DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido no programa ‘La aventura del Saber’, de La 2

A UVigo participa nunha nova tempada do espazo televisivo ‘Universo Sostenible’

Nela interveñen as investigadoras Xana Álvarez e Nieves Lorenzo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/05/2023

Dirixido a afondar, dun xeito sinxelo, nas claves dos avances nos proxectos de investigación relacionados cos procesos tecnolóxicos que terán un impacto importante no futuro, a comezos de maio iniciáronse as emisións da sexta tempada de Universo Sostenible. Nela, a Universidade de Vigo está representada polas investigadoras Nieves Lorenzo e Xana Álvarez. Coproducido por CRUE Universidades Españolas e polas 29 institucións académicas participantes, a sexta tempada deste proxecto de divulgación científica está conformada por nove capítulos que, desde o 3 de maio, emítense cada mércores dentro do programa La Aventura del Saber, de La 2 de Televisión Española. 

No seu segundo programa, centrado no cambio climático e no prognóstico sobre o quentamento global, emotido o 10 de maio, este espazo contou coa participación da profesora do Departamento de Física Aplicada Nieves Lorenzo, docente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e investigadora do grupo Ephyslab. O cuarto programa, que se emitirá este mércores 24, estará dedicado ao ciclo de auga e contará coa intervención, centrada nos ríos, da profesora da Escola de Enxeñaría Forestal do campus pontevedrés Xana Álvarez. Investigadora do grupo AF4, Álvarez centra as súas liñas de traballo na eutrofización de augas doces, os ecosistemas acuáticos, a conectividade ecolóxica ou a xestión do territorio e dos recursos naturais.

Alén do quentamento global e do ciclo da auga, a sexta tempada de Universo Sostenible afonda tamén en temáticas como as células nai, as enfermidades neurodexenerativas, as tecnoloxías 5G, as erupcións volcánicas ou a intelixencia das aves. Ademais de na web de RTVE, os diferentes programas poderán verse nas plataformas web das 29 universidades que coproducen este espazo xunto á CRUE.