No marco do proxecto de cooperación internacional Edu-Fusion NSG
A UVigo participa na formación de profesorado universitario en Kazakhstán
A súa achega céntrase na pedagoxía da enxeñaría
A Universidade de Vigo participa no proxecto de cooperación internacional EduFusion Network for Sustainable Growth, iniciativa que busca transformar a educación superior en Kazakhstán e promover o seu crecemento sostible a través da colaboración entre universidades, industria e sociedade. No marco desta iniciativa, a profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Maribel Doval participa esta semana nese país nun obradoiro centrado na capacitación de formadores, de profesorado universitario.
Cunha duración de catro anos, EduFusion NSG está financiado polo programa europeo Erasmus+ (CBHE Capacity Building in HE, Strand 3). Conta cun financiamento próximo ao millón de euros e reúne “institucións kazakas clave” como o Ministerio de Educación e Ciencia; a Kazakh Society of Engineering Education e seis universidades. Ademais participan tres institucións europeas: a Universidade de Vigo; o Instituto Politécnico de Porto (Portugal), coordinador da iniciativa, e Enter Network, unha organización global que conecta universidades e empresas en Europa. A UVigo é a única institución española no proxecto e está representada nel por Maribel Doval e os catedráticos e profesores Marcos Arias e Óscar Rubiños.
Pedagoxía da enxeñaría
O obradoiro, que se celebra do 16 ao 19 de febreiro na Universidade Técnica do Leste de Kazakhstán (EKTU), forma parte das accións de fortalecemento de capacidades en entidades de ensino superior. A UVigo participa nel a través da Facultade de Educación e Traballo Social e do grupo de investigación HC1, xunto coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Grupo de Investigación SC7. O programa de catro días, comenta Maribel Doval, “aborda as dimensións chave do desenvolvemento da capacidade académica: pedagoxía da enxeñaría e participación do alumnado; aprendizaxe dixital, baseada na práctica e en sistemas; liderado, innovación e responsabilidade profesional; e deseño, avaliación e sostibilidade baseados en competencias”. A profesora destaca como o modelo de formación de formadores (ToT) adoptado neste obradoiro, no que participan máis de 30 persoas de diferentes universidades kazakas, “garante un efecto multiplicador en todas as institucións participantes, permitindo unha transformación sistémica en liña cos estándares internacionais de calidade e cos marcos de programas de desenvolvemento profesional desenvolvidos conxuntamente con anterioridade”.
A participación da UVigo no obradoiro céntrase na parte de pedagoxía da enxeñaría a través dun marco transdisciplinar e socialmente responsable. Nel, Maribel Doval traballou coas persoas asistentes, entre outros temas, o papel da transdisciplinaridade na educación en enxeñaría, “superando os silos disciplinares cara a ecosistemas de coñecemento integrados”, e a integración das ciencias sociais e as humanidades nos plans de estudos de enxeñaría “para reforzar o razoamento ético, o pensamento sistémico, a competencia comunicativa e a responsabilidade social”. Estes temas, apunta, “abordan directamente varias das fendas de competencias identificadas na educación en enxeñaría en Kazakhstán, particularmente na pedagoxía innovadora, a integración interdisciplinar, a sostibilidade, a ética profesional e o deseño de cursos baseados en competencias”.
Edu-Fusion NSG, lembra a profesora da UVigo, “é unha iniciativa integral dirixida a transformar a educación superior en Kazakhstán, aliñando os resultados de aprendizaxe coas necesidades do mercado laboral, promovendo o crecemento económico sostible e contribuíndo á creación de emprego a longo prazo”. O proxecto, engade por último, promove unha forte colaboración entre o ámbito académico e a industria, a formación e certificación internacional do profesorado e o desenvolvemento de cursos en liña orientados ao mercado que estimulen os ecosistemas empresariais nacionais.
