DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou por asentimento os límites de prazas para o curso 23/24

A UVigo prevé ofertar o vindeiro curso máis de 5600 prazas de grao e mestrado, 80 máis que este 

A falta da resolución da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/03/2023

A Universidade de Vigo ofertará o vindeiro curso 2023-2024 un total de 5624 prazas de grao e mestrado de novo ingreso, o que supón un incremento de 83, respecto das ofertadas este curso. A falta da resolución da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, o Consello de Goberno da UVigo aprobou por asentimento na súa sesión ordinaria de hoxe un límite de prazas de novo ingreso para o vindeiro curso de 3848 para titulacións de grao, 57 máis que este curso, e un límite de 1176 prazas para titulacións de máster, 26 máis que o presente curso. 

Este foi un dos acordos adoptados na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada hoxe e na que tamén se aprobou o regulamento de réxime interno do recentemente creado Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais, así como a suspensión da actividade do Instituto de Electrónica Aplicada. A tramitación da modificación do título de Máster en Avogacía e Procuradoría, foi outro dos acordos adoptados polos membros do Consello, nunha sesión que comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa deu conta dos asuntos tratados nas últimas reunións mantidas coa Consellería de Educación, como o Plan de Infraestruturas ou a presentación dun informe para a posta en marcha dos graos duais, ou coa CRUE, como a inminente presentación dun documento sobre os departamentos, ou o apoio ás facultades de Belas Artes, materializado nun informe desfavorable ao anteproxecto de Ley de Enseñanzas Artísticas Superiores, presentado polo Ministerio de Educación y Formación Profesional e aprobado en Consejo de Ministros.  

Aprobación dos límites de prazas de grao e máster para o vindeiro curso

As principais novidades nos límites de prazas de titulacións de grao para o curso que vén corresponden á implantación dos graos en Deseño (45 prazas) e ao dual en Enxeñaría da Automoción (20 prazas), así como aos programas de simultaneidade (PCEO) en Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais e en Enxeñaría Agraria e Tecnoloxía dos Alimentos. No caso destes dous PCEOs, o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, confirmou un cambio de última hora nos seus límites de prazas, logo dun correo da Secretaría Xeral de Universidades recibido onte, que obriga a todos os programas de simultaneidade, sexan novos ou non, a facer unha memoria xustificativa segundo unha instrución de 2019. “Púxeme en contacto co decano da Facultade de Ciencias, posto que nas memorias do ambos dos dous PCEOs o número de prazas sobrepasaba un pouco o límite total, que é o 20%, correspondente a cada titulación e o reparto ten que ser 50-50”, detallou Lago. Logo de aplicar o axuste atendendo á demanda da Secretaria Xeral de Universidades, cada un dos PCEOs da Facultade de Ciencias terá un límite de 9 prazas, que se restan dos graos en Enxeñaría Agraria (8), Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (5) e Ciencias Ambientais (5). En calquera caso, a implantación destes títulos, así como a dos graos en Deseño e o dual en Enxeñaría da Automoción, queda pendente da súa verificación ou aprobación por parte da Xunta. 

Outras titulacións que incrementarán o próximo curso o seu límite de prazas son o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, pasando de 72 a 80, para axustar á oferta da memoria; o Grao en Comunicación Audiovisual, por un axuste á oferta da memoria, pasaría das 45 ás 50; e tres prazas máis no Grao en Enfermaría de Povisa, que acadaría as 80, se así o acorda o Consello de Coordinación de Docencia Clínica en Galicia, que se reunirá a vindeira semana.

Pola súa banda, algunhas titulacións de grao experimentarán un descenso límite de prazas que se ofertarán para o curso que vén. É o caso do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos que verá reducido, respecto deste curso, a súa oferta en 20 prazas, atendendo á resolución da Secretaría Xeral de Universidades por exceso de oferta e taxa de graduación inferior ao 35%, nos últimos tres anos. Pola súa banda, o Grao en Enxeñaría Biomédica reduce a súa oferta en 4 prazas pola limitación de actividades prácticas co incremento do alumnado dos PCEOs. Mentres, o Grao en Dereito, manterá a súa oferta de 70 prazas, aínda que solicitara 10 máis. Neste sentido, o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, lembra que “hai un acordo no SUG de que nestas titulacións multiplicadas manteñan un equilibrio que non debería romperse. Non obstante, no caso de que finalmente se abra a oportunidade de incrementar prazas nestas titulacións dentro do SUG, a Universidade de Vigo exercerá o seu dereito a participar en dito incremento. É o caso das titulacións do ámbito xurídico e do das TICs”, detalla.

En relación cos mestrados, o Consello aprobou, tamén por asentimento, a oferta de prazas para catro novos títulos que están pendentes de verificación para a súa posta en marcha o curso que vén. Trátase dos mestrados universitarios en Enxeñaría Aeronáutica (30 prazas); en Xestión Sostible da Auga (10); Fabricación Aditiva (10) e Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica (8).

Na sesión deste xoves, tamén se deu luz verde á tramitación da modificación do título do Máster en Avogacía e Procuradoría, un cambio derivado da aplicación da lei de 2021 que modifica a de 2006 sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador de tribunais, e cuxo desenvolvemento foi aprobado no regulamento aprobado en febreiro de 2023, que obriga a que, a partir do vindeiro curso, o máster debe estar adaptado a dita lei. Aínda que inicialmente a docente e investigadora do Departamento de Dereito Público Especial Carmen Ruíz manifestou a súa intención de absterse neste punto, por considerar que había cousas que no seu centro que non se fixeran ben, finalmente, tras solicitarllo así o reitor, votou a favor.

Regulamento de réxime interno do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais

No ámbito da investigación, o Consello de Goberno aprobou hoxe por asentimento o regulamento de réxime interno do Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais, que iniciaba a súa actividade a principios destes mes coa xuntanza de constitución da súa xunta directiva e a elección do seu director comisario. “Creo que vai contribuír á innovación en física aplicada e en diferentes aspectos do sector aeroespacial, potenciando as sinerxías entre ambos, pero baseado nunha investigación de excelencia, así como a transferencia de resultados para impulsar o desenvolvemento social e empresarial da contorna. Ademais, as titulacións de grao e mestrado de Enxeñería Aeroespacial no campus de Ourense van contribuír, sen dúbida, ao seu crecemento coa retención do talento que as cursa”, sinala a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que engade que “isto permitirá fortalecer o sector aeronáutico e aeroespacial galego cunha investigación aplicada focalizada nos retos da estratexia de especialización intelixente RIS3, así como a relación co sector industrial neste ámbito, o modelo industrial da Galicia do Futuro que marca o reto 2 da RIS3”.

Por outra banda, na sesión de hoxe tamén se deu luz verde á suspensión da actividade do Instituto de Electrónica Aplicada. “Cambiou a lei da Xunta da creación de institutos, cambiaron os nosos estatutos, cambiou o regulamento de institutos, o que había era do ano 1996, o instituto estaba regulado pola antiga LRU e agora tamén desde o día 23 de marzo cambiou a LOSU. En fin, que precisaba adaptarse a todas estas novas leis, normativas e regulamentos e aínda que se fixeron xuntanzas e chamamentos para ver se máis xente se podía incorporar para cumprir os requisitos, non o conseguiron”, explica Belén Rubio. Neste sentido, a vicerreitora de Investigación reitera que tanto na universidade como a Xunta “buscamos crear unidades con suficiente masa crítica e que sexan excelentes para que poidan competir a nivel nacional e internacional”.

Outros acordos

Noutra orde cousas, o Consello de Goberno tamén aprobou hoxe, o acordo das universidades públicas do SUG sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao para o vindeiro curso, así como a ponderación das materias para o acceso á UVigo. Outros dos puntos da orde do día aprobados hoxe por asentimento foi unha solicitude de transferencia de crédito para realizar un cambio de luminarias por LED, co obxectivo de favorecer o aforro enerxético, por importe de 18.000 euros, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.