DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aurora lévase a cabo en colaboración coa Universitat Politècnica de Catalunya

A UVigo lidera un proxecto internacional de mellora da resiliencia das infraestruturas costeiras fronte ao cambio climático

Nel desenvolveranse e validaranse modelos numéricos de alta fidelidade de simulación do espigón

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 04/06/2026

O grupo EPhysLab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo coordina o proxecto estatal Aurora, centrado en mellorar a resiliencia, o deseño e a optimización das estruturas de protección costeira. O seu obxectivo principal é desenvolver, validar e aplicar ferramentas de modelado numérico de última xeración para abordar a estabilidade das unidades de blindaxe dos crebaondas (elementos clave para garantir a estabilidade destas infraestruturas ante condicións marítimas cada vez máis extremas) ao tempo que se afonda na comprensión dos procesos físicos que desencadean a súa inestabilidade. 

O proxecto realízase de xeito coordinado coa Universitat Politècnica de Catalunya (UPC). Conta cun orzamento total de 369.375 euros financiados pola convocatoria a Proxectos de Xeración de Coñecemento 2024, da Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Arrancou en setembro de 2025 e prolongarase ata agosto de 2028. A iniciativa ten unha destacada dimensión internacional, contando coa participación e colaboración de persoal investigador de institucións como a Universitat Politècnica de València, a Universidade do Porto, KU Leuven, Uppsala University e a empresa xaponesa Fudo Tetra Corporation. “Esta rede de colaboración reforza a capacidade do proxecto para integrar coñecemento punteiro en modelización, experimentación e aplicación práctica na enxeñaría marítima”, sinalan desde a organización.

Ante as necesidades críticas da xestión portuaria e costeira moderna, Aurora, indica o equipo responsable, permitirá avanzar significativamente na comprensión da estabilidade do espigón mediante a combinación sinérxica de modelado numérico de última xeración (Universidade de Vigo) con modelado físico rigoroso (Universitat Politècnica de Catalunya-BarcelonaTech). “Este enfoque coordinado aproveita as fortalezas de ambas institucións, permitindo o desenvolvemento e a validación de ferramentas numéricas avanzadas para predicir a estabilidade das unidades de blindaxe de espigón en diversas condicións de ondas e hidrodinámicas”, apuntan. Para a validación do modelo realizaranse probas na instalación de ICIEM-MARHIS ICTS.

Modelos numéricos de alta fidelidade

Aurora estrutúrase en dous subproxectos complementarios: un experimental, chamado Aurora-UPC e liderado pola Universitat Politècnica de Catalunya, e outro centrado na modelización numérica, chamado Aurora-Num e dirixido desde o campus de Ourense polos investigadores de EPhysLab  Alejandro Jacobo Cabrera e María Teresa de Castro. O equipo da UVigo desenvolverá modelos numéricos de alta fidelidade capaces de avaliar a resiliencia e a optimización destas estruturas de espigón en condicións reais de enxeñaría. O traballo incluirá análises de variables como as cargas hidrodinámicas, a interacción entre bloques, os procesos de dano e desprazamento das unidades e a influencia de propiedades materiais como a fricción de estabilidade, empregando técnicas de programación de altas prestacións e validando os resultados con datos experimentais obtidos no propio proxecto. Para a simulación numérica do impacto da ondada nos bloques dos diques emprégase un software de dinámica de fluídos baseado en partículas desenvolvido polo propio EPhysLab.

A combinación de modelización computacional e validación experimental permitirá comprender mellor os procesos físicos que afectan a estas infraestruturas e facilitará o desenvolvemento de solucións máis seguras, eficientes e adaptadas aos desafíos do litoral. Neste senso, Alejandro Jacobo Cabrera explica que “Aurora permítenos dar un paso máis, combinando o coñecemento en simulación avanzada cunha validación experimental moi sólida, o que é fundamental para desenvolver ferramentas realmente útiles e fiables”. Para EPhysLab, engade, “supón tamén unha oportunidade de consolidar unha liña de investigación con aplicación directa a problemas reais e con capacidade para xerar impacto científico, técnico e social”.

O que fai diferente a Aurora respecto doutros proxectos en enxeñaría costeira, detalla Alejandro Jacobo Cabrera, “é precisamente a combinación estreita entre modelización numérica avanzada, validación experimental e aplicación a casos reais”. Non se trata só de desenvolver modelos máis sofisticados, recalca, “senón de contrastalos con ensaios físicos específicos e orientalos a problemas concretos de estabilidade e mantemento de infraestruturas portuarias. Esa conexión entre simulación, experimento e aplicación práctica é unha das súas principais fortalezas”.

Resposta a grandes retos actuais

Máis alá do avance científico, o proxecto responde a un dos grandes retos actuais: protexer as zonas costeiras fronte ao aumento do nivel do mar, a intensificación da ondada e a maior frecuencia de eventos extremos. Os seus resultados, sinalan desde a súa organización, “contribuirán a mellorar o deseño e mantemento de infraestruturas como portos e diques, reducindo riscos, custos e danos asociados”. Igualmente, Aurora incorpora unha importante vertente de transferencia e difusión, co desenvolvemento de ferramentas numéricas avanzadas, publicacións científicas, actividades formativas e a posta a disposición de datos e códigos en aberto. “O obxectivo é facilitar tanto o avance do coñecemento como a súa aplicación directa por parte do sector portuario e da enxeñaría costeira”, apuntan.

O proxecto, comenta por último Alejandro Jacobo Cabrera, “pode achegar valor á sociedade mellorando as ferramentas para deseñar, avaliar e manter infraestruturas costeiras máis seguras e máis resilientes”, pois, sinala, “nun contexto de cambio climático e de temporais máis intensos, isto é fundamental para reducir riscos e tomar mellores decisións técnicas. Ademais, o proxecto incorpora casos reais de interese para autoridades portuarias como as da Coruña e Bilbao, o que reforza a súa utilidade práctica”.