DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel participan 44 empregados da empresa ourensá

A UVigo e Mecanizados Rodríguez Fernández desenvolven un estudo pioneiro sobre saúde e benestar no traballo

A iniciativa está financiada pola Axencia Galega de InnovaciónFernández (MRF) están a desenvolver un

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 03/10/2025

A Universidade de Vigo e a empresa ourensá Mecanizados Rodríguez Fernández (MRF) están a desenvolver un estudo pioneiro sobre saúde e benestar no traballo. O proxecto, financiado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, busca “xerar coñecemento que axude a promover contornas laborais máis saudables e sostibles”. 

A estudo está liderado por Diego García, psicólogo experto en metodoloxías e doutorando en Economía e Control de Xestión na UVigo-Ecobas (centro de investigación interuniversitario Economics and Business Administration for Society). A investigación forma parte da súa tese de doutoramento baixo a titoría de Ernesto López Valeiras, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Os responsables do proxecto na Universidade de Vigo subliñan que “esta colaboración exemplifica como a unión entre universidade e empresa industrial permite trasladar a investigación académica á realidade do tecido produtivo, xerando beneficios tanto sociais como económicos”. Pola súa banda, desde MRF, Susana Baños, responsable de Recursos Humanos da empresa, destaca que “xerar prosperidade e benestar debe empezar dentro de nosa propia casa; colaborar nesta investigación permítenos achegar valor científico e, ao mesmo tempo, explorar novas formas de coidar da nosa xente”. 

Nove meses de recollida de datos

MRF é unha empresa industrial con máis de 50 anos de experiencia no deseño e fabricación de accesorios en aceiro e solucións para a carrocería industrial e outros sectores industriais ubicada no Polígono Industrial de Pereiro de Aguiar (Ourense). A iniciativa espertou un grande interese entre o seu persoal e 44 empregados dela inscribíronse voluntariamente para participar no proxecto, o que supón case a metade da compañía. “Durante os próximos nove meses, participarán neste estudo, que combina cuestionarios psicométricos co uso de pulseiras intelixentes e a plataforma tecnolóxica de Mentiness, garantindo unha recollida de datos anónima e fiable”, sinalan os responsables do estudo.

Este proxecto, indican desde as entidades participantes, “constitúe un exemplo de cooperación multidisciplinar, que une á universidade (UVigo-Ecobas), a empresa tecnolóxica (Mentiness) e a industria (MRF), demostrando como a innovación e a responsabilidade social poden ir da man para crear contornas de traballo máis saudables e sostibles.