DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mellora a súa clasificación global e en catro dos indicadores avaliados 

A UVigo consolídase na franxa 801-1000 do Times Higher Education World University Rankings 

Investigación e docencia rexistran nesta edición de 2027 os incrementos máis significativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Internacional
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/09/2026

A Universidade de Vigo mantense por terceiro ano consecutivo na franxa 801-1000 do Times Higher Education World University Rankings, que este mércores fixo pública a súa edición 2027, na que se analizan 2297 institucións académicas de 118 países e territorios. A institución académica viguesa consolídase na edición deste ano entre as mellores universidades do mundo segundo o ránking, que emprega cinco indicadores básicos para a avaliación das universidades: docencia (a contorna de aprendizaxe); contorna de investigación (volume, ingresos e reputación); calidade da investigación (impactos das citas, solidez, excelencia e influencia da investigación); perspectiva internacional (persoal, estudantes e investigación); e industria (ingresos e patentes).

Tras varias edicións do ránking, que edita a revista especializada britànica Times Higher Education, no tramo 1001-1200, a UVigo subía hai tres anos un chanzo na clasificación, manténdose desde entón na franxa 801-1000, na que ademais mellorou progresivamente as puntuacións acadadas nos indicadores avaliados, así como a súa puntuación xeral (Overall) que se sitúa nesta edición entre 36.4-40.1, fronte aos 35.5-38.9 do ránking do 2026. 

Increméntase a puntuación na calidade da investigación

Un ano máis a UVigo volve mellorar a súa puntuación en calidade da investigación (Research Quality), acadando os 62.3 puntos sobre 100, fronte aos 60.9 da edición 2026 do ránking. O impacto das citas, a solidez da investigación, a súa excelencia e influencia destes avances e propostas son algúns dos aspectos avaliados neste apartado. Mentres, no apartado de docencia (Teaching), a avaliación da reputación, a ratio de docentes/estudantes ou a porcentaxe de doutores e doutoras respecto do de graduadas e graduadas, confirma na edición 2027 do ránking un novo incremento respecto do ano, pasando de 25.2 a 27.0.

En relación coa contorna de investigación e transferencia (Research Environment), atendendo á reputación da I+D, aos ingresos e a súa produtividade, a UVigo acada unha avaliación de 21.6 puntos, fronte aos 19.8 do ano 2026. Pola súa banda, en internacionalización (International Outlook) o ránking puntúa á Universidade de Vigo cun 50.5 (49.8 en 2026), tendo en conta aspectos como a capacidade para atraer estudantado e persoal estranxeiro e para desenvolver proxectos de investigación e cooperación internacionais.

En canto ao indicador relativo á industria (Industry), que avalía a capacidade transferencia de resultados de I+D e patentes, a UVigo suma 59.7 puntos (60.1 en 2026).

As universidades catalás as mellores de España e Oxford á cabeza 

Por decimo primeiro ano consecutivo a Universidade de Oxford lidera o Times Higher Education World University Rankings, por diante do MIT e Princeton University, que ocupa o terceiro posto xunto a Stanford.

Mentres, as universidades catalás copan os postos de cabeza da clasificación das institucións de ensino superior en España. A Universitat de Barcelona ocupa o posto 143, seguida a UAB no 175 e a Pompeu Fabra no 205, mentres que a Universidad de Navarra se sitúa no cuarto posto con 275 puntos. No caso das universidades galegas, a USC comparte coa UVigo o tramo 801-1000, mentres que a UDC aparece no 1201-1400.