DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo SpaceLab

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Investigación
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI 05/11/2024

A agrupación de estudantes de UVigo SpaceLab tivo este martes a oportunidade de presentarlle ao delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, os últimos avances acadados na misión biolóxica espacial BIXO, desenvolva ao abeiro do programa Fly Your Satellite! Design Booster, unha iniciativa coa que a Axencia Espacial Europea brinda todo o seu apoio, incluíndo o acceso ás súas instalacións, aos mellores proxectos desenvoltos por equipos de estudantes de diferentes universidades a nivel internacional.

Nesta ocasión achegáronse á Zona Franca a coordinadora do equipo e responsable do Organización e Marketing, Estela Lima; o líder técnico e responsable de Electrónica, Guillermo Calvo; xunto cos coordinadores dos departamentos de Bioloxía, Iliana Durán, e  Software, Víctor Iglesias.

A noticia de que UVigo SpaceLab era un dos equipos seleccionados para participar nesta innovador programa da ESA chegou a Vigo a finais de 2022 e, dende entón, o equipo vigués foi superando diferentes etapas. Nun primeiro intre sete membros do equipo desprazáranse ao Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía Espacial (ESTEC), o principal centro de investigación e desenvolvemento da ESA, para recibir unha semana intensiva de formación específica sobre para o desenvolvemento dunha misión espacial, despois da cal se incorporaron á misión BIXO diferentes melloras.

Prototipos das distintas partes do satélite

Durante a xuntanza con Regades o equipo amosoulle ao delegado do Consorcio da Zona Franca diverso material que foi deseñado grazas ao asesoramento recibido durante a participación do equipo no Fly Your Satellite! Design Booster e fabricado grazas ao apoio e colaboración de diversas empresas e institucións. 

Por unha banda, amosaron o terceiro prototipo da estrutura do satélite, deseñado polo equipo e fabricado por Precisgal, que incorporou as melloras detectadas na segunda iteración en canto a apertes e acabados, xunto co switch, o mecanismo que permitirá manter o satélite apagado ata o seu despregamento en órbita. Ademais, presentouse o deseño final da antena de parche de banda S, deseñada polo equipo, fabricada por Star Electrónica e probada na sala anecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que irá a bordo de BIXO e permitirá unha alta taxa de descarga de información unha vez estea en órbita.

Por outra parte, tamén se presentou un prototipo avanzado do sistema microfluídico, ensamblado co hardware de medición do experimento biolóxico e explicáronse as últimas probas levadas a cabo para a integración do liófilo da bacteria. Finalmente, presentouse o FlatSat, unha placa basee fabricada por Star Electrónica e deseñada polo equipo para probar de forma segura os subsistemas comerciais TOTEM e TRISKEL de Alén Space e o picoEPS de DHV Technology. 

Lanzamento en vías de definición

Respecto a a posta en órbita da misión, durante a xuntanza lembrouse que BIXO será lanzado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento (CSAC) a bordo dun foguete Longa Marcha ou Smart Dragon Series, oportunidade que xurdiu tras gañar o primeiro posto no Space Universities CubeSat Challenge (SUCC), organizado conxuntamente coa Federación Internacional de Astronáutica (IAF).

Na actualidade, está a traballarse en contacto co lanzador para coñecer os requisitos que BIXO deberá cumprir para este lanzamento, lanzamento que se agarda poida realizarse ao longo de 2025, se ben esta aínda non é definitiva. No pasado mes de outubro, durante a participación do equipo no IAC 2024, mantívose unha reunión onde se coñeceron máis detalles e requisitos dese último apartado da misión, “estando cada vez máis preto da posta en órbita da quinta misión dentro da universidade”, subliñaron dende o equipo.