Na Megau 2025 organizada xunto á USC, UDC e Consellería de Educación
A UVigo homenaxea nun acto multitudinario o esforzo e talento do alumnado cos mellores expedientes de acceso á universidade
Unhas 2000 persoas déronse cita este venres no pavillón de As Travesas
Preto de 700 estudantes do total de 949 que na fase xeral da PAU acadaron unha nota igual ou superior a 8,5 recibiron este venres a homenaxe do Sistema Universitario Galego, na Megau 2025, un acto organizado pola UVigo, xunto ás universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. No pavillón vigués de As Travesas, unhas 2000 persoas déronse cita nun evento que recoñeceu o traballo e talento do alumnado cos mellores expedientes de Galicia de acceso á universidade, que cursou os seus estudos en 214 centros localizados nas catro provincias, aos que representaron 160 titoras e titoras, que tamén viron hoxe recoñecido o seu labor.
No acto, que foi conducido por Jéssica e Robinson, os protagonistas da canle da UVigo en TikTok, @uvigoshow, xunto con Oli, a mascota da institución académica viguesa, o reitor e o alcalde de Vigo; o conselleiro de Educación e os reitores de UDC e USC coincidiron en sinalar ás e aos premiados como o futuro de Galicia, ao tempo que gabaron o seu esforzo, así como o das súas familias e docentes. As vicerreitoras de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, Natalia Caparrini, e da UDC, María José Lombardía, respectivamente; e a de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, ocuparon o escenario do pavillón de As Travesas ao que subiron, baixo as directrices do delegado do reitor da UVigo na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), Iván Area, os e as galardoadas e os e as súas titoras a recoller os seus recoñecementos.
A Coruña con 465 estudantes é, seguida de Pontevedra con 293, a provincia que se sitúa á cabeza de Galicia en número de estudantes premiados na Megau deste ano. Pola súa banda, Lugo suma 98 e Ourense 93.
Ingredientes para facer un mundo mellor
Na súa intervención como anfitrión este ano da Megau, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, comezou destacando o momento complicado por mor das guerras e xenocidios que vive o mundo, pero que se pode mellorar “con dous ingredientes necesarios, pero non suficientes que tedes vós: o talento e o esforzo”, dixo en referencia ás e aos premiados. Reigosa, que reivindicou o protagonismo do coñecemento como alicerce da sociedade, tamén reclamou o sentimento de orgullo por un Sistema Universitario Galego, “que produce resultados magníficos”. Neste sentido, reclamou o esforzo das e dos docentes que “logo dunha longa noite de pedra” fixeron posible a descentralización e creación de tres universidades e sete campus.
Centrándose na UVigo, o seu reitor referiuse ao recoñecemento do talento e do esforzo, á docencia de excelencia e á relación coa sociedade, como os tres ingredientes que caracterizan á institución académica viguesa, que se suman ao seu carácter igualitario e inclusivo. Reigosa, que reiterou o seu desexo de que proximamente sexan reitoras as que dirixan as universidades galegas, rematou a súa intervención asegurando, en referencia ao estudantado homenaxeado que, “o futuro depende de vós”.
O cerebro de Galicia
Pola súa banda, os reitores da USC e da UDC coincidiron en sinalar a excelencia das e dos premiados, froito para Antonio López, “do esforzo e a dedicación, tanto persoal como individual de cada estudante, como das súas familias e dos centros. Un motivo de honra, sen dúbida, que nos obriga ás universidades a estar á altura para ofrecer o mellor servizo posible, achegándolle o acceso a unha educación da máxima calidade”. O reitor da USC, que defendeu a calidade do ensino universitario público galego, rematou lembrando, no 75 aniversario do seu pasamento, a idea que Castelao tiña sobre a universidade, á que se refería como “o cerebro de Galicia”.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou o papel da universidade como “un lugar onde ademais de adquirir coñecementos, é un espazo de crecemento persoal, de pensamento crítico, de compromiso coa sociedade”. Neste sentido, subliñou o papel das tres universidades públicas galegas conformando un “sistema universitario sólido, diverso e comprometido co país, que colabora de maneira intensa e frutífera.” Para Cao, “Galicia necesita do voso talento, da vosa enerxía e da vosa visión para construír un futuro mellor”.
Moita luz e moito futuro para Galicia
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, gabou o traballo e o esforzo do alumnado premiado, que asegurou é “o orgullo da sociedade galega”, ao tempo que o animou a enfrontar con esforzo unha nova etapa académica . O conselleiro tamén aproveitou a súa intervención para felicitar o traballo do profesorado e para asegurar que “hai moita luz e moito futuro para Galicia”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, animou ao alumnado premiado a presumir e sentir orgullo “do que sodes”, ao tempo que asegurou que a universidade “será a vosa casa e a vosa marca vital e profesional”. Abel Caballero rematou a súa intervención solicitando un recoñecemento para o profesorado e un grande aplauso para as familias do alumnado premiado.