Segundo o informe do 2025 elaborado pola Fundación Haz
A UVigo renova o Selo T*** reconfirmándose como unha das universidades máis transparentes do Estado
A institución tamén se sitúa entre as mellores de España segundo a plataforma Dyntra
O Examen de Transparencia 2025 elaborado pola Fundación Haz volve situar a Universidade de Vigo como unha das máis transparentes do Estado. Así se recolle na nova edición do Informe de transparencia y buen gobierno de las universidades españolas, no que a institución académica viguesa mantén un índice de cumprimento do 98% dos indicadores e polo tanto renova o selo de transparencia T na categoría de tres estrelas, o máximo posible que concede esta fundación.
O documento, que analiza o comportamento de 49 universidades públicas, outorga á UVigo unha puntuación superior á media das institución públicas que se sitúa no 89% de cumprimento. Deste xeito, a institución olívica sitúase no grupo de cabeza, xunto con outras 12 universidades, que este ano obtiveron un 98% de cumprimento, a puntuación máis alta nesta edición. Ademais, a UVigo mantén os resultados respecto da pasada edición deste estudo, cando conseguira cumprir 30 indicadores na súa totalidade e un parcialmente, obtendo así 61 puntos dun total de 62 posibles.
Estes resultados permiten á UVigo renovar o Selo T***, a máxima cualificación posible, para a que se require cumprir polo menos o 90% de indicadores. Para a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, “un ano máis da Universidade logrou acadar uns resultados moi favorables no eido da transparencia e grazas ao esforzo de toda a comunidade universitaria logrouse o distintivo que nos pon nunha situación de referencia en relación con todo o sistema universitario público”. Reboreda destaca para a consecución deste recoñecemento, en especial, o traballo desenvolvido pola Unidade de Análises e Programas da UVigo.
Evolución dos indicadores da UVigo
O informa avalía 31 indicadores de transparencia relacionados con diferentes eidos como persoal, estatutos, salarios, nivel de endogamia, auditorías, ránkings, investigación, empregabilidade, etc. A Universidade de Vigo obtén o cumprimento total en 30 deles e un cumprimento parcial no indicador Responsable de Compliance (cumprimento normativo), do Consello Social.
En relación con este indicado, na avaliación deste ano a Fundación Haz indica que “só se outorgou un cumprimento parcial en Responsable de Compliance porque a UVigo dispón dunha Comisión de Convivencia e Bo Goberno que atende dúbidas e tramita denuncias relacionadas co cumprimento do Código Ético. Non obstante, como se comentou o ano pasado, o Responsable de Compliance debe abarcar competencias máis amplas que as estritamente vinculadas ao Código Ético e, pola súa natureza, como tamén sinala a LOSU debería depender directamente do Consello Social”
O 96% das universidades públicas son transparentes
No informe da Fundación Haz de 2025 os campus públicos obteñen o mellor resultado global de todos os anos, co 96 % cualificados como transparentes, o 4% translúcidos e ningún opaco.
Nesta edición a área cun desempeño máis baixo continúa sendo a relativa ao Consello Social (cun cumprimento medio total do 57%) e a Ética e compliance (cun 47%). O punto máis crítico indicado polo informe é o indicador de Responsable de compliance, xa que ningunha universidade adaptou as súas estruturas ás exixencias da LOSU, que require a creación dun órgano especializado dependendo do Consello Social, o que supón a principal materia pendente do sistema.
Ránking Dyntra, a UVigo mantén o 3º posto
Por outra parte, a UVigo segue estando entre as universidades máis transparentes no ránking de transparencia de universidades da plataforma Dyntra. Neste caso, mellorouse o cumprimento dos indicadores pasando de 160 o ano pasado a 163 este ano, o que permite conservar o terceiro posto, por detrás das universidades de Zaragoza e Murcia con 165 indicadores. A porcentaxe global e cumprimento é do 96,45% que se desglosa para o apartado de Transparencia institucional cun 96,43%, Comunicación pública cun 92%, Participación e colaboración cun 100%, Transparencia económica-financeira cun 100% e Contratación de servizos cun 94,74%.
A Universidade de Vigo figura tamén na terceira posición do ránking de administracións públicas de plataforma Dyntra, sendo polo tanto, a universidade máis transparente do SUG e a administración máis transparente de Galicia.
