A UVigo proxecta as súas potencialidades en Perú e Colombia
Unha das principais estratexias das universidades para facer fronte á caída da natalidade, e á consecuente baixada do número de alumnado, é a internacionalización. De feito, para a UVigo a captación de alumnado estranxeiro é unha das súas principais liñas básicas de actuación recollida no seu Plan Estratéxico 2021-2026 e na que se está a traballar arreo. Como exemplo, ao longo desta semana, unha delegación da institución olívica visitou Perú e Colombia co obxectivo de proxectar nestes países as potencialidades dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra para o alumnado suramericano.
Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización, e Iago Pozo, director de Promoción da Internacionalización, representaron á UVigo nas feiras Estudiar en España que se celebraron nestes dous países organizadas polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación, Sepie, e tamén aproveitaron a viaxe para visitar e reunirse con representantes de universidades de Lima e Bogotá. Para a vicerreitora, tanto as feiras como o resto de actividades son “moi importante para darnos a coñecer nestas latitudes e, sobre todo, para a captación de alumnado”, pero tamén nos axuda a abrir novas vías de colaboración con institucións académicas e a “estreitar lazos coas que xa temos acordos”.
Feiras en Lima e Bogotá
O eixo central da viaxe foron as feiras Estudiar en España organizadas por Sepie en Lima e Bogotá para amosar a oferta formativa da universidades españolas. A primeira foi en Lima e contou coa asistencia de arredor de 6000 alumnos e alumnas que amosaron, segundo Del Pozo, “un interese enorme por estudar en España en xeral e na UVigo en particular”. No posto da UVigo puideron informarse dos graos, mestrados e programas de doutoramento así como dos sistemas de acceso.
A segunda, en Bogotá, foi inaugurada polo embaixador de España en Colombia, Joaquín de Arístegui, e nela o alumnado, algo menos numero ca na anterior, tamén amosou “moitísimo interese por estudar en España”. Ademais, engade a vicerreitora, “hai que salientar que España ten con Colombia un convenio de reciprocidade, polo que o alumnado do país suramericano non precisa homologar os seus estudos de bacharelato para matricularse nunha universidade española, o proceso sería o mesmo que se procedesen dunha universidade do espazo europeo de educación superior”.
Maribel del Pozo valora moi positivamente a participación da UVigo nestas feiras, e destaca que o alumnado foi moi receptivo e valorou especialmente “a oferta académica e o posicionamento da UVigo nos ránkings, así como a súa localización, nunha zona que ten un custe da vida menor que outros lugares como Madrid ou Barcelona. Agardamos que moitos dos asistentes continúen cos seus trámites para poder estudar na Universidade de Vigo”.
Visitas ás embaixadas e ás universidades
Paralelamente á feiras, o Sepie organizou nestes días visitas ás embaixadas de España en ambos países, polo que a delegación viguesa tivo a oportunidade de reunirse cos embaixadores e trasladarlles os principais problemas cos que se atopa o alumnado á hora de estudar en España, relacionados principalmente cos visados. “Amosáronse moi receptivos e con gañas de axudar para axilizar trámites”.
A vicerreitora de Internacionalización e o director de Promoción da Internacionalización aproveitaron tamén a súa viaxe para reunirse cos representantes de varias universidades de Colombia e Perú. En Bogotá visitaron a Universidade Nacional de Colombia e a Universidade Nacional a Distancia (UNAD), de onde xurdiron novas iniciativas e posibilidades de colaboración como posibles convenios, mobilidades ou dobres titulacións. En concreto, con esta última vaise poñer en marcha nos próximos meses unha dobre titulación en Dirección e Xestión Pública. En Lima visitaron a Universidade Peruana de Ciencias Aplicadas (UPC), onde tiveron oportunidade de coñecer as súas instalacións (centros educativos, FabLab, laboratorio de enxeñaría, etc.) e establecer posibles vías de colaboración tanto na docencia como na investigación nun futuro próximo. Tamén aproveitaron a viaxe para reunirse con universidades coas que xa existen convenios, como é o caso da universidade La Gran Colombia, coa que a UVigo mantén un acordo marco e outro específico de intercambio.