19 facultades e escolas están representadas na feira que se desenvolve no Pazo da Cultura
A UVigo proxéctase en Edugal ante o seu futuro alumnado
Os centros exhiben múltiples aplicacións prácticas dos seus ámbitos de traballo
Entre este mércores e venres, milleiros de estudantes de secundaria visitarán o recinto feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra co obxectivo de coñecer máis ao detalle diferentes opcións formativas, na décimo terceira edición do Salón de Educación e Formación de Galicia (Edugal), que conta novamente cunha destacada presenza da Universidade de Vigo. De feito, un terzo dos 60 expositores presentes na feira corresponden á institución académica, representada neste evento por 19 facultades e escolas dos tres campus, ás que se suma o posto de Servizos Centrais e do Centro de Posgrao e Formación Permanente. Promovido pola Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra (Aempe), coa colaboración, entre outros, do Consello Social da UVigo, a organización de Edugal cifra en máis de 10.000 persoas o “público potencial” dun evento que este mediodía era inaugurado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. Nesta xornada inaugural participou tamén a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, quen definiu este evento como “unha oportunidade de conectar con estudantes de secundaria e bacharelato”. De aí que incidise na importancia de que a Universidade as súas “titulacións e proxectos, que non só se centran na formación teórica, senón tamén na práctica e a inserción laboral”, nun “escaparate” que permite aos mozos e mozas “tomar decisións informadas sobre o seu futuro”.
Múltiples exemplos dunha “comunidade educativa dinámica”
Como sinalou Lantarón, a UVigo busca presentarse en Edugal como “unha comunidade educativa dinámica e en constante evolución”, permitindo as e os visitantes interactuar, lembra, non só co profesorado dos diferentes centros, senón tamén “con estudantes actuais, que comparten as súa experiencias e consellos”. Con esa idea, a información sobre as diferentes titulacións vese complementada cunha serie de propostas que permiten un achegamento práctico ás súas múltiples aplicacións, desde contemplar como o uso de sodio pode facer explotar un barco de papel, no espazo da Facultade de Química, como percorrer o metaverso da UVigo cuns lentes de realidade virtual, da man da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. No espazo deste centro é posible achegarse ao labor das asociacións estudantís UVigo Space Lab e CES UVigo, presentes tamén no da Escola de Enxeñería Industrial, onde a realidade virtual permite achegarse á enxeñaría biomédica. A realidade virtual está tamén presente no posto da Escola Superior de Enxeñaría Informática, mentres no espazo de Ciencias do Mar é posible observar foraminíferos a través dun microscopio. Outros centros, como a Facultade de Ciencias apostan por amosar os seus ámbitos de estudo a través de experimentos, mentres desde Belas Artes animan aos visitantes a achegarse á experiencia da creación artística participando na creación dun mural colectivo.
Observar mostras de artrópodos, plantas in vitro ou fungos é posible no espazo da Facultade de Bioloxía, mentres que a Escola de Enxeñaría Forestal achega á feira mostras de biocombustibles e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía presenta materiais intelixentes, á vez que promove un xogo de preguntas. A estas propostas súmanse outras actividades, como a posibilidade de medir a tensión da man da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, así como informarse ao detalle das diferentes titulacións da man tanto dos docentes como do propio alumnado. Con ese obxectivo, neste evento están representadas as facultades de Educación e Traballo Social, Dirección e Xestión Pública, Ciencias da Educación e do Deporte, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Tradución, Historia e Ciencias Empresariais e Turismo.