Nun acto presidido pola reitora e celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
A UVigo recoñece como os seus “mellores embaixadores e embaixadoras” os nove estudantes que a representaron nos mundiais universitarios
Acadaron oito podios nos campionatos promovidos pola FISU
Dous ouros, catro pratas e dous bronces acadaron neste 2026 as cinco alumnas e catro alumnos da Universidade de Vigo que foron seleccionados polas súas respectivas federacións para participar nos campionatos do mundo universitarios de piragüismo, squash, deportes de praia e vela. Os seus logros deportivos, mais tamén a súa “capacidade para compatibilizar o deporte de alto nivel cos estudos universitarios”, como salientou a reitora, Carmen García Mateo, foron recoñecidos este martes pola institución académica, nun acto celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Neste centro do campus de Pontevedra fórmanse seis dos nove homenaxeados e homenaxeadas nesta xornada, dos que a reitora destacou que “non hai mellores embaixadores” que elas e eles “para unha Universidade pública como a nosa, que quere estar cada vez máis aberta e conectada co mundo”. O acto abriuse coas palabras de benvida da vicerreitora de Estudantes de Vida Universitaria, Dolores González, quen definiu estes deportistas como “un exemplo do que significa aproveitar a etapa universitaria en todas as dimensións” e contou tamén coa intervención do piragüista Mauro Domínguez, en representación das e dos deportistas que participaron este verán nos mundiais auspiciados pola Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU). “Para nós, levar o nome da Universidade de Vigo polo mundo foi un privilexio”, recoñeceu o alumno da facultade pontevedresa, nun acto que se completou cun vídeo rememorando os seus logros e ao que asistiron tamén a vicerreitora do campus, Marián Fernández, e o secretario da Federación Galega de Piragüismo, Félix Lamas.
Representación en catro modalidades deportivas
Seis destes deportistas participaron o mes de agosto do Campionato do Mundo Universitario de Piragüismo, disputado na localidade húngara de Szeged. Alí, as estudantes do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Irene Lata e María Paraja alzáronse coa medalla de ouro na competición feminina de K2 500 metros. Ambas formaron parte do K4 na que España lograba a medalla de prata na distancia de 500 metros. Desta embarcación formaba parte tamén a estudante da Facultade de Deseño Uxía Rodríguez, que acadou ademais outra prata na proba individual do K1 1000 metros.
Neste mesmo torneo, Mauro Domínguez lograba o bronce no K2 1000 metros, mentres que o tamén alumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Gutier Picón formou parte do C4 que lograba a prata na distancia dos 500 metros. Ademais, a UVigo tamén estivo representada nesta cita polo estudante da Escola de Enxeñería Industrial Yoel Becerra, quen competiu con Uruguai, quedando ás portas da medalla na proba de C1 1000 metros.
Becerra non puido acudir a estea homenaxe, ao igual que Marta Domínguez, quen lograba en Mumbai o seu segundo título consecutivo de campioa do mundo de campioa do mundo universitaria de squash. Formada tamén na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Domínguez logrou ademais o bronce por equipos na que foi a súa terceira participación nun mundial universitario. Estudante tamén desta facultade, Saúl Bello acadou en setembro a medalla de prata na competición de loita praia masculina de menos de 80 quilos, no Campionato do Mundo Universitario de Deportes de Praia, disputado na localidade portuguesa de Figueira da Foz. Semanas despois, a presenza de estudantes da UVigo nos mundiais universitarios completábase coa participación da estudante da Escola de Enxeñería Industrial Stella Maris Enríquez, no mundial de vela disputado en Croacia.
Un recoñecemento alén das medallas
“Grazas por representarnos, por levar o noso nome polo mundo e por contribuír a facer desta unha Universidade mellor”. Deste xeito pechaba a reitora a súa intervención nun acto que non tiña só como obxectivo recoñecer os seus “magníficos resultados”, senón tamén pór en valor “todo o traballo que hai detrás” e a súa capacidade para compaxinar o deporte de alto nivel cos estudos universitarios. Recoñecemento que a reitora quixo facer extensivo ás súas familias, federacións, clubs, equipos técnicos, profesorado e facultades, “porque detrás de cada éxito individual hai tamén un importante esforzo colectivo”.
Esta idea, salientou García Mateo, conéctase á co obxectivo da UVigo de “construír comunidade e reforzar o orgullo de pertenza a un proxecto compartido”, o que levouna a pór o foco na aposta do equipo de goberno por “campus vivos, nos que estudar, convivir, participar, practicar deporte e compartir experiencias”. A reitora lembrou ás homenaxeadas e homenaxeados que, do mesmo xeito que “vos pedimos que levedes con orgullo o nome da UVigo”, a institución ten a responsabilidade de favorecer que poidan desenvolver nela o seu “talento académico e deportivo”.
García Mateo salientou así mesmo que optouse por levar a cabo este recoñecemento en Pontevedra, “para recoñecer o magnífico traballo” que se desenvolve nun campus “especialmente vinculado á educación física e ao deporte”, que conta “cunha identidade propia e cunha contribución moi importante ao proxecto común da Universidade de Vigo”.
Nesa mesma liña, Dolores González subliñou que, alén dos logros deportivos, con este acto “estamos recoñecendo tamén o tipo de estudantes que sodes e os valores que representades”. Nese senso, a vicerreitora puxo en valor as “moitas horas de adestramento, de disciplina, de constancia, de esforzo e de renuncias” que hai detrás de cada logro deportivo, e que no seu caso teñen que compaxinar cos estudos universitarios. De aí que lles lembrase as “aprendizaxes tremendamente valiosas para o voso futuro profesional” que implica esta experiencia, posto que “o deporte ensínanos a ser constantes, a traballar por obxectivos, a tomar decisións baixo presión e a que os resultados non son sempre inmediatos”, así como a “confiar nas nosas capacidades”.
Un premio “ao esforzo invisible”
Alumno do Grao en Educación Primaria, Mauro Domínguez trasladou o “orgullo enorme” que supuxo para estas nove alumnas e alumnos tomar parte este verán nuns mundiais, aos que acudiron co “orgullo de saber que detrás de nós había unha comunidade universitaria enteira que nos apoiaba”. Integrante do grupo de adestramento de kaiak sénior e sub23 da federación española, Domínguez recoñeceu que “compaxinar os exames, os traballos e as horas de clase coas esixencias, as viaxes e os adestramentos do deporte de elite non é algo nada sinxelo”. De aí que definise este recoñecemento como “un premio ao esforzo invisible, a levantarse cedo, a estudar nos avións ou a renunciar a moitos momentos de lecer”.
Isto levouno a efectuar un agradecemento á Universidade “por facilitarnos ferramentas, como o Estatuto do Estudantado Deportista, para conciliar a nosa vida académica coa deportiva”, sinalando o seu desexo de que nos mundiais universitarios tiveran deixado “o pavillón ben alto, non só no deportivo, senón demostrando valores de respecto, compañeirismo e superación que aprendemos aquí cada día”.
