Xunto a entidades portuguesas e uzbekas, ao abeiro do proxecto europeo Greendt
A UVigo participa na transformación da formación superior en enxeñaría ambiental en Uzbekistán
Vigo e Ourense acollen reunións dos socios e eventos culturais de promoción do país asiático
A crise do mar de Aral; a escaseza de auga e a seca; a perda de biodiversidade e a polución do aire e do solo son algún dos retos ambientais críticos aos que se enfronta Uzbekistán e aos que, mediante a formación de profesionais, a mellora da investigación e a posta en práctica de medidas ambientais sostibles pretende facer fronte o proxecto europeo Greendt, Implementing Environmental Engineering Master Degrees through Sustainable Transition and Societal Change (CBHE Eramus+). Cun financiamento superior aos 750.000 euros, o proxecto reúne un consorcio internacional multidisciplinar de institucións académicas e gobernamentais do país asiático, Portugal e España, representada pola Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga) e a Universidade de Vigo.
“A UVigo é responsable do WP3, un dos piares clave do proxecto Greendt, centrado no desenvolvemento dun marco pedagóxico e dun programa de formación de formadores que sentará as bases dun novo Mestrado en Enxeñaría Ambiental”, explica desde o Departamento de Didáctica, organización escolar e métodos de investigación Maribel Doval, que xunto aos tamén docentes e investigadores da UVigo David Fernandez Calviño e Claudia Campillo do campus de Ourense e Claudio Cameselle, Pedro Ferreira, Teresa Roa e Santiago Salvador Gimeno do campus de Vigo, integra o equipo docente experto en educación e diversidade, ciencias ambientais, dereito e enxeñaría da institución académica viguesa implicado no proxecto.
O Instituto Politécnico de Viana do Castelo, que coordina Greendt; os ministerio de Ecoloxía, Protección Ambiental e Cambio Climático e o de Educación Superior, Ciencia e Innovación da República de Uzbekistán e as universidades uzbekas Green University, o Fergana Politexnika Instituti, o Jizzakh Polytechnic Institute, a Tashkent Kimyo International University, completan a relación de participantes no proxecto, centrado na transformación da formación en enxeñaría ambiental nas institucións de educación superior uzbekas, aliñándose co Pacto Verde Europeo e coas axendas globais de transición sostible.
Reunión internacional do proxecto en Vigo e Ourense
Ao longo desta semana o edificio Redeiras de Vigo e a facultade de Educación de Traballo Social do campus de Ourense están a ser os escenarios da segunda reunión do consorcio Greendt, na que os socios revisan os avances e definen as próximas accións centradas en transición sostible, innovación dixital e fortalecemento institucional. Como parte das actividades, Redeiras acollía na tarde deste martes o Uzbekistan Cultural Day, organizado polas embaixadas do país asiático en España e Francia e a Fergana State Technical University. Actuacións musicais e danza tradicional uzbeka; exposicións de artesanía con bordados, cerámica e téxtiles, proxección de documentais; degustación de gastronomía típica e relatorios institucionais sobre diplomacia cultural e desenvolvemento sostible, sucedéronse no Cultural Day, no que participou o embaixador de Uzbekistán en España, Farrukh Tursunov. “Ao acoller esta xornada cultural, a UVigo reafirma a súa vocación internacional e o seu compromiso co desenvolvemento sostible, a través da educación, a ciencia e a cultura”, asegura Doval, para que o Uzbekistan Cultural Day “é un exemplo de como os proxectos Erasmus+ poden xerar impacto máis aló da academia, unindo persoas, países e valores comúns”.
Entre os días 16 ao 18 de xullo as actividades da reunión do proxecto desenvolveranse no campus de Ourense, onde se celebrarán en sesións de mañá e tarde relatorios sobre enxeñaría, enerxía renovables, inclusión, sustentabilidade e problemas coa auga a cargo dos docentes e investigadores da UVigo que participan no proxecto.
