DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O monopraza correrá este verán nos circuítos de Formula Student Portugal e Croacia

UVigo Motorsport presenta o UM25, unha “revolución técnica” máis potente, lixeiro e aerodinámico

A escudaría cumpre unha década e aposta por primeira vez polo etanol como combustible

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 27/06/2025

Este verán cúmprense 10 anos dende que o primeiro monopraza de UVigo Motorsport rodara nos circuítos europeos. Tras unha década de traballo, esforzo e dedicación, os membros da escudaría universitaria foron quen de consolidar este proxecto e este venres presentaron o UM25, o seu novo monopraza. Os responsables do equipo defíneno “máis que como unha evolución, como unha revolución, porque cambiamos unha morea de aspectos en todos os departamentos” para obter un coche máis potente, lixeiro e aerodinámico.

Denis Pallarés, responsable de Chasis; Óscar Hermida, responsable de Organización & Marketing e Eva Freire, do Departamento de Coche Autónomo, deron conta este venres das principais novidades do monopraza antes da presentación oficial que tivo lugar pola tarde. A principal innovación é o cambio de combustible, deixando atrás a gasolina e apostando polo etanol, como alternativa máis ecolóxica. Esta decisión supón un cambio completo de todo o sistema de combustible, xuntou con outras modificacións que esixe a normativa. Pero a aposta polo etanol, explica Pallarés, implica “gañar un 30% de potencia, pasando duns 56 cabalos ao uns 70, o cal vai permitir que o coche teña mellor resposta e sexa máis rápido en calquera recta e en aceleración”.

Ademais, o uso do etanol tamén permite obter unhas temperaturas, en xeral, máis baixas, que era un dos principais problemas que o equipo tiña en anteriores temporadas. En definitiva, o coche é máis potente e máis reactivo que xa está listo para rodar nos circuítos de Formula Student de Portugal e Croacia este verán.

Un UM25 máis lixeiro, aerodinámico e seguro 

Ademais do cambio de combustible, o UM25 conta cun sistema de refrixeración redeseñado dende cero e un novo tubo de escape, que constitúen os cambios máis visibles. Por outra banda, o Departamento de Chasis tamén apostou por unha nova xeometría completa da estrutura do coche, implementando cambios de materiais (máis fibra de carbono), o que permite acadar a maior redución de peso en anos pero conseguindo, ao mesmo tempo, elevar as medidas de seguridade. En total, arredor de 15 kg menos, “o que sumado ao aumento de potencia, vai supor bastante ganancia de tempo en pista”, explica Pallarés. En canto á aerodinámica, apostouse por facer un redeseño completo do paquete aerodinámico, cambiando completamente a imaxe exterior do coche. “Tamén avanzamos na simulación e validación, polo que sabemos que este paquete aerodinámico vai render o dobre que o anterior”, recalca.

No que respecta ao Departamento de Dinámica, levouse a cabo tamén un redeseño da xeometría da suspensión que permitirá reducir a dureza da dirección, que era un dos puntos febles dos coches anteriores. Ademais, tamén se incluíu unha barra estabilizadora, “que permite unha mellor configuración de todos os parámetros, ao incluír un elemento máis que relaciona ambos lados do vehículo, en lugar de ter suspensións independentes”.

Finalmente, o Departamento de Electrónica centrouse en mellorar a fiabilidade e a seguridade do sistema e mellorar a calidade do cableado, grazas á incorporación de novos patrocinadores, “que nos permite chegar aos estándares máis altos da automoción”, subliña Pallarés. Ademais, se ben o ano pasado se incorporou ao UM24 un acelerador actuado electronicamente, este ano súmase un golpe de gas automático e unha placa de transmisión por radio “para ver a telemetría do coche en tempo real e unha placa de control de bomba de auga independente á do motor” para responder ás necesidades do sistema de refrixeración novo.

En definitiva, un UM25 máis potente, máis lixeiro e máis aerodinámico que, durante as vindeiras semana, será probado en circuítos da contorna para poñelo a punto para as competicións do verán.

Competicións en Portugal e Croacia

A cancelación pola perda dun patrocinador dunha das probas na que o equipo ía competir este verán, Formula Student East en Hungría, obrigou a unha readaptación de calendario. En lugar desta proba, o UM25 competirá na cita portuguesa, que terá lugar en Castelo Branco entre o 27 de xullo e o 1 de agosto. Mantense a participación na outra carreira que estaba prevista para este verán, a AlpeAdria, en Croacia, entre o 11 e o 16 de agosto no Bugatti Rimac Test Track en Velika Gorica. A cada unha probas desprazarase 28 estudantes e as súas expectativas son diferentes en cada caso. Mentres en Portugal agardan estar entre os primeiros ou incluso gañar, en Croacia asumen que a competencia será maior, con equipos, como os alemáns, que contan cun orzamento e uns medios moi superiores “cos que non nos podemos comparar”, como recoñece Óscar Hermida.

Aposta por un coche autónomo en 2026

En anteriores edicións, UVigo Motorsport, ademais das probas nas que competía co seu monopraza, tamén o facía en Reino Unido nunha competición de coche autónomo con vehículos proporcionados pola organización. Este ano non vai ser así, como avanza Eva Freire, xa que a aposta do equipo foi traballar durante este ano e tamén durante o próximo para que o UM26 sexa un vehículo autónomo, o que lles permitirá rodar cun coche propio en diferentes circuítos máis aló de Formula UK. “Agora mesmo temos todo o deseño dos actuadores feito e xa están adaptados para que vaian no UM26”, explica Freire.

80 estudantes conforman o equipo

A escudaría está formada nesta temporada por arredor de 80 estudantes de diferentes graos dos tres campus, incluíndo todas as titulacións da  EE Industrial, así como da EE de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, de Enxeñaría Biomédica, de Enxeñaría Informática, de Comunicación, Filoloxía e Tradución, etc.

Para todos eles, a participación neste proxecto é dunha altísima esixencia, que implica unha dedicación de horas e esforzo que deben compaxinar cos seus estudos. Pero a súa implicación ten recompensas en múltiples ámbitos, non só pola experiencia persoal, senón porque traballar no deseño e fabricación do monopraza “permítenos ver a aplicación real do que aprendemos na carreira, ver para que serve o que estudamos”. Ademais é tamén unha fonte de vocacións, e moitos dos membros do equipo teñen moi claro que se queren dedicar no futuro ao eido da automoción. Ao tempo, esta iniciativa estudantil é tamén é un reclamo para a EEI e para a UVigo, xa que non son poucos os mozos e mozas de secundaria que se achegan aos membros do equipo nos múltiples actos aos que estes asisten para interesarse polo proxecto, pola escola e por formar de da escudaría no futuro. “Temos canteira asegurada”.