A galardoada foi Noelia González Ballesteros
A UVigo entrega un patinete á gañadora do sorteo da enquisa sobre mobilidade
O pasado mes de marzo, a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade puxo en marcha unha enquisa dirixida á comunidade universitaria para coñecer como o alumnado, o persoal invsetigador e o persoal de administración e servizos realizan os seus desprazamentos e colaborar así no cálculo da pegada de carbono e na mellora das políticas de mobilidade nos vindeiros anos. Esta sondaxe, na que tamén se convidaba a empregar e valorar o vehículo autónomo que conecta distintos edificios do campus de Vigo, tiña premio, xa que a Vicerreitoría quixo incentivar a participación co sorteo dun patinete eléctrico entre as persoas que cubrisen o cuestionario.
Rematado o período de participación, a Universidade, agora a través da nova Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade acaba de facer entrega deste vehículo de mobilidade autónoma á súa gañadora: Noelia González Ballesteros.
O acto de entrega tivo lugar no edificio Miralles coa participación do vicerreitor David Álvarez González; o director da Área de Prevención e Mobilidade, Roberto Silva e o técnico da Oficina de Medio Ambiente, Sergio Ramos.
