Sostenave conta cun orzamento de 4,4 millóns de euros e está financiada pola Xunta
UVigo, Coren e Sertogal poñen en marcha unha unidade mixta de investigación para incorporar tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas
Co obxectivo de mellorar a sostibilidade e a calidade da avicultura de carne galega
O campus de Ourense acolleu este xoves a xornada de lanzamento da Unidade Mixta de Investigación Sostenave (Estratexias integrais para a mellora da sostibilidade e da calidade na avicultura de carne). Trátase dunha iniciativa desenvolvida conxuntamente pola Universidade de Vigo, Coren e Sertogal e apoiada pola Xunta de Galicia cuxo obxectivo é incorporar tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas e optimizar procesos produtivos.
Liderada desde a Universidade de Vigo, Sostenave conta cun orzamento total de preto de 4,4 millóns de euros e está financiada con 1,8 millóns de euros pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)-Programa Galicia Feder 2021/2027. Para acadar os seus obxectivos, o proxecto conta desde a UVigo coa participación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, do Instituto de Física, Computación e Ciencia Aeroespacial e do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.
Colaboración público-privada
A xornada de lanzamento celebrada este xoves tivo como obxectivo que os socios do proxecto presentasen os obxectivos, as liñas de traballo e os retos de UMI Sostenave, así como favorecer o encontro e a colaboración entre os diferentes axentes do ecosistema galego de innovación agroalimentaria. Na súa apertura, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, puxo en valor “o talento e as liñas de investigación” que hai no campus de Ourense e que conflúen agora en Sostenave, lembrando que a UVigo está situada no Global Ranking of Academic Subjects, elaborado pola Shanghai Ranking Consultancy, no posto 17 do mundo en investigación en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Reigosa subliñou o papel dos dous institutos de investigación do campus implicados no proxecto, que, dixo, “son moi bos e teñen un potencial tremendo para contribuír a construír país”. A posta en marcha desta nova unidade mixta de investigación, indicou o responsable académico, “é unha iniciativa magnífica” que “encaixa moi ben coas capacidades que ten o campus” e que permitirá estreitar a colaboración co sector empresarial en beneficio do desenvolvemento da contorna.
Pola súa banda, Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación, indicou que esta unidade é unha das dez beneficiarias da última convocatoria da Xunta de Galicia para este fin, sendo, dixo, a maior delas. Destas unidades subliñou o feito de que “conxugan investigación e transferencia e contan coa involucración e o investimento privado”, como é o caso de Sostenave. A responsable institucional amosou a súa confianza en que esta nova ferramenta “pode xerar e debe xerar moito impacto no ecosistema” e destacou a elevada implicación do sector empresarial nela, estando Coren como empresa tractora e Sertogal como peme. A iniciativa, apuntou, “ten todos os elementos para ser exemplo dun gran proxecto digamos case de país e moi importante para Ourense”.
Investigar e trasladar solucións á explotación industrial
Sidonia Martínez, profesora da Facultade de Ciencias coordinadora da UMI Sostenave, foi a encargada de presentar as súas características. Esta unidade mixta de investigación está orientada ao desenvolvemento de investigación aplicada de alto impacto para resolver os desafíos reais da industria agroalimentaria galega. O seu labor principal consiste en investigar e trasladar á explotación industrial solucións para naves de produción avícola que sexan máis eficientes no consumo enerxético, estean mellor adaptadas ao benestar das aves e conten cunha pegada ambiental verificable e reducida.
A actividade da UMI Sostenave articúlase arredor de tres eixes estratéxicos que abordan de forma integral os retos do sector. O primeiro deles é sostenibilidade e benestar, centrándose na optimización do consumo enerxético en naves e mellora das condicións de aloxamento para as aves. O segundo é nutrición e precisión de calidade, enfocada ao desenvolvemento de innovacións en alimentación animal e sistemas de visión artificial para a monitorización obxectiva da calidade das canles. O terceiro é dixitalización e industria 4.0, dirixida á implementación de xemelgos dixitais para a xestión de activos e estratexias de economía circular para a valorización de subprodutos.
A investigación desenvolverase “seguindo unha escala de madurez tecnolóxica que garante a aplicabilidade dos resultados”. Haberá investigación básica, de validación de principios e caracterización inicial en contorna controlada, realizada nos laboratorios da Universidade de Vigo, e haberá escalado de procesos, coa execución de protocolos e probas técnicas a escala intermedia para demostrar a viabilidade en condicións representativas, levadas a cabo na planta piloto agroalimentaria da UVigo. Na escala máis avanzada, levaranse a cabo estudos en condiciones reais, estudos de medidas de control en granxas e centros de procesado para garantir melloras na sostibilidade e calidade na produción de avicultura de carne, realizados neste caso en granxas de Coren. A cifra de persoal investigador implicado no proxecto ascende a 58, aos que se suman 27 persoas a través de colaboracións noutras liñas de investigación.
Con esta colaboración público-privada, a UMI Sostenave persegue abordar dun xeito integral os principais retos do sector, desde a nutrición e o manexo na granxa ata o procesado e a valorización de subprodutos, incorporando a economía circular, a eficiencia enerxética e as tecnoloxías dixitais avanzadas. Ademais, quere impactar directamente na competitividade e resiliencia do sector agroalimentario galego, contribuíndo á súa descarbonización, ao uso eficiente dos recursos e á oferta de alimentos máis seguros, saudables e de alto valor engadido.
