DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de solicitude está aberto ata o 23 deste mes de xullo

A UVigo lanza unha nova convocatoria para poñer en marcha proxectos de aprendizaxe e servizo sobre a Axenda 2030 e os ODS

Neste curso desenvolvéronse nos tres campus 13 destas iniciativas de formación integral

Etiquetas
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cooperación
  • Académica
DUVI 11/06/2025

A metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo (ApS) é unha proposta educativa que integra a aprendizaxe académica coa realización dun servizo solidario á comunidade. A través dela, o alumnado aplica os coñecementos adquiridos na aula para dar resposta a necesidades reais da contorna, promovendo unha formación integral que desenvolve tanto competencias académicas como valores sociais e cívicos. Esta metodoloxía está cada vez máis presente nas universidades, que buscan así incentivar a participación activa e o compromiso social do alumnado. A Universidade de Vigo leva anos apostando por este tipo de proxectos con diferentes convocatorias, entre elas unha específica centrada na Axenda 2030 impulsada pola Área de Equidade e Cooperación. 

Esta proposta busca impulsar e dotar de financiamento a posta en marcha o vindeiro curso de proxectos de aprendizaxe e servizo que contribúan á inclusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 nos plans de estudo das titulacións da UVigo e promovan a participación social comprometida e corresponsable da comunidade universitaria da Universidade de Vigo. 

O prazo para presentar propostas está aberto ata o 23 deste mes de xuño.

13 proxecto neste curso

A anterior edición desta convocatoria permitiu a posta en marcha ao longo deste curso que está a piques de rematar de 13 APs nos tres campus. Os proxectos abordaron temáticas como a alimentación sostible, a estimulación artística nas escolas infantís, a diversidade, a competencia dixital e mediática da cidadanía, o turismo ou a violencia de xénero. As propostas tamén permitiron, por exemplo, desenvolver programas de divulgación científica para pacientes pediátricos no Hospital Álvaro Cunqueiro ou deseñar unha campaña de sensibilización sobre a protección da infancia da man da Subdelegación do Goberno de Pontevedra.

Ata 600 euros por proxecto

A convocatoria para o vindeiro curso estipula que só se pode concorrer cun único proxecto, que debe estar vencellado ás materias que figuren no POD no curso académico 2025-2026. A metodoloxía de Aprendizaxe – Servizo debe aparecer recollida na Guía Docente da materia especificando a porcentaxe que vai representar na avaliación. En total, destínase a esta convocatoria un orzamento de 3600 euros, de modo que a contía máxima da axuda para cada proxecto concedido será de 600€ para proxectos anuais e 300 para proxectos cuadrimestral. Ademais, tamén se poderán aprobar proxectos sen financiamento.