DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reigosa e Gómez Caamaño asinaron este martes unha prórroga do convenio por catro anos

UVigo e Consellería de Sanidade renovan a súa alianza para potenciar o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur

O reitor amosouse neste acto “máis optimista” de cara a un posible acordo sobre Medicina

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 07/10/2025

A Universidade de Vigo e a Consellería de Sanidade asinaron este martes a prórroga, por catro anos máis, do convenio de colaboración que asegura a continuidade do Instituto de Investigación Sanitaria  Galicia Sur e a súa aposta pola investigación sanitaria de excelencia. O reitor, Manuel Reigosa, e o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, rubricaron a ampliación deste acordo que artella a continuidade deste centro referente no ecosistema biosanitario que conta con máis de 1000 profesionais e que no pasado ano captou máis de cinco millóns de euros para investigacións feitas en Galicia.

A sinatura levouse a cabo no marco da visita que o titular de Sanidade realizou ás dependencias do instituto no Hospital Álvaro Cunqueiro e á que tamén asistiron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; o da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e a directora científica do Instituto, Eva Poveda. Con esta ampliación, sinalaba o conselleiro, a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo manifestan a súa vontade de seguir a impulsar xuntos unha investigación sanitaria de excelencia a través deste instituto de referencia acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III que conta cunha actividade prolífica, con 460 artigos indexados no pasado ano. Pola súa banda, Reigosa fixo fincapé na importancia de traballar "ombreiro con ombreiro" para chegar "moito máis alto" na investigación sanitaria que ten dado "tan bos resultados" co obxectivo de "mellorar a vida das persoas".

Proxectos destacados do IISGS

Tras a sinatura do acordo tivo lugar unha visita polos principais espazos de investigación e laboratorios guiada pola directora científica do IISGS, Eva Poveda, á que seguiu a presentación de varios proxectos científicos e de divulgación. Entre eles, o conselleiro destacou DAPA TAVI, ensaio clínico que demostra que o emprego dun fármaco para a diabetes mellora os prognósticos de pacientes con estenoses aórticas sometidos a intervención valvular cardíaca. Este estudo, impulsado polo Grupo de Investigación Cardiovascular e coa implicación de máis de 1200 pacientes e 39 hospitais, pode mudar o xeito de tratar estes doentes.

Tamén se presentou o proxecto do Grupo de Neurociencia Traslacional baseado nunha análise comparativa de biomarcadores proteicos en saliva entre suxeitos con deterioro cognitivo leve e sen el. En terceiro lugar, as e os asistentes puideron coñecer os proxectos do Grupo de Innovación en Farmacia Clínica, centrados en conseguir perfís metabólicos de principais patoloxías críticas e de pacientes con patoloxía oncolóxica dixestiva. Por outra banda, tamén se puxo o foco na vocación divulgadora do instituto vigués, reflectida no proxecto Ciencia brillante, que busca achegar a ciencia á mocidade dun xeito máis próximo, propoñendo obradoiros sobre a luz, a cor e a imaxe médica dirixidos a estudantes da ESO e o bacharelato.

Reigosa, “máis optimista” de cara a un acordo sobre Medicina

No transcurso do acto e respondendo a preguntas dos medios de comunicación, o reitor da UVigo amosouse "máis optimista" sobre a posibilidade de acadar un acordo no marco do grupo de traballo integrado pola Xunta e as tres universidades sobre a titulación de Medicina. Reigosa reiterou que "mentras non teñamos nada que anunciar, non anunciaremos nada” pero “queda traballo por facer” e “seguimos coa idea de que o sistema sexa aínda mellor que neste momento e que sirva para mellorar os intereses de Galicia". 

O reitor detallou que aínda hai distintas cuestións sobre a mesa e diferentes posibilidades que farán que uns ou outros se sintan máis ou menos cómodos pero apostou por poder chegar a un acordo que poida ser asinado polas partes implicadas, pero isto "dependerá do que sexamos quen de negociar".