A UVigo destaca como a oitava universidade máis sostible do Estado
O QS World University Rankings: Sustainability 2025 publicado este martes constata o bo facer da Universidade de Vigo no eido da sostibilidade. A institución olívica acada o oitavo posto desta clasificación no eido estatal e consolida, cunha puntuación de 73.7, a súa posición como unha das mellores universidades españolas en canto a impacto ambiental e social. Ademais, segundo o informe realizado polo analista de educación superior QS Quacquarelli Symonds, a UVigo ocupa o lugar 128 en Europa e o 281 do mundo, uns resultados que melloran considerablemente os obtidos o ano pasado, cando a UVigo ocupaba o posto 370 da listaxe global.
The QS World University Rankings: Sustainability 2025 analiza 1743 universidades de 107 países e territorios, incluídas 556 institucións europeas e 44 españolas. A metodoloxía para elaborar esta clasificación baséase no desempeño de cada unha das institucións en tres categorías de avaliación: impacto ambiental, impacto social e gobernanza.
A sexta mellor universidade de España en gobernanza
Nesta clasificación elaborada por QS Quacquarelli Symonds aparecen 44 institucións académicas españolas. As primeiras da táboa son a Universitat Autònoma de Barcelona, que ocupa o posto 61 do mundo; a Universitat de Barcelona, no 115; a Complutense de Madrid, no 162; a Universitat Politècnica de València, no 179 e a Universidad Carlos III de Madrid, no 209.
Analizando os resultados obtidos pola UVigo e situándoos nesta contorna nacional, a institución olívica obtén o 8º posto da listaxe xeral. Atendendo aos tres indicadores, a UVigo sitúase no posto 7 en impacto ambiental, no posto 14 en impacto social e como sexta mellor de España no que se refire á gobernanza.
Resultados por categorías
Se se analizan os resultados en cada unha das tres categorías, a UVigo acada a posición 314 do mundo no eido do impacto ambiental, un resultado que se obtén avaliando tres indicadores: sostibilidade ambiental, educación ambiental e investigación ambiental. A UVigo destaca sobre todo no que se refire á I+D ambiental, con 90.2 puntos e ocupando o posto 193 do mundo.; no que se refire á sostibilidade ambiental, acada a posición 422 con 48.5 puntos e en educación ambiental, o posto 472 con 58.4 puntos.
O segundo indicador é o impacto social, no que a institución viguesa ocupa o posto 345 do mundo. Dentro dente campo agréganse cinco indicadores: igualdade (posto 168 e 89.6 puntos), saúde e benestar (posto 185 e 92.4 puntos), impacto da educación (posto 258 con 80 puntos), intercambio de coñecemento (posición 495 e 75.5 puntos) e empregabilidade e oportunidades (no posto 865 e con 52.3 puntos).
Finalmente, o terceiro indicador é o que se refire á gobernanza, no que a UVigo acada o seu mellor resultado, o posto 147 do mundo, e unha puntuación de 90.3 que se obtén avaliando factores relacionados coa ética, prácticas de contratación, transparencia, toma de decisións, etc.
A Universidade de Toronto lidera a clasificación
Na clasificación global, a University of Toronto segue ocupando o primeiro posto, coa University of British Columbia no quinto lugar, o que sitúa dúas universidades canadenses entre as cinco primeiras, máis ca ningún outro país ou territorio. No segundo posto da listaxe está a ETH Zurich - Swiss Federal Institute of Technology Switzerland, que sube dende o posto 18 tras mellorar en seis dos nove indicadores, e no terceiro a University of California, Berkeley (UCB). Estados Unidos é o país máis representado, con 239 institucións destacadas, porén a puntuación xeral media do país está por detrás de gran parte de Europa, Australia e Asia.
Jessica Turner, directora executiva de QS, destaca que “os ránkings de sostibilidade de QS apoian a transición do sector da educación superior cara a prácticas sostibles, promovendo a transparencia, a investigación de impacto, a igualdade e a mitigación do cambio climático. Mediante a avaliación das institución en categorías ambientais, sociais e de gobernanza poñendo o foco no impacto externo, os ránkings catalizan ideas, accións e compromiso, fomentando un cambio positivo na educación superior”.
Ademais, a avaliación da sustentabilidade ten un impacto tamén no alumnado actual e futuro xa que, como engade Turner, “para os estudantes de hoxe, conscientes da marca, as universidades representan afiliacións de por vida ligadas á identidade e á conciencia social”. Neste sentido, o 2024 QS International Student Survey, amosa que “o 62% dos futuros estudantes considera moi importantes as prácticas sostibles e o 40% busca activamente esta información á hora de elixir universidade. Este cambio pon de manifesto que o alumnado avalía o impacto social e ambiental xunto coa excelencia académica».