DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado con preto de 5 millón de euros, arrancou recentemente en Múnich

A UVigo participa nun proxecto europeo que busca reducir a contaminación e mellorar a saúde nas cidades

O papel do grupo Rede céntrase na análise socioeconómica das Zero Pollution Measures

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 04/03/2026

Axudar ás cidades a reducir a contaminación e mellorar a saúde da  poboación de forma máis eficaz. Este é o obxectivo co que acaba de pórse en marcha o proxecto europeo Purepolis, Dynamic Abatement Strategies for maximized environmental and societal health in cities, unha iniciativa financiada con preto de cinco millóns de euros polo programa Horizonte Europa e que permitirá estudar e desenvolver durante tres anos ferramentas dixitais e de análise innovador destinadas a reducir a contaminación do aire, da auga, o chan e o ruído, tendo en conta os seus impactos na saúde e o benestar. 

Liderado polo centro de investigación alemán Helmholtz Múnich, especializado en temas de saúde medioambiental, a posta en marcha e desenvolvemento do proxecto corre a cargo dun consorcio internacional de 19 entidades de oito países, entre elas a Universidade de Vigo, quen participa no estudo a través do grupo Rede, Research Group in Energy, Innovation and Environment. Eles serán os encargados e encargadas da análise socioeconómica das Zero Pollution Measures (ZPM), é dicir,  da análise das medidas que se poden aplicar nas cidades para reducir a contaminación e a exposición, unha contribución considerada “clave” para apoiar a toma de decisións públicas, ao proporcionar evidencia sobre a viabilidade e o impacto socioeconómico das medidas de redución da contaminación e facilitar a súa replicabilidade nas diferentes cidades europeas.

“Centrámonos na avaliación socioeconómica e na monetización dos impactos destas zonas, para apoiar a toma de decisións con evidencia sobre custos, beneficios e efectos sobre a saúde e o benestar”, explica Antonio Sartal, integrante de Rede e responsable na UVigo do proxecto, ao que engade que tamén colaborarán noutras tarefas transversais, achegando o seu coñecemento en análise social e económica e contribuíndo á integración destes resultados no conxunto das ferramentas e recomendacións que se desenvolverán ao longo do proxecto.

Valencia e Nantes funcionarán como cidades piloto

O proxecto, cuxa reunión de lanzamento se celebrou hai apenas unhas semanas en Múnich, combina datos ambientais en tempo case real, ciencia cidadá e modelos avanzados de avaliación do impacto na saúde para deseñar estratexias dinámicas de redución da contaminación adaptadas a cada cidade. Estas ferramentas probaranse en estudos de caso en España e Francia e poderán replicarse noutras cidades europeas, co obxectivo de facilitar a replicabilidad en toda Europa mediante un xemelgo dixital e documentación de políticas.

Valencia, en España, e Nantes, en Francia, funcionarán como cidades piloto e, a maiores, Berlín e Augsburgo, en Alemaña, e Rybnik, en Polonia, participarán como cidades seguidoras para avaliar a transferibilidade dos resultados. Neste senso, Sartal explica que se trata dunha grande oportunidade para que a investigación do grupo teña “impacto real, ao contribuír a ferramentas que axuden ás administracións locais a priorizar medidas e a avalialas con rigor”.

En total avaliarase a exposición a 35 contaminantes en aire, ruído, auga e chan, relacionados con 10 riscos críticos para a saúde. Así mesmo, analizarse o impacto das medidas de contaminación cero e ofrecerase unha caixa de ferramentas de estratexias dinámicas, apoiadas por marcos de vulnerabilidade e comportamento. Os resultados aplicaranse nos dous casos piloto, tanto en Valencia, como en Nantes, 

“Un paso máis” na proxección internacional do grupo Rede

O grupo Rede, adscrito ao centro de investigación Ecobas, leva anos traballando en temas de avaliación socioeconómica, sustentabilidade e análise de políticas públicas e innovación e foi, precisamente, a súa traxectoria en proxectos e colaboracións europeas o que lles facilitou a conexión cos diferentes membros do consorcio. “Moitos dos socios coñecían ese traballo e consideraron que a nosa experiencia podía complementar o enfoque do proxecto na parte social e económica”, apunta Sartal.

Ser un dos grupos integrantes do proxecto Purepolis supón agora para eles dar “un paso máis” na  súa proxección europea, así como “a posibilidade de traballar nun consorcio interdisciplinar e internacional, no que se combinan enfoques científicos e aplicados para responder a un reto prioritario: reducir a contaminación urbana e mellorar a saúde”. 

Xunto a Sartal completan o equipo de traballo da UVigo neste proxecto Xosé H. Vázquez, Raquel Arévalo, Carlos Rodríguez, Andrea Ogando e Estefanía Couñago.