de para “dar a coñecer esta lei á comunidade universitaria”, o propósito desta actividade é tamén afondar nas iniciativas impulsadas por diferentes institucións en materia de resolución positiva da conflitos. Entre elas, lembra, a propia experiencia da unidade que a UVigo puxo en marcha a finais de 2019, converténdose, nunha das “primeiras universidades do noso país” en implantala. Nese senso, a necesidade de dotar ás universidades de unidades de convivencia, “que traballen de maneira independente, aínda que coordinada” aos servizos de inspección ou ás defensorías universitarias é, como sinala Fariña, un dos aspectos destacados no libro Implementación y desarrollo de la convivencia y la mediación en las universidades, que coordinou xunto con García Villaluenga e Rosales. Promovido pola Cuemyc, que integran máis de 50 universidades españolas, europeas e americanas, esta publicación é á súa vez resultado do foro celebrado o pasado verán en La Laguna con motivo da aprobación da Lei de Convivencia Universitaria. Nel, lembra Fariña, participaron representantes de máis dunha vintena de universidades e as súas conclusións reúnense nun volume que presenta unha serie de propostas, reflexións e recomendacións para implantar a mediación nas institucións de ensino superior conforme á nova lexislación. “Buscar unha mellor convivencia e a resolución positiva dos conflitos e, polo tanto, o benestar das persoas, esixe crear unidades de convivencia”, conclúe Fariña.

No caso da UVigo, a posta en marcha de ConviveUVigo tiña como obxecto contribuír a esa resolución positiva de controversias que, de non xestionarse correctamente, poden afectar á convivencia. Esta unidade presta servizo ao conxunto da comunidade universitaria, atendendo, “de xeito confidencial, neutral e transparente”, as posibles problemáticas que poida trasladarlle calquera órgano da institución ou, por iniciativa particular, tanto o alumnado como o profesorado ou persoal de administración e servizos. Nos últimos meses, explica a súa responsable, o seu labor centrouse na realización de “intervencións de mediación e pacificación” principalmente entre estudantado e PAS, ao que se suman activades formativas, como o curso de mediación para persoal da universidade que levarán a cabo no presente curso, ou accións divulgativas como esta mesa de debate.