No marco dun proxecto Erasmus+, no que participa persoal investigador de Turquía, Eslovenia e Ucraín
A UVigo participa na elaboración dunha guía para a cobertura informativa de catástrofes
Centrada en aspectos éticos e de seguridade, así como en cuestións prácticas
No marco dun proxecto financiado polo programa Erasmus+, investigadores da Universidade de Vigo participaron na elaboración dunha guía sobre a cobertura informativa de catástrofes como terremotos, inundacións, incendios, crises humanitarias ou conflitos bélicos, dirixida a profesionais do xornalismo. Esta publicación é un dos resultados do proxecto Disaster Journalism: Preventing the News from Turning into a Disaster, coordinado pola Unversidade de Selçuk (Turquía) e no que participan investigadores da Facultade de Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, así como de institucións académicas de Eslovenia e Ucraína. Con versións en inglés e turco, esta guía foi presentada recentemente en Ankara, nun evento promovido polo Directorate of Communications da Presidencia de Turquía, que reuniu máis de 500 persoas.
Baixo o título de A Practical, Ethical and Safety Guide to Disaster Journalism, trátase dun libro no que se condensan “o que inicialmente ían ser tres guías independentes”, explica Javier Abuín, investigador principal do proxecto na UVigo. Partindo da premisa de que unha ou un xornalista de catástrofes debe reunir “competencia no terreo, principios éticos e requisitos de seguridade”, esta publicación busca presentar as “consideracións esenciais que deben ter en conta ao informar sobre desastres”, segundo recolle o seu texto de presentación. Con esa idea, centra o seu primeiro capítulo en cuestións como o papel dos xornalistas nunha situación de crise, a preparación para a cobertura de desastres e outra serie de cuestións de carácter práctico, mentres que o seu segundo apartado aborda aspectos éticos. Este capítulo afonda en cuestións como a contraposición entre rapidez e exactitude, como evitar xerar pánico ou un dramatismo excesivo, a necesidade de intelixencia emocional e empatía sobre o terreo ou como non contribuír á “revitimización” das persoas afectadas.
O terceiro bloque céntrase na seguridade das e dos profesionais, abordando a súa protección persoal sobre o terreo, os “retos específicos” de cada tipo de desastres ou a xestión das fontes de información. Este apartado pon tamén o foco na saúde mental e no impacto psicolóxico deste tipo de desastres, abordando tanto medidas preventivas como os seus efectos posteriores. Neste punto, Abuín sinala a importancia que ten a abordaxe posterior das catástrofes, tanto no referido “á súa presenza na axenda mediática”, co obxectivo de que a cidadanía poida coñecer “como está a zona afectada”, como no que supoñen para as e os profesionais ter vivido este tipo de eventos, que poden derivar en problemas de “depresión ou estrés postraumático”.
Presentación en Ankara
As cuestións abordadas nesta publicación foron o eixe central do Disaster Journalism Training Panel, un evento que contou coa participación de máis de 500 profesionais, responsables de institucións públicas, persoal investigador e estudantes de diferentes universidades. Á xornada asistiron máis de 50 xornalistas de varios países, dos que formaba parte un bo número de profesionais que traballaron na cobertura informativa dos terremotos sufridos por Turquía en 2023. Inaugurado polo responsable do Directorate of Communications, Burhanettin Duran, e o presidente da Axencia de Xestión de Desastres e Emerxencias, Ali Hamza Pehlivan, este encontro formaba parte dun “programa internacional de formación en xornalismo”, inserido nun proxecto do que os responsables institucionais destacaron o seu “carácter pioneiro” e o seu “enfoque na loita contra a desinformación en contextos de crise”.
O evento completouse con tres paneis centrados nas áreas que abrangue esta guía, contando coa participación de Abuín no dedicado ás cuestións de seguridade. Nel, o investigador do grupo Sepcom puxo de relevo “a necesidade de integrar a alfabetización mediática e a verificación de contidos en calquera formación sobre xornalismo de desastres, para reducir a circulación de rumores e imaxes descontextualizadas en momentos de alta vulnerabilidade social”, á vez que afondou “no papel da imaxe e dos formatos dixitais na construción do relato sobre a catástrofe".
Formación e recursos
Coa participación tamén do Consello Supremo de Radio e Televisión de Turquía (RTUK), do concello metropolitano de Konya, da Universidade de Primorska e da Taras Shevchenko National University de Kiev, Disaster Journalism ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento dun currículo formativo en materia de xornalismo de desastres, así como o deseño de diferentes recursos para profesionais. Coordinado polo profesor da Selçuk University Abdulkadir Gölkü, outro dos resultados deste proxecto será a publicación dun libro en inglés e nos idiomas dos catro países representados nesta iniciativa. Neste recollerase o currículo completo do curso deseñado, xunto con capítulos “dedicados a temas como a verificación, a ética, a empatía cara as vítimas, o uso da tecoloxía ou a dimensión visual da información”, explica Abuín.
Outro dos resultados serán unha serie de “contidos dixitais” de carácter formativo, como podcasts, infografías e vídeos. Os traballos de desenvolvemento destes materiais e a posterior análise do seu impacto son coordinados pola UVigo, representada tamén neste proxecto polo catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martín López Nores, así como por José Luis Andrés e Óscar González.
