Os seus responsables reuníronse este xoves no campus de Ourense
A UVigo e o Instituto Politécnico de Bragança continúan a afianzar os alicerces do futuro Iberian FoodTec Lab
O obxectivo é levar unha proposta ao seguinte cumio entre os gobernos luso e español
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Orlando Rodrigues, presidente do Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), e os seus equipos reuníronse este xoves no campus de Ourense co obxectivo de continuar dando pasos para a creación do futuro laboratorio ibérico en ciencias alimentarias, o Iberian FoodTec Lab.
No ano 2022, na XXXIII Reunión Luso-Española celebrada en Viana do Castelo (Portugal), os gobernos dos dous países acordaron a creación deste laboratorio. Pouco despois, liderado desde a parte portuguesa polo Instituto Politécnico de Bragança (IPB) e desde a parte española pola Universidade de Vigo, comezouse a traballar nel a través de Net4Food, un proxecto europeo que está na súa fase final e que conta con financiamento do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e fondos Feder. Ademais da UVigo e o IPB, participan nel o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, o clúster Portugal Foods e os laboratorios colaborativos More e Aqua Valor. Ao longo destes tres anos, os socios de Net4Food traballaron na creación dunha rede de excelencia alimentaria na eurorrexión Galicia-norte de Portugal como base para a futura creación deste Iberian FoodTec Lab. A participación de Universidade de Vigo no proxecto está canalizada a través do seu Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e en liña co Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.
Na xuntanza celebrada este xoves no campus de Ourense participaron por parte da Universidade de Vigo o reitor Manuel Reigosa; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e David Fernández Calviño, director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Por parte do Instituto Politécnico de Bragança participaron o seu presidente, Orlando Rodrigues; José Alberto Pereira, Lillian Barros e Filomena Barreiro, respectivamente coordinador e vicecoordinadoras do Centro de Investigação de Montanha; e Albino Bento, director executivo do Laboratório Colaborativo More.
“O Instituto Politécnico de Bragança é un parceiro e socio noso desde hai moito tempo en temas de investigación, de doutoramento, etc. e hai tres anos comezamos, tras ser aprobado polos dous gobernos, o portugués e o español, a creación deste laboratorio, con participación prioritaria da Universidade de Vigo-campus de Ourense e o IPB”, explicou Manuel Reigosa antes da xuntanza. Tras tres anos de traballo no desenvolvemento das bases deste futuro laboratorio a través do proxecto Net4Food, as dúas institucións buscan agora “dar o seguinte paso e tentar levar ao próximo cumio luso-español ou hispano-luso a nosa proposta do que queremos para este laboratorio”. O reitor lembrou a importancia deste proxecto para as dúas institucións académicas, lembrando como o ránking de Shanghai sitúa a UVigo como a mellor universidade de España e 17 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e como o IPB “ocupa posicións moi similares ás nosas” neste eido.
