A UVigo segue subindo no QS World University Ranking e sitúase entre as 801-850 mellores universidades do mundo
A vixésimo terceira edición do QS World University Ranking, publicada este xoves, volve traer boas novas para a Universidade de Vigo. A institución olívica consegue os seus mellores resultados dende que comezou a ser avaliada polo analista global de educación superior QS Quacquarelli Symonds en 2018. Neste novo ránking, a UVigo sitúase na franxa das 801-850 das mellores universidades do mundo e ocupa o posto 22 na listaxe nacional. Estes resultados supoñen un avance respecto da edición do pasado ano, na que a UVigo estaba na franxa das 851-900, o que melloraba, á súa vez, os resultados de 2024, cando estaba no treito 901-950.
Deste xeito, a UVigo confirma a súa crecente excelencia recoñecida polos ránkings internacionais, coa sostibilidade, as citacións por profesorado e as redes internacionais de investigación como as súas principais fortalezas.
Sostibilidade e a I+D, claves
O QS World University Rankings baséase nun índice ponderado de indicadores artellados arredor de cinco bloques: os relacionados coa investigación supoñen un 50% da puntuación; a empregabilidade outro 20%; o compromiso global, 15%; a experiencia de aprendizaxe un 10%; e sustentabilidade un 5%. A edición de 2027 avalía máis de 1500 universidades en 106 sistemas de educación superior, incluídas 48 en España.
Os mellores resultados da UVigo nesta edición volven estar relacionados coa sostibilidade e a I+D. De feito, as políticas verdes, medioambientais e de sostibilidade postas en marcha pola institución nos últimos anos seguen a ser un dos seus puntos fortes, ocupando a universidade, segundo o QS World University Rankings 2027, o posto 357 entre as principais universidades do mundo, sendo este o eido no que se obteñen mellores resultados (78.1 puntos).
Nun posto moi similar, 368, é no que se sitúa a UVigo atendendo ás redes internacionais de investigación (80.7 puntos), mentres que no referido ás citacións por profesorado acada o posto 524 (35.7 puntos). Este último é o eido no que máis ascende a institución olívica, que na anterior edición estaba no posto 555 e, de feito, esta melloría é un dos aspectos máis determinantes para a mellora na posición global.
A reputación académica (14.3) e a reputación do empregador (9.7) son outros dos aspectos mellorar valorados, situándose na franxa 701+. No resto dos indicadores avaliados [resultados laborais (7.1); proporción entre profesorado e alumnado (16.3); profesorado internacional (4.7) e alumnado internacional (12.7)] a UVigo ocupa o posto 801+.
O MIT lidera a clasificación por décimo quinto ano consecutivo
Por décimo quinto ano consecutivo, o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) lidera o QS World University Ranking, seguido polo Imperial College London, que permanece no segundo lugar por terceiro ano, compartindo o posto coa Universidade de Stanford. A Universidade de Oxford ocupa o cuarto posto e a Universidade de Harvard o quinto, manténdose nas mesmas posicións que o pasado ano.
Ademais de Estados Unidos e Reino Unido, Suíza e Singapur son os únicos sistemas de educación superior que conseguen entrar entre os dez primeiros: ETH Zurich queda en oitavo lugar e a Universidade Nacional de Singapur no décimo. Non hai novas entradas no Top10 respecto da edición anterior, mentres que a Universidade de Yale, a Universidad China de Hong Kong e a Universidade Johns Hopkins entran entre os 20 primeiros. Estados Unidos segue sendo o sistema de educación superior máis representado, con 184 universidades, seguido polo Reino Unido con 93 e China continental con 85.
Universitat de Barcelona lidera a clasificación estatal, na que a UVigo ocupa o posto 22
Das 48 universidades españolas avaliadas neste informe, é a Universitat de Barcelona a que obtén mellores resultados, liderando a listaxe estatal e ocupando o posto 165 entre as mellores do mundo. Por detrás están a Complutense de Madrid, no posto 199; a Universitat Autònoma de Barcelona, no 211; a Universidad Autónoma de Madrid, no 226 e a Universitat Pompeu Fabra, no 263, que completan o quinteto das institucións españolas mellor valoradas. A UVigo ocupa o posto 22 das mellores universidades españolas, subindo dous lugares respecto da edición previa. Dez das universidades españolas que aparecen no ránking fanno por primeira vez.
