DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os plans de continxencia das materias garanten a avaliación do alumnado confinado pola covid

A UVigo manterá a presencialidade total en exames e clases a partir do 10 de xaneiro

“Podemos presumir de que as nosas aulas son un espazo seguro”, asegura o reitor 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/01/2022

A actividade docente manterase de xeito totalmente presencial para todas as titulacións dos tres campus da UVigo, a partir do vindeiro 10 de xaneiro. Logo do acordo unánime acadado nas últimas horas polo Goberno e as comunidades autónomas para regresar ás aulas o próximo luns de xeito totalmente presencial, a Universidade de Vigo retomará a actividade docente tal e como o viña facendo antes das vacacións de Nadal: apostando pola presencialidade, tanto nas clases, como nos exames, con medidas que garanten que as persoas confinadas por mor da covid non perdan nin docencia, nin probas de avaliación. “Seguen en vigor os protocolos que se viñan aplicando. Por suposto, tentamos combinar a máxima seguridade nas aulas con medidas que permitan que as persoas confinadas non perdan clases nin exames”, detalla o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que lembra que as medidas están recollidas nos protocolos aprobados polos órganos de goberno e figuran nos plans de actuación de cada centro. “Por outra banda”, explica Reigosa, “as guías docentes de todas as materias para este curso contemplan un apartado de ‘Plan de continxencias’ coas correspondentes adaptacións de metodoloxías e probas de avaliación decididas polo profesorado para situacións coma esta, polo que o estudantado pode saber con que mecanismo vai ser avaliado, ou como seguir as clases, en caso de confinamento con só consultar a guía correspondente”, aclara o reitor.

Sobre a diversidade na adaptación das avaliacións para o alumnado afectado pola covid, o vicerreitor de Ordenación Académica Profesorado, Manuel Ramos, destaca que “cómpre avaliar materias moi diversas, partes teóricas, partes prácticas… Se tes un alumno confinado ao mellor fáiselle o exame oral, a través de Campus Rem0to, pero se tes 20 confinados non vas poder. Algúns docentes prefiren esperar e facerlle o exame a semana seguinte cando se incorpore, máxime agora que baixaron a sete días o confinamento, e outros prefiren a modalidade mixta, sempre e cando o estudante estea ben para facer o exame, por suposto. Non hai unha norma fixa”, especifica Ramos, que incide en que cada profesora ou profesor na guía docente das súas respectivas materias optou polo que estimou mellor. 

Incidencia de 87/100.000 entre o 20 de decembro e o 2 de xaneiro 

Ante o incremento das cifras de contaxios que se está a rexistrar nesta sexta vaga da pandemia,  o reitor asegura que cómpre persistir nas medidas tomadas ata a súa desaparición. “Estamos en permanente contacto coas autoridades sanitarias e non mudaremos os protocolos mentres sexa recomendable mantelos, e aínda que todos desexamos que sexa o antes posible, polo de agora non é momento de abandonar as precaucións”, afirma Manuel Reigosa.

No período comprendido entre o 6 de decembro ao 2 de xaneiro na UVigo rexistráronse 62 positivos por covid (35 no campus de Vigo, 18 en Pontevedra e 9 en Ourense) e a incidencia entre o 20/12/2021 e o 02/01/2022 foi de 87/100.000. “Baixísima se a comparamos coa actual”, explica o reitor, que destaca que é preciso ter en conta que unha parte da comunidade universitaria, especialmente o estudantado, “non tería comunicado a súa positividade aos respectivos delegados covid do seu centro por estar fóra da actividade docente”, sinala Reigosa, que lembra que a Comisión Covid da UVigo estuda todas as semanas a situación e alerta cando hai algunha medida que cómpre adoptar.

“Polo de agora, podemos presumir que as aulas da nosa universidade son un espazo seguro e non houbo un só gromo que se poida atribuír a contaxio dentro da institución. Iso fala moi ben, tanto das medidas adoptadas, coma da responsabilidade amosada por toda a comunidade universitaria, cumprindo estritamente as medidas e non relaxándose e ningún momento da pandemia”, valora o reitor, que anima ao persoal e ao alumnado a seguir sendo igual de responsables.

Test PCR sobre saliva para PDI e PAS a próxima semana e mostraxes xerais para alumnado 

Como xa se fixera noutros momentos da pandemia, a UVigo realizará a vindeira semana tests PCR sobre saliva ao seu persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos. PDI e PAS, que suman algo máis de 2800 persoas, terá a súa disposición, nas conserxerías dos centros dos tres campus, os vindeiros días 10 e 11 de xaneiro, tubos para a recollida de mostras de saliva para a realización de tests PCR. O persoal poderá recoller os días 10 de 11 de xaneiro os kits para a realización das probas, e o 12 deberá rexistrar as mostras na aplicación poolingvigo.com e a entregalas nas gradillas habilitadas nas conserxerías dos respectivas escolas e facultades. “Dada a situación actual, penso que sería magnífico coñecer con detalle a situación de todo o noso persoal antes do reinicio das clases. A proba é por PCR, absolutamente fiable e eu animo ao noso persoal a facela”, sinala o reitor.

En canto ao alumnado, unha vez rematados os exames, retomaranse as mostraxes xerais ou centradas naquelas aulas nas que aparezan contaxios.