DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Imaxe actualizou o manual respondendo os actuais desafíos da comunicación

A UVigo presenta unha renovación da súa identidade corporativa gráficaA Área de Imaxe realizou unha actualización do manual para responder os actuais desafíos da comunicación

Como novidade, incorpórase a versión abreviada do logotipo ‘UVigo’, amplamente empregada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Publicacións
  • Institucional
DUVI 11/12/2025

O Manual de identidade corporativa gráfica da Universidade de Vigo naceu como unha “ferramenta viva e evolutiva, capaz de adaptarse ás novas necesidades, contextos e estratexias da organización”. Fiel a este filosofía, a Área de Imaxe da institución académica acaba de lanzar unha actualización deste documento para “responder os actuais desafíos da comunicación” e manter a “relevancia e consistencia” da Universidade de Vigo nunha contorna cambiante.

O manual conserva o propósito de definir as liñas visuais condutoras da imaxe da Universidade de Vigo e mantén os principais elementos identificativos da institución, como o logotipo e as tipografías corporativas, pero incorpora algunhas actualizacións para adaptarse ás novas realidades comunicativas. 

Principais novidades

Entre as principais novidades que se inclúen nesta actualización, dende a Área de Imaxe explican que, aínda que se mantén o logotipo corporativo, gañador do concurso de identidade celebrado en 2008, “incorpórase a versión secundaria ‘UVigo’, abreviatura amplamente utilizada tanto polos públicos internos como externos, consolidada a través do dominio web e as direccións de correo electrónico institucionais”. O uso da mesma, engaden, “queda reservado a aplicacións que requiran un alto grao de redución, como a marcaxe de produtos de pequeno formato (lapis, bolígrafos etc.) ou os perfís en redes sociais”.

Tamén se mantén a tipografía corporativa Campus, “premiada e moi identificativa”, definíndose o seu emprego para resaltar unha ou dúas palabras en gran tamaño, co fin de garantir unha correcta lexibilidade. Porén, incorpórase unha versión simplificada desta tipografía “con cinco liñas en lugar de dez, destinada ao seu uso en medios dixitais. Esta adaptación permite evitar o efecto moiré e mellora a calidade de reprodución en dispositivos móbiles”, explican dende a Área de Imaxe.

Outra das novidades está relacionada coa tipografía, xa que aínda que se conserva como principal a New Baskerville para os documentos destinados a impresión, o novo manual introduce “como familia alternativa a Roboto, de pau seco, co fin de optimizar a lectura en contornas dixitais, páxinas web e outros soportes electrónicos”.

Ademais, o manual tamén actualiza e amplía as aplicacións corporativas en papelería, material promocional, sinalética e soportes dixitais, definindo tamén o seu uso en páxinas web, formatos audiovisuais e redes sociais.

Documento xa dispoñible

O documento actualizado pode consultarse e descargarse desde a páxina web institucional, onde tamén están dispoñibles o logotipo da Universidade de Vigo, as tipografías corporativas e diversos recursos descargables e personalizables, así como a carta de servizos da Área de Imaxe e os elementos gráficos específicos de cada centro, área ou servizo.

Dende a área e dende a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais lembran que coidar a correcta aplicación da identidade corporativa é fundamental para garantir a coherencia, solidez e recoñecemento da marca. “Cada elemento contribúe a construír unha imaxe unificada e profesional, que reforza a confianza e o vínculo co público”.