DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi inaugurado na tarde deste mércores pola conselleira de Emprego

A UVigo impulsa o primeiro curso en Galicia sobre a igualdade entre homes e mulleres nas relacións laborais

Impártese en Santiago ata o mes de xuño coa participación de 40 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/01/2022

Coa aprobación do real decreto 901/2020 relativo á negociación e rexistro de plans de igualdade e do real decreto 902/2020, de igualdade retributiva, a formación relacionada coa negociación, a avaliación dos plans de igualdade e a efectividade do principio de igualdade na retribución téñense convertido en coñecementos moi demandados na contorna laboral. Para achegar este tipo de competencias ás persoas traballadores e aos axentes sociais, a Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo acaba de poñer en marcha un curso sobre Igualdade entre homes e mulleres nas relacións laborais. Trátase dunha actividade que, “polo seu carácter específico e duración”, non ten precedentes en ningunha outra comunidade autónoma, como explicaba a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no acto a apertura celebrado na tarde deste mércores. 

A docencia, que será totalmente presencial, impártese en Santiago de Compostela, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, baixo a dirección de Belén Fernández Docampo, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e a coordinación de Rosa M. Rodriguez Martín Retortillo, axudante doutora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Na organización colabora tamén a Dirección Xeral de Relacións Laborais. A encargada de impartir o relatorio inaugural foi a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, que afondou nos prexuízos de xénero nas relacións laborais e a evolución histórica no Dereito do Traballo. No acto inaugural, a conselleira María Jesús Lorenzana avanzou que ao longo deste ano o Goberno autonómico ofertará máis de 20 cursos e un total de 5000 prazas que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou teletraballo. Deste xeito, Galicia convértese “na primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral a toda a cidadanía, tanto aos axentes sociais como aos traballadores en xeral, con este curso superior que se acordou no seo do Diálogo Social”.

150 horas de docencia

O obxectivo do curso, como explican as organizadoras, “é ofrecer unha formación especializada en perspectiva de xénero que proporcione ás persoas destinatarias as ferramentas necesarias para poder implantar plans e medidas de igualdade tanto na empresa privada como no ámbito público, así como facer efectivo o dereito á igualdade de trato e á non discriminación entre traballadoras e traballadores en materia retributiva”. E é que coa aprobación dos reais decretos RD 901/2020 e RD 902/2020, de 13 de outubro, as empresas e administracións precisan de persoal con competencias relacionadas coa igualdade retributiva, a formación para a negociación ou os plans de igualdade. Esta proposta da UVigo, con 150 horas de docencia que se estenderán ata o mes de xuño, está destinada a estudantes universitarios e titulados ou tituladas, preferentemente en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Economía ou Ciencias Políticas. Ademais, tamén participan no curso persoas con responsabilidades en recursos humanos, xefaturas de relacións laborais, asesorías e cadros das organizacións empresariais e sindicais, teñan ou non titulación universitaria, sempre e cando na súa actividade profesional concorra unha especial vinculación coa especialidade do curso.

Os contidos do curso estrutúranse en sete módulos de carácter teórico e práctico, que proporcionan uns coñecementos completos e integrais que permiten coñecer o marco normativo necesario para satisfacer a demanda das empresas e organizacións. Estes módulos abordarán temas que van dende as normativa de aplicación neste eido ata as medidas de fomento do emprego das mulleres, a conciliación e corresponsabilidade, os plans de igualdade, a fenda salarial ou o principio de transparencia retributiva. Tamén haberá un bloque temático centrado na prevención de conductas constitutivas de acoso, así como outro sobre a protección social, no que se abordarán temas como a maternidade ou a xubilación e un último sobre a tutela da igualdade. O curso comprenderá tamén módulos prácticos nos que as persoas participantes deberán, por exemplo, elaborar un plan de igualdade ou realizar un rexistro, valoración de postos de traballo e auditoría.