DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No proxecto ‘DEBATrue’, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación

A UVigo coordina o deseño dunha plataforma automática de verificación de información orientada ao debate político

O obxectivo é que esta ferramenta poida ser tamén aplicable noutros ámbitos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/01/2022

Deseñar unha aplicación web que permita automatizar o proceso de detección de informacións falsas e, máis en concreto, que permita verificar se as afirmacións realizadas polos políticos e políticas participantes nun debate electoral son certas ou non. Este é o principal obxectivo do proxecto DEBATrue, que, co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinan os investigadores do grupo CP2, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto. 20 investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos integran o equipo de traballo dunha iniciativa dirixida a contribuír, como sinalan os seus responsables, á “loita contra a desinformación”, a través da identificación de “boatos ou datos falsos que poidan desvirtuar a calidade democrática e alterar o normal desenvolvemento do proceso electoral”. Nese senso, como recolle a memoria dun proxecto que se desenvolverá ata 2023, o seu propósito é tratar de sumar aos “actuais procesos manuais” de verificación unha aplicación dixital que automatice parte dese proceso, contribuíndo a que “se acelere a comprobación e verificación da información” e poidan rebaterse, “antes de que se viralicen”, as posibles afirmacións falsas ou inexactas realizadas no transcurso dun debate electoral, coa idea tamén de que esta ferramenta poida logo empregarse para a verificación de información noutros ámbitos. 

Seleccionado na convocatoria Prueba de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación, DEBATrue. Lucha contra la desinformación y criterios de valor en los debates electorales en televisión y medios digitales: plataforma de verificación y blockchain “é un proxecto de transferencia pura”, como subliña Rúas, que busca pór ao servizo da cidadanía unha plataforma de verificación de acceso libre e gratuíto. Trátase, así mesmo, dunha iniciativa derivada da investigación sobre debates electorais televisados DEBATv, que o grupo CP2 desenvolveu no marco do programa Retos de la Sociedad. “Naquel proxecto había xa unha parte que comezamos a realizar de xeito manual, que era comprobar se o que dicían os políticos nos debates era certo ou non e en que medida”, sinala o investigador principal, xunto con Fernández Souto, dun proxecto que reúne expertos e expertas das universidades de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Málaga, Sevilla e Granada.

Unha plataforma de acceso aberto

Co propósito tanto de identificar posibles afirmacións falsas no propio debate, como aquelas que a raíz deste poidan xurdir nas redes sociais, o proxecto abrangue a aplicación de “técnicas e ferramentas de aprendizaxe automático ou machine learning” aos procesos de verificación de datos, así como a creación “dun bot de análise conversacional e medición da actividade e impacto en Twitter” dos debates televisivos. A través destas ferramentas, buscarase tratar de “automatizar ou semiautomatizar este proceso de verificación de datos”, explica Rúas, que matiza que o proxecto implicará tanto o traballo con “datos de grao 1”, aqueles que poden comprobarse en bases de datos de acceso público, como con informacións “de grao 2”, que obrigarían xa “á súa comprobación de forma manual”. 

Baseado no “uso de tecnoloxía blockchain”, tratarase dun “sistema de verificación de información aberto e descentralizado, creado sobre principios de gobernanza éticos e transparentes” e sustentado en datos de acceso aberto. Deste xeito, como recolle a memoria, proxéctase que esta ferramenta en liña permita non só coñecer que informacións son verdadeiras, falsas, incertas ou inexactas, senón poder tamén acceder “á fonte orixinal ou proba de veracidade”, como serían as bases de datos que xustificarían a exactitude ou inexactitude da afirmación. 

Con eses obxectivos, DEBATrue reúne “expertos no desenvolvemento de aplicacións informáticas, en minería de datos en redes sociais e modelos de confianza e reputación, así como no ámbito da ciberseguridade e as conspiracións”, recolle a súa memoria. Así, xunto a Rúas e Fernández Souto, forman parte do proxecto os investigadores da UVigo Manuel Pérez Cota, Montse Vázquez, Iván Puentes, Yolanda Blanco, Andrés Mazaira, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez e Julia Fontenla; xunto cos docentes da UDC Laura Milagros Castro, David Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage; aos que se suman os investigadores Francisco Javier Paniagua, da Universidad de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Paulo Carlos López, da USC; Alejandro Romero, da Universidad de Granada; e o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica

Creación dun índice de calidade

“Estamos nun contexto de desconfianza e o que pretendemos é traballar sobre a economía da confianza a través dunha ferramenta acreditada”, sinala Rúas. Nese senso, o proxecto contempla o desenvolvemento dun “índice internacional de calidade dos debates electorais”, que partirá da revisión e ampliación dunha relación de 50 “indicadores de valor”, deseñada no marco de DEBATv, xunto co impulso dun “selo de calidade” que distinga aqueles debates “que aposten pola participación, a transparencia, a loita contra a desinformación e a participación democrática da cidadanía”.

Outro dos obxectivos do proxecto, como explica Rúas, “é ver a posibilidade de crear unha spin off” a raíz do desenvolvemento desta aplicación, que se basearía “nun modelo de negocio tokenizado”. Isto contribuiría á súa vez, a que esta ferramenta poida aplicarse, nunha segunda fase, “ao debate político xeral”, así como ao desenvolvemento doutras tarefas, como o asesoramento aos diferentes operadores e axentes implicados.

Formación e sensibilización

Con esa mesma vontade de transferencia, proxéctase a elaboración dun manual de boas prácticas na organización de debate, así como dunha guía escolar de “sensibilización, educación e loita contra a desinformación no debate político”. De feito, co propósito de contribuír á “sensibilización e capacitación dos futuros votantes, especialmente na contorna das redes sociais”, o proxecto abrangue tamén a realización dunha estudo sobre as “necesidades educativas e de traballo na aula” que neste ámbito poida requirir a poboación infantil e xuvenil, así como o deseño e organización de talleres e de actividades formativas para educadores.