DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da Escola Aberta de Formación Permanente, desenvolverase entre xaneiro e febreiro

A UVigo porá en marcha un curso avanzado de posgrao en eficiencia enerxética en rehabilitación de edificios

Será en modalidade virtual tanto para profesionais do sector como para alumnado de enxeñaría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 23/11/2021

En España existe un importante parque de construcións antigas edificadas segundo uns principios pouco sostibles e iso abre un amplo abano de posibilidades no eido da rehabilitación, en aspectos como actuacións na envolvente do edificio, nas instalacións enerxéticas e na xestión, medidas todas elas que poden axudar a mellorar a eficiencia enerxética dos inmobles. Para actualizar os coñecementos que os profesionais da enxeñaría teñen neste eido e ampliar a formación dos estudantes que están a piques de rematar o grao, a Universidade de Vigo aprobou a posta en marcha dun curso avanzado de posgrao en eficiencia enerxética en rehabilitación de edificios.

A formación impartirase en modalidade virtual a través de Campus Remoto entre o 14 de xaneiro e o 25 de febreiro, con dúas clases semanais os venres pola tarde e os sábados pola mañá. O curso, que oferta 32 prazas, insírese na oferta formativa da Escola Aberta de Formación Permanente, onde se centralizan as ensinanzas propias da UVigo que responden ás necesidades e demandas da sociedade e complementan os estudos oficiais.

Os profesores Pablo Eguía e Ignacio Armesto son os directores deste curso a través do cal, explican, “as e os alumnos entrarán en contacto cos conceptos máis recentes que se relacionan coa construción e a climatización eficiente, como as ferramentas de software como o BIM; o illamento de pontes térmicas para conseguir as cualificacións máis altas; as medidas pasivas para reducir as cargas interiores; a ventilación con recuperación de calor para conseguir a calidade do ambiente interior; a produción eléctrica fotovoltaica; a recarga do vehículo eléctrico e o control activo do edificio”. Unha vez completada esta formación, a Universidade proporcionará un título de Eficiencia Enerxética en Rehabilitación de Edificios.

Para profesionais e estudantes de enxeñaría

Neste curso, o público obxectivo está composto principalmente por profesionais interesados en “actualizar os seus coñecementos en base aos últimos cambios publicados no Código Técnico da Edificación”, como explica Pablo Eguía. Con todo, o curso está tamén pensado para aqueles estudantes que estean rematando os seus estudos e os que veñen de rematar recentemente, xa que lles servirá para adquirir os coñecementos necesarios para comezar a abordar proxectos de reformas integrais de edificios, onde se debe xustificar o cumprimento do Código Técnico da Edificación, en concreto, o documento básico de Aforro de Enerxía. Así, o perfil do alumnado é “claramente técnico”, dende os estudantes e titulados de enxeñaría e arquitectura ata os profesionais en activo destes eido. 

Eguía, docente e investigador no Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos, destaca que o curso comezará “explicando como empregar a ferramenta de software gratuíta BIMServer.center e Cypetherm. como unha posibilidade para a xustificación dos cálculos sobre eficiencia enerxética”. O programa tamén abordará as medidas pasivas, é dicir, aquelas que afectan á envolvente do edificio e que son o primeiro paso para conseguir que se poida considerar unha construción de consumo case-nulo. Por exemplo, analizarase o potencial bioclimático da edificación, a influenza da contorna urbana ou as estratexias de deseño bioclimático e coñecerán as características da iluminación natural, dos diferentes sistemas de illamento como o SATE ou a fachada trasventilada, as cubertas de chapas perfiladas ou as características da edificación en pedra e a arquitectura tradicional. O segundo bloque de clases centrarase nas instalacións, en especial as de ventilación mecánica, as fotovoltaicas, as de recarga do vehículo eléctrico e as de monitoraxe. Para terminar, os asistentes tamén poderán coñecer o funcionamento das solicitudes de subvencións para este tipo de proxectos. 

A docencia será eminentemente práctica impartida por catro profesionais que actualmente desenvolven a súa carreira nas disciplinas sobre as que van impartir as clases: Miguel García Campos, fundador de Vivogar; Alejandro Martínez García, xerente de Alexo Ingeniería; Patricia Liñares, arquitecta de Proyectopía e José Manuel López Suárez, coordinador do Departamento de Enxeñaría en Saltoki. Xunto con eles, tres docentes da UVigo: o propio Pablo Eguía, David López e Alejandro Molares. Deste xeito, como explica Eguía, estes sete expertos son ou foron, nalgún momento, docentes da Universidad de Vigo. 

O período de preinscrición e matrícula estará aberto ata o 13 de xaneiro.