DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manteranse os efectivos precisos para a prestación de servizos esenciais

A UVigo pecha centros, dependencias e instalacións entre o 4 e o 18 de agosto 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI 30/07/2021

Entre os días 4 ao 18 de agosto, ambos os dous incluídos, a Universidade de Vigo pechará todos os seus centros, dependencias e instalacións. A medida, implantada desde o ano 2019 en Semana Santa e verán, procura avanzar no compromiso da institución académica viguesa e do seu persoal coa sustentabilidade e o cambio climático e así, co obxectivo de optimizar recursos para acadar un aforro enerxético e económico, procederase a partir do mércores da vindeira semana a pechar os centros, dependencia e instalacións dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. 

A medida, recollida nunha instrución da Xerencia, e que este curso tamén se aplicou entre o 27 de marzo e o 4de abril, establece uns servizos mínimos para a prestación de servizos esencias no Cacti, no animalario do Cinbio, na Ecimat, na Unidade de servizos xerais de apoio e na Área de tecnoloxías da comunicación e información (Atic). 

A primeira experiencia piloto de peche de instalacións desenvolveuse en agosto de 2019, cando se declarou inhábil o período entre o 7 e o 19 de agosto. O peche deses trece días supuxo para a institución un aforro económico de 15.000€, así como un aforro en pegada ecolóxica, xa que se evitou a emisión de 58 toneladas de CO2 á atmosfera, o equivalente a 122 vivendas unifamiliares durante un ano.