DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Luis Pérez Freire asinaron este xoves o acordo de colaboración

UVigo e Gradiant suman capacidades en tecnoloxías 5G e traballarán conxuntamente para facilitar que a investigación chegue ao mercado

A través do desenvolvemento conxunto de tecnoloxías, demostradores e probas de concepto, e outras mo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 03/11/2022

Sumar capacidades e incrementar a transferencia de resultados ao tecido industrial. Con este obxectivo a Universidade de Vigo, representada neste caso a través do Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic, e Gradiant, dous dos actores máis relevantes das tecnoloxías 5G en Galicia,  asinaron este xoves un convenio de colaboración que facilitará un importante incremento da cooperación científico-tecnolóxica entre ambas instucións,  “sobre todo nunha liña tan estratéxica para o país como son as tecnoloxías avanzadas 5G”, tal e como subliñou o reitor Manuel Reigosa, encargado de rubricar o acordo xunto ao director xeral de Gradiant Luis Pérez Freire. 

O acto de sinatura tivo lugar no despacho do reitor e nel tanto Reigosa como Pérez Freire fixeron fincapé en que, se ben a colaboración entre a UVigo e Gradiant vén de longo, “de feito Gradiant tivo o seu xermolo na propia Universidade de Vigo”,tal e como recordou Reigosa, a sinatura deste convenio formalizará as actuacións conxuntas, axilizará trámites e, “sen dúbida”, permitirá que as actuacións vaian a máis. “Desde sempre falamos e colaboramos, pero agora pomos por escrito que temos un acordo de traballar xuntos para conseguir máis cousas, traer proxectos máis potentes e, en definitiva, conseguir que haxa unha maior transferencia á industria dos resultados das nosas investigacións”, apuntou Pérez Freire, facendo así fincapé na necesidade conxunta de “axudar á dinamización da economía galega”.

“Temos claro que se van partillar tanto capacidades humanas como infraestruturais e, desde logo, estamos chamados a entendernos sempre”, recalcou pola súa banda o reitor, quen tamén fixo fincapé en que “a nivel de país o 5G vai a xogar un papel moi importante, sobre todo tendo en conta a dispersión xeográfica de Galicia”. Nesta liña, lembrou que os laboratorios 5G de Gradiant e da Universidade de Vigo, amparado este último co convenio con AMTEGA e RETEGAL, “están xa considerados como referentes a nivel nacional”.

Na procura de máis transferencia de resultados á industria

Tal e como se establece nas propias cláusulas do convenio, o obxectivo principal da colaboración é a transferencia de resultados á industria, fomentando e facilitando a chegada da investigación ao mercado a través do desenvolvemento conxunto de tecnoloxías, demostradores e probas de concepto, xunto con outras actividades que, en xeral, faciliten a conexión dos investigadores coa industria e a aplicación práctica dos seus resultados.

Entre as múltiples actividades a desenvolver no marco deste acordo inclúese a proposta e desenvolvemento conxunto de proxectos de I+D que teñan como obxectivo o progreso científico-técnico na área das tecnoloxías 5G e a transferencia de resultados ao sector industria, podendo desenvolverse estes proxectos, de maneira exclusiva entre ambas institucións ou conxuntamente con outras entidades. A maiores inclúese tamén a proposta e realización conxunta de traballos académicos, incluídas as teses de doutoramento. Neste sentido, ambas partes manifestaron o seu interese en definir conxuntamente liñas de investigación de interese común que poidan dar lugar a estudos deste tipo que, no seu caso, estarían co-titorizadas por un investigador senior de cada parte. No caso concreto das teses de doutoramento, o estudante estaría vinculado formalmente ao programa de doutoramento Doc-TIC, independentemente de súa vinculación como bolseiro ou contratado de calquera das partes. 

Sendo pois o obxectivo principal do acordo a transferencia de resultados á industria, tanto Reigosa como Pérez Freire amosaron o seu interese en definir e participar conxuntamente en accións de interacción directa cos axentes industriais relevantes nesta área, así como con outras partes potencialmente interesadas (administracións públicas, asociacións, etc.), desde proporcionar acceso a demostradores tecnolóxicos e probas de concepto, ata a  realización de visitas a empresas, pasando pola presentación conxunta de proxectos.

Folla de ruta a cargo da comisión mixta de seguimento

O documento asinado contempla tamén a posibilidade de  compartir infraestrutuas e equipamentos, establecéndose xa no propio convenio un anexo no que se especifica os principais equipos cos que conta cada unha das partes. Así mesmo, tamén se establece a posta en marcha dunha comisión mixta de seguimento, que será a que se encargue de definir a folla de ruta a seguir. Por parte da UVigo formarán parte desta comisión os profesores Felipe Gil e Francisco Javier González Castaño, mentres que, no caso de Gradiant, os representantes serán o propio Luis Pérez Freire e o xerente, Fernando Jiménez. “Levamos moito tempo colaborando pero formalizar o acordo sempre axuda a dinamizar as cousas”, subliñou tras a sinatura o profesor Felipe Gil, en representación do Laboratorio 5G da Universidade de Vigo.