DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo conseguiu sacar adiante a temporada a pesar do incendio do taller en febreiro

UVigo Motorsport presenta un UM26 máis lixeiro, cun novo motor e cos sistemas de propulsión e aerodinámica renovados

O monopraza competirá este verán nos circuítos de Formula Student de Austria e España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 03/07/2026

Para a escudaría universitaria UVigo Motorsport este foi se dúbida o ano máis complicado dende a súa fundación en 2014. O incendio que arrasou o seu taller na madrugada do 21 de febreiro semellaba que podía truncar a temporada, pero os 80 estudantes que conforman o equipo foron quen de sobrepoñerse e sacar adiante o monopraza UM26, que este verán rodará nos circuítos de Formula Student de Austria e España.

Como explica Marta Cabo, team leader do único equipo galego da Formula Student, a pesar do revés sufrido “conseguimos repoñernos e continuar coa temporada de maneira relativamente normal grazas ao apoio dos nosos patrocinadores, dos membros e do grupo CIMA e o Cintecx, que nos cederon un espazo no centro para poder continuar coa fabricación do monopraza”.  Destaca que “os ánimos nunca decaeron, xa que todo o equipo tiña un obxectivo común: sacar o coche que sempre tivemos planeado”. 

Para facer fronte aos danos causados polo incendio, o equipo puxo en marcha unha campaña de micromecenado e, “a pesar de non acadar o obxectivo que puxeramos na recadación, puidemos acadar o suficiente para repoñer ferramenta que quedou inutilizada no incendio, a máis imprescindible.”  Ademais, os patrocinadores non os deixaron de lado e, “coma sempre, apoiáronnos de forma impecable repetindo pedidos, cedendo materiais e incluso instalacións cando máis o necesitábamos”. 

O resultado deste esforzo colectivo e desta mostra de resiliencia é o UM26, que se presentou na tarde deste venres na Escola de Enxeñería Industrial nun acto que contou coa presenza de Rafael Comesaña, vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social; Abel Caballero, alcalde de Vigo; David Regades, delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo e José Fariña, director da EE Industrial. Ao longo do evento foron tomando a palabra diversos membros da escudaría, entre eles a propia Marta Cabo ou o technical leader Denis Pallarés, así como o coordinador académico do proxecto, o catedrático Jacobo Porteiro. 

O vicerreitor Rafael Comesaña lembraba na súa intervención como naceu o proxecto UVigo Motorsport en 2014 da man dos propios estudantes e como xurdiu aquel primeiro grupo que traballaba “mesmo sábados e domingos” para poñer en práctica o que aprendían na aula ao mesmo tempo que adquirían “o que hoxe se coñece como habilidades brandas”. Diso pasaron 12 anos e “para a Universidade é un orgullo seguir apoiándovos pero tamén é unha inversión estratéxica porque vós sodes os embaixadores da UVigo alá por onde ides”.

Regades, pola súa banda, puxo en valor a relación permanente e fonda entre Zona Franca e Universidade tanto en transferencia de coñecemento como na cantidade de egresados e egresadas da UVigo que nutren as empresas de ZF. Felicitou á escudaría universitaria por sacar adiante unha temporada tan complexa coma esta e por apostar “pola colaboración público-privada que xa levades en vea”. 

O alcalde foi o encargado de pechar as intervencións antes de descubrir o coche. Na súa intervención puxo en valor “a marca Universidade de Vigo” caracterizada por unha excelencia que “hai anos era impensable” e que permite sacar adiante un proxecto como o UM26 “que é tamén unha marca excepcional” que amosa que aquí se fai “algo que poucas universidades son capaces de facer”. Animou ao alumnado das enxeñarías da UVigo a seguir traballando proxectos coma este que axudan a converter Vigo “nunha das grandes cidades tecnolóxicas de España”.

O UM26

O UM26 é un monopraza máis lixeiro, cun novo motor e cos sistemas de propulsión e aerodinámica renovados. Como detalla Marta Cabo, os cambios máis importantes respecto do seu antecesor é a redución de peso do conxunto do monopraza, o cambio de motor e o redeseño de todos os sistemas da propulsión, así como un paquete aerodinámico completamente renovado.

Como detalla Marta Cabo, “a redución de peso débese, de novo, á diminución de peso do chasis, pero nesta ocasión, acompañándoo da redución de peso dos demais sistemas, fundamentalmente, de toda a propulsión e do paquete aerodinámica. Cos cálculos actuais, estimamos unha rebaixa de arredor de 25kg”. 

Respecto da propulsión, as modificacións radican no cambio de motor do Kawasaki ER6N que levaba empregándose dende o ano 2017 a un Triumph Daytona, cos conseguintes cambios realizados nos demais subsistemas. O combustible será o etanol, mantendo así este cambio introducido na pasada temporada no UM25, que se converteu no primeiro monopraza de UVigo Motorsport que non empregaba gasóleo. 

En relación co paquete aerodinámico, que foi completamente renovado, ademais de contribuír á limitar o peso, tamén implicará “o aumento de eficiencia e do downforce, ademais de mellorar a metodoloxía de deseño e simulación nas primeiras etapas”. 

Xullo en Austria e agosto en España

O monopraza universitaria correrá este verán en dous circuítos, como vén sendo habitual nas últimas temporadas. A primeira proba será no Formula Student Austria, do 26 ao 30 de xullo no Red Bull Ring e a segunda no Formula Student Spain, que se disputará no circuítos de Montmeló entre o 1 e 7 de agosto. 

Sobre as expectativas para estas dúas citas, a team leader do equipo recoñece que o principal obxectivo “é continuar cos resultados ascendentes que leva seguindo o equipo dende o UM23”.

O pasado verán, o UM25 competiu en Castelo Branco, Portugal (tras a suspensión da competición en Hungría) e en Croacia. No primeiro caso, a escudaría da UVigo acadou dous primeiros postos nas probas estáticas (Cost & Manufacturing Event e Engineering Design Event) e un segundo posto na clasificación xeral, cun total de 423,78 puntos. Mentres, en Croacia, na Fórmula Student Alpe Adria, non houbo podio para o monopraza da UVigo, que logrou os seus mellores resultados en Skidpad, cun 8º posto e un 9º en Cost & Manufacturing e en Engineering Design, clasificacións por riba da metade da táboa, o que lles permitiu sumar 335 puntos.

80 membros para facer realidade un soño

A escudaría da Universidade de Vigo está actualmente formada por 80 membros, estudantes de todas as titulacións de enxeñaría da UVigo, xunto con membros doutros graos como Publicidade e RRPP ou Comercio. É un número moi similar ao de temporadas pasadas, o que constata interese do alumnado por este proxecto complementario aos seus estudos e permite pensar na súa estabilidade de cara ao futuro. Xunto cos novos membros que cada ano se unen ao equipo a comezos de curso hai outros cunha ampla traxectoria e experiencia, de modo que se asegura unha remuda con cada promoción dos graos.

Respectos ás instalacións queimadas en febreiro, explica a responsable do equipo, “o taller continúa sen desmantelar”, polo que de momento seguirán a traballar no Cintecx, concretamente no espazo dedicado ao grupo CIMA, “que nos cederon de forma altruísta”.