Elaborado co gallo do seu día internacional e con participación de cidadanía
A UVigo lanza un manifesto reivindicando “un compromiso firme” cos dereitos humanos
Nel avogan por construír unha institución académica accesible, humana, participativa e comprometida
Este mércores, 10 de decembro, celébrase o Día Internacional dos Dereitos Humanos e co gallo desta conmemoración a Universidade de Vigo lanza o seu propio manifesto, elaborado en diálogo coa comunidade universitaria e a cidadanía. Nel reivindícase a vixencia destes dereitos no día a día e avógase por construír unha institución académica accesible, humana, participativa e comprometida con eles.
A iniciativa é froito dunha xornada de traballo celebrada na Facultade de Educación e Traballo Social e organizada pola Vicerreitoría do campus de Ourense e a Unidade de Diversidade da Universidade de Vigo. Froito dun tarde de conferencias, relatos de vida, debate e un obradoiro participativo, preséntase un documento no que se quixo recoller compromisos de accesibilidade e participación; demandas da comunidade universitaria para avanzar en inclusión real e unha visión común sobre como vivir os dereitos humanos no día a día, en consonancia co lema deste día internacional no ano 2025: O esencial de cada día.
Os dereitos humanos como práctica diaria
O manifesto arranca declarando “o noso compromiso firme cunha universidade que recoñeza a diversidade como fonte de riqueza, que viva os dereitos humanos como práctica diaria e que aposte pola participación real como base da convivencia”. Así, engádese, “creemos nunha universidade competente para crear discursos de defensa dos dereitos de todas as persoas, argamasa de construción da sociedade actual e do futuro”. Neste marco de consideración, no manifesto proclámanse e asúmense cinco principios e compromisos para o día a día en relación aos dereitos humanos.
O primeiro destes principios e compromisos é que “o esencial de cada día é poder participar sen obstáculos”, apuntando que a accesibilidade é un dereito, non unha opción. O segundo é que “o esencial de cada día é ser escoitadas, recoñecidas e acompañadas todas as persoas”, sinalando que a inclusión constrúese escoitando. Completan esta listaxe de esenciais diarios aprender, compartir e crecer en comunidade, considerando que a educación é un ben común; convivir en dignidade e respecto mutuo, pois a universidade é un "espazo seguro", e por último, convivir nunha sociedade plural que nos fai mellores, xa que, apúntase no texto, “a diversidade é moi nosa, moi das persoas e sempre enriquece”.
No manifesto recóllese a vontade de “construír unha universidade accesible, humana, participativa e plenamente comprometida coa defensa dos dereitos humanos. Unha universidade que axude a construír unha sociedade no que o esencial non se converta nun privilexio”.
Voces e experiencias compartidas
Neste texto quíxose por último recoñecer “as voces e experiencias compartidas” na xornada celebrada no campus de Ourense da que partiu este manifesto, “como parte esencial da memoria colectiva da nosa universidade” xa que, apúntase, “son relatos que visibilizan barreiras, pero tamén aprendizaxes, alianzas, esforzos e transformacións que deben guiar o noso camiño”. Entre estas voces que axudaron a crear este manifesto estiveron o educador social Felisindo Estévez, as docentes Adán Rey (Educación Primaria e Lingua Estranxeira); Graciela Caride (Educación Primaria e Pedagoxía Terapéutica); Marcos Barreira (Pedagoxía Terapéutica e vicecoordinador na Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia), Raquel Iglesias (Educación Primaria, coordinadora na asociación AGAMPI e estudante de doutoramento na UVigo) e o estudante de Bacharelato Marcial Feijoo. Xunto a eles e elas participaron numerosos membros da comunidade universitaria, entre eles Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade da Universidade de Vigo, e membros de diferentes colectivos. Nesta celebración do Día Internacional dos Dereitos Humanos tamén se lembrou e se tivo en conta que o pasado 3 de decembro se conmemorou o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional.
